Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2022 | Actualizada ás 12:58
Un total de seis auxiliares de conversación en ucraíno incorporaranse ata o mes de decembro a doce centros educativos públicos galegos para apoiar a escolarización dos refuxiados que chegaron a Galicia tras o inicio da invasión rusa.
En concreto, segundo detallou a Delegación do Goberno nunha nota de prensa, os centros que reciben este apoio na provincia da Coruña son: o CEIP Plurilingüe Mestre Rodríguez Xixirei, en Santiago de Compostela; o CEIP Plurilingüe de Outes; o CEIP Valle Inclán e o CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal, en Oleiros; o CEIP Manuel Fraga Iribarne, en Cariño e o CPR Plurilingüe San Xosé, en Pontedeume.
Así mesmo, na provincia de Ourense, os centros beneficiados son o CEIP Vistahermosa de Ourense; o IES Xermán Ancochea Quevedo e o CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso, na Pobra de Trives. Por último, na provincia de Pontevedra, este reforzo chegará ao CPR Plurilingüe Sacro Corazón, en Lalín; ao CEIP Plurilingüe García Barbón, en Vigo e ao CEIP Plurilingüe San Narciso, en Marín.
O delegado do Goberno, José Miñones, puntualizou que as seis auxiliares --todas mulleres-- son residentes en Galicia e xustificou a elección destes 12 centros por ser os colexios e institutos "onde hai maior número de menores refuxiados escolarizados".
Así mesmo, destacou que esta colaboración permitirá "mellorar a integración e o benestar dos nenos que residen temporalmente en Galicia tras fuxir da guerra". Unha situación que cualificou de "emerxencia", ante a que, asegurou, as administracións e as entidades sociais están a responder de maneira "áxil e coordinada".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.