A Xunta critica a reforma laboral: "Lévanos á precariedade indefinida"

A conselleira de Emprego fala dun incremento de "máis dun 1.250%" dos contratos fixos-descontinuos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2022 | Actualizada ás 19:43

Comparte esta noticia

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, avisou de que a reforma laboral provocou un incremento de "máis dun 1.250%" dos contratos fixos-descontinuos. "Pasamos da precariedade temporal á precariedade indefinida", asegura.

En resposta a unha interpelación do PSdeG no pleno do Parlamento, a conselleira chamou a atención acerca de que un de cada catro contratos no último mes, o 25%, foron desta modalidade de fixos-descontinuos. Por iso, reproba o exercicio de "maquillaxe" que o Goberno central realiza cos datos de emprego.

Remarca que os traballadores fixos-descontinuos "non figuran na lista do paro", aínda que cobran axuda de desemprego cando teñen o contrato en suspesión. Así, expón que a reforma laboral trouxo un incremento exponencial do seu uso, pero remarca que "non son contratos indefinidos a xornada completa".

Pola súa banda, Carmen Rodríguez Dacosta (PSdeG) recriminou que o legado que deixa Alberto Núñez Feijóo tras a súa marcha de presidente da Xunta é a caída de máis 90.000 persoas de poboación activa en Galicia, así como un descenso da poboación ocupada de case 65.000 persoas.

Tras reprochar á conselleira de Emprego que "se mantivese en silencio" en relación coa agresión do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a unha sindicalista, a deputada socialista remarcou que Galicia "necesita un plan de choque para mozos e desempregados de longa duración", ademais do fortalecemento do servizo público de emprego.

En cambio, a conselleira lamentou un balance do PSdeG que considera "francamente inxusto", á vez que fixo un "profundo recoñecemento" da etapa de Feijóo na "mellora do benestar" dos galegos.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, no Parlamento. XUNTA
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, no Parlamento. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 JLo

Pois aplicade o conto porque por poñer un exemplo, no servizo de incendios forestais 1000 persoas traballan 6 meses ó ano e 450, 9 meses. Mais dun 70% da plantilla é fixo disxontínuo. O conselleiro ainda non se percatou qie mentras os bombeiros sexan precarios o servizo será precario e nunca profesional, como a el lle gusta airear.