Reducir o consumo de carne de vacún e lácteos, clave para protexer o planeta

Científicos galegos defenden mudanzas nos nosos hábitos alimentarios para gozar dunha mellor saúde e para reducir a pegada de carbono e hídrica.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/05/2022 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

A sostibilidade ambiental e dos recursos do planeta pasa por varios factores. Un deles, clave, mais non o único, é o tipo de alimentación que temos. A comunidade científica leva tempo investigando sobre o impacto medioambiental da produción, transporte, comercialización e consumo das distintas dietas, xa que se sabe que teñen un efecto significativo no cambio climático. De feito, son xa numerosos os estudos que mencionan o impacto ambiental asociado con diferentes alimentos, especialmente os de orixe animal. Nunha nova achega, científicos do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), da Universidade de Santiago de Compostela, avisan de que o consumo de carne e de lácteos é “responsable das maiores pegadas de carbono e hídrica na dieta española”, polo que animan a reducilo.

Carne de rubia galega do restaurante Iberica en Manchester
Carne de rubia galega do restaurante Iberica en Manchester | Fonte: Manchester Evening News.

O equipo do CRETUS comparou os impactos medioambietais do que chaman “patrón dietético español” (baseado na Enquisa de Consumo dos Fogares do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación) coa dieta proposta pola Comisión EAT-Lancet, a cal reuniu 37 científicos destacados de 16 países en diversas disciplinas, incluída a saúde humana, a agricultura, as ciencias políticas e a sostibilidade ambiental para desenvolver obxectivos científicos mundiais para conseguir dietas saudables e unha produción sostible de alimentos.

Expertos avisan de que só se poderá alimentar os 10.000 millóns de persoas que habitarán o planeta en 2050 con dietas nas que predominen os alimentos de orixe vexetal

As propostas desta Comisión foron recollidas no informe ‘Alimentos, Planeta, Saúde. Dietas saudables a partir de sistemas alimentarios sostibles’, un primeiro intento de establecer obxectivos científicos universais para o sistema alimentario aplicables a todas as persoas e ao planeta en base a dous parámetros do sistema alimentario mundial: o consumo final (dietas saudables) e a produción (produción sostible de alimentos).

Estes factores, segundo os expertos e expertas, impactan de maneira desproporcionada na saúde humana e a sostibilidade ambiental, xa que os sistemas alimentarios teñen impactos ambientais en toda a cadea de subministración, desde a produción ata o procesamento e a distribución, e ademais van máis aló da saúde humana e ambiental ao afectar tamén a sociedade, a cultura, a economía e a saúde e benestar dos animais.

Así, a Comisión EAT-Lancet alertou de que só se poderá alimentar os 10.000 millóns de persoas que habitarán o planeta en 2050 con dietas nas que predominen os alimentos de orixe vexetal, aínda que investigadores e investigadoras de institucións científicas de Estados Unidos, Australia, Xapón, Islandia, Filipinas, Reino Unido e Galicia tamén veñen de propoñer tamén a maricultura sostible (acuicultura oceánica ou mariña) como “un paso vital para alimentar os miles de millóns de persoas adicionais que se agarda que habiten o mundo a finais de século”.

Volvendo ao informe da Comisión EAT-Lancet, exponse que “o consumo mundial de froitas, vexetais, froitos secos e legumes deberá duplicarse, e o consumo de alimentos como a carne vermella e o azucre deberá reducirse en máis do 50%” para acadar os obxectivos de alimentar a toda a poboación dun xeito saudable e de coidar o planeta e os seus recursos. “Unha dieta rica en alimentos de orixe vexetal e con menos alimentos de orixe animal confire unha boa saúde e beneficios ambientais”, apuntan os expertos, que sinalan que unha dieta sa e sostible non debe superar os 300 gramos de carne á semana, cando no Estado español se consumen de media máis de 250 gramos ao día.

Tomando como referencia a dieta EAT-Lancet e os seus principios de calidade nutricional e sostibilidade ambiental, o equipo do CRETUS comparou esta cos patróns alimentarios en España, comparando as súas pegadas de carbono e hídrica.

"É evidente que o patrón alimentario español actual difire significativamente dos obxectivos sobre a adopción de dietas saudables elaboradas de xeito sostible”

A pegada de carbono é a cantidade de gases de efecto invernadoiro (GEI) emitidos por efecto directo ou indirecto dos alimentos, e a pegada hídrica, pola súa banda, é un indicador ambiental que define o volume total de auga doce utilizado para producilos e consumilos. Cada alimento dos que consumimos deixa pegadas, pero polas súas características naturais e a súa forma de produción, distribución, preparación e refugallos, cada un deixa un maior ou menor impacto.

Para proporcionar un contexto adicional, tamén analizaron desde o enfoque da sostibilidade as diferenzas entre o patrón alimentario medio en España e as pautas dietéticas aplicadas noutros países de Europa (Italia, Países Baixos e rexión mediterránea) e América.

O que observaron foi que a dieta EAT-Lancet require menos recursos hídricos (3.056 litros de auga por persoa e día) e menor nivel de emisións de GEI (2,13 kg de CO2 equivalente por persoa e día) que o patrón dietético español (3.732 litros por persoa e día, e 3,62 kg de CO2 equivalente).

No caso do patrón suxerido polos expertos da Comisión EAT-Lancet, os produtos a base de amidón e os aceites e graxas foron os que máis contribuíron a ambos os dous indicadores ambientais, mentres que a carne e os lácteos foron os alimentos que maior impacto ambiental teñen na dieta española.

Para os investigadores, "é evidente que o patrón alimentario español actual difire significativamente dos obxectivos de EAT-Lancet sobre a adopción de dietas saudables elaboradas de xeito sostible”. Como comentan, un cambio cara ás recomendacións de EAT-Lancet requirirá unha redución significativa de alimentos de orixe animal (produtos lácteos, carnes, peixes e mariscos), repostaría e pratos preparados ou precociñados, e un aumento dos alimentos de orixe vexetal (verduras, legumes, alimentos de soia, produtos a base de amidón, froitos secos e aceites e graxas). Especialmente, ven necesario “reducir o consumo de carne de vacún e lácteos a un nivel acorde cos obxectivos ambientais globais establecidos pola Comisión EAT-Lancet”, o cal, din, “aseguraría un cambio nos hábitos alimentarios españois cara a pautas de consumo alimentario máis sostibles para o medio ambiente”.

MELLORES PATRÓNS

Ao comparar o patrón dietético español medio con outras dietas recomendadas europeas e americanas, as maiores diverxencias en termos de pegada de carbono e hidríca déronse no consumo de carne.

Como explican Cristina Cambeses Franco e Gumersindo Feijoo Costa, coautores do estudo realizado no CRETUS, en Europa existen varias opcións dietéticas tradicionais saudables, entre as que sitúan, por exemplo, a dieta mediterránea ou a nova dieta nórdica, sobre a que veñen de propoñer tamén unha adaptación aos escenarios dietéticos da península ibérica (dietas atlántica e mediterránea). Tamén destacan as guías alimentarias de Países Baixos e Italia, baseadas no consumo diario de máis froitas e vexetais, a promoción de produtos integrais e a limitación no consumo de carne vermella, lácteos, bebidas azucradas, sal e bebidas alcohólicas. E do outro lado do Atlántico, salientan as guías dietéticas deseñadas polo Departamento de Saúde e Servizos Humanos de Estados Unidos, en colaboración co Departamento de Agricultura, que se actualizan cada cinco anos desde a súa publicación en 1980.

Os científicos destacan as guías dietéticas italianas e a dieta mediterránea como patróns máis respectuosos co medio ambiente

Ao comparar a dieta mediterránea, a nórdica, a holandesa, a italiana, a estadounidense e a as directrices dietéticas da Estratexia para a Nutrición, Actividade Física e Prevención da Obesidade (NAOS) en España, observaron que as guías dietéticas italianas e a dieta mediterránea son as que presentan os mellores perfís desde a perspectiva do cambio climático. Pola contra, a dieta norteamericana foi a que presentou o maior impacto ambiental.

En canto á calidade nutricional, determinaron que sobresae a dieta mediterránea, mentres que as que peor perfil teñen son a holandesa e norteamericana, as peores en base aos indicadores nutricionais. “O pésimo resultado nutricional da guía holandesa débese a un menor contido de vexetais, froitas, peixe e fibra en xeral. Pola súa banda, o alto contido en ácidos graxos saturados e sodio nas guías alimentarias americanas explica a súa baixa posición nesta clasificación”, explicaron.

DIETA ATLÁNTICA

Con todo, estes investigadores non incluíron nestes últimos estudos a dieta atlántica, propia de Galicia e norte de Portugal. Sábese, por exemplo, que esta dieta pode axudar a reducir o risco de morte, pero tamén foi proposta desde o campo científico como “unha opción dietética alternativa á mediterránea”, igual de válida polos seus “beneficios ambientais e para a saúde humana”.

Un estudo realizado tamén na Universidade de Santiago de Compostela, no que participou Gumersindo Feijoo Costa, alerta precisamente de que a dieta galega actual é menos saudable e máis contaminante que a atlántica tradicional, que se atopa en declive.

O patrón dietético actual dos galegos é menos saudable e máis prexudicial para o planeta, polo que se pide unha volta á dieta atlántica tradicional

Os científicos do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC) compararon o impacto ambiental e nutricional da dieta atlántica tradicional coas tendencias de consumo actuais. “Pódese concluír que o patrón de consumo real en Galicia está lonxe do recomendado, con peor calidade ambiental e nutricional”, afirman os investigadores.

Así, o patrón dietético actual dos galegos é menos saudable e máis prexudicial para o planeta, xa que ten puntuacións moito máis baixas nos índices nutricionais e unha pegada contaminante máis alta que as recomendacións da dieta atlántica tradicional.

DIETA EAT-LANCET COMO PATRÓN UNIVERSAL

A Comisión EAT-Lancet describe cuantitativamente unha dieta sa universal de referencia, que se basea no aumento do consumo de alimentos como verduras, froitas, cereais integrais, legumes e froitos secos, e a diminución do consumo de carnes vermellas, azucre ou cereais refinados. Esta dieta proporcionaría maiores beneficios para a saúde e axudaría a incrementar as posibilidades de alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible definidos pola ONU.

No informe descríbese o que constitúe unha dieta sostible, principalmente integrada por alimentos de orixe vexetal con baixas cantidades de alimentos de orixe animal, cereais refinados, alimentos sumamente procesados ou azucres engadidos. Para lograr este obxectivo, será preciso reducir o consumo mundial de alimentos, como as carnes vermellas e o azucre, nun 50 % e duplicar a inxesta de froitos secos, froitas, verduras e legumes.

Estas son as propostas da Comisión EAT-Lancet no informe ‘Alimentos, Planeta, Saúde. Dietas saudables a partir de sistemas alimentarios sostibles’:

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta