Os casos activos de covid-19 caen por baixo dos 9.000 tras un fin de semana con 21 ingresados máis

O Sergas notifica 922 novos contaxios e outro cinco falecidos con coronavirus desde o venres

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2022 | Actualizada ás 11:38

Comparte esta noticia

Os casos activos de covid-19 detectados en Galicia caeron durante o fin de semana en 854, ata os 8.847 en total, tras detectarse 922 novos contaxios desde o venres. Con todo, a cifra de hospitalizados volveu a crecer en 21, ata os 486. Segundo os datos actualizados este luns pola Consellería de Sanidade, con rexistros ata as 18,00 horas do domingo, recollidos por Europa Press, durante o fin de semana --o domingo non se publican datos-- os ingresados en planta con coronavirus subiron a 459 --15 máis-- e os de unidades de coidados intensivos aumentaron a 27 --6 máis--.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en tres das sete, mentres que crece nas catro restantes. Entre as que empeoran está Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, que mantén 73 ingresados con covid (+10), dos cales catro (+1) están críticos.

Tamén subiu a cifra de hospitalizados na área de Vigo, a 61 (+9), un deles en UCI (+1); na de Lugo-A Mariña-Monforte, a 39 (+8), dos que tres están en coidados intensivos (sen variación); e na de Pontevedra-O Salnés, onde soben a 69 (+4), catro deles críticos (non varían).

Pola súa banda, a presión asistencial diminuíu na área da Coruña-Cee, ata os 133 ingresados en total (-4), aínda que subiron a sete os que permanecen en UCI (+2); na de Santiago-Barbanza, a 81 (-4), con cinco en críticos (+2); e na de Ferrol, con 30 hospitalizados (-2), tres deles en coidados intensivos (sen variación).

CASOS ACTIVOS EN DESCENSO

Os casos activos de covid-19 manteñen a súa tendencia á baixa ao rexistrar Sanidade 8.847 pacientes, que supoñen 854 menos que as notificadas o venres ao contabilizarse máis altas (1.771) que novos contaxios desde entón (922), ao que hai que sumar cinco falecidos.

Este descenso replícase nas sete áreas sanitarias. Así, a da Coruña-Cee é a que contabiliza máis infeccións activas con 2.017 (-190), seguida de Vigo con 1.630 (-183) e de Santiago-Barbanza con 1.433 (-113).

Tras estas, sitúanse a de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con 1.208 pacientes covid (-115), a de Pontevedra-O Salnés con 1.009 (-75), a de Lugo-A Mariña-Monforte con 917 (-120) e a de Ferrol con 621 (-54).

CONTAXIOS E INCIDENCIA

Con respecto aos novos contaxios de coronavirus detectados desde o venres, foron 922. O fin de semana anterior foran 1.190, polo que este dato rexistra unha tendencia á baixa. Con todo, hai que ter en conta que co novo protocolo xa non se contabilizan os autotest positivos e non se fan probas de diagnóstico a poboación en xeral, salvo á vulnerable.

Por áreas sanitarias, desde o venres rexistráronse 198 positivos na área da Coruña, 161 na de Santiago, 151 na de Vigo, 125 na de Lugo, 120 na de Ourense, 99 na do Salnés e 68 na de Ferrol.

Traslado dun paciente con Covid ao Hospital de Lugo.. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Traslado dun paciente con Covid ao Hospital de Lugo.. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

PCR E POSITIVIDADE

Ao longo do fin de semana, Sanidade levou a cabo 2.062 probas PCR en Galicia, que se elevan a 3.901.965 desde o inicio da pandemia. Do mesmo xeito, realizáronse 2.071 test de antíxenos e soben a 1.762.199 os feitos en Galicia desde o comezo da crise sanitaria.

En canto á taxa de positividade --número de PCR positivas por cada 100 realizadas--, descende ao 30,5% despois do 37,05% dos datos do sábado e do 41,19% do venres. Así, mantense por encima do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

FALECIDOS

As vítimas da pandemia da covid-19 en Galicia rexistradas na web do Sergas increméntanse ata 3.496 ao notificar Sanidade cinco óbitos, todos con patoloxías previas.

En concreto, contabilizáronse catro mortes o venres, 27 de maio: dous homes de 82 e 77 anos na área da Coruña, outro home de 97 na de Ourense e unha muller de 88 na de Pontevedra. Ademais, o sábado, día 28, morreu con covid un home de 93 na área sanitaria coruñesa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta