'A festa do emigrante', o documental que tece os vínculos entre patrimonio e comunidade

O filme, realizado por Sara Traba, presentarase no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) o vindeiro 16 de xuño.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O patrimonio é moito máis ca un recurso sostible, é tamén un signo de identidade das comunidades que viven nel. Sobre esta relación afonda A festa do emigrante, un documental realizado por Sara Traba (autora de As vacas de Wisconsin) que se presenta no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) o vindeiro 16 de xuño. O audiovisual forma parte do proxecto de investigación “Arquitecturas da Paisaxe e do Cambio” que lidera a arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea do Grupo de Investigación Síncrisis. Trala proxección haberá un debate co público conducido por Encarna Otero.

Documental 'A festa do emigrante'
Documental 'A festa do emigrante' | Fonte: USC

O adro da igrexa da freguesia do Extremo (Arcos de Valdevez, Portugal) convértese cada agosto nunha celebración que funde música, comida, ritos e as saudades dos emigrantes que volven no verán á terra. É a festa do emigrante, unha xuntanza que vai máis aló dunha simple celebración, xa que supón un vínculo entre a xente e o seu territorio. A realizadora Sara Traba plasma esa relación neste traballo audiovisual que pon o acento nas persoas, na comunidade. O documental pretende ser tamén unha reflexión sobre a incerteza dun futuro cheo de patrimonios que poden quedar baleiros de memoria.

O traballo de Sara Traba é tamén un dos resultados do proxecto 'Arquitecturas da Paisaxe e do Cambio' realizado na Universidade de Santiago de Compostela, e tamén dun proxecto de posta en valor dunhas fortificacións excepcionais polo seu estado de conservación financiado pola Câmara de Arcos de Valdevez (Portugal),  elaborado na Universidade do Minho, coa colaboración da USC, e dirixido por Blanco-Rotea. 

O paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela acolle a estrea deste documental o xoves 16 de xuño ás 18:30 horas. Trala proxección, Encarna Otero conducirá un debate co público no estarán presentes tamén a directora, Sara Traba, a arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea (coguionista do documental) e varios veciños de Arcos de Valdevez que participan no proxecto, como Emilio Dias ou Nelson Dias.

O AUDIOVISUAL E A ARQUEOLOXÍA

Non é a primeira vez que Sara Traba e Rebeca Blanco-Rotea empregan o audiovisual como ferramenta para achegarse á relación entre as comunidades e o patrimonio. Fixérono con 'O castelo da froita' (2016), que analiza a recepción que a veciñanza de A Guarda tivo dos traballos de restauración do Forte de Santa Cruz situado na propia vila; e tamén en 'Arqueología (del conflicto)' (2018) que ofrecía unha reflexión sobre o papel da muller na arqueoloxía do conflito, tanto como investigadoras, como como consumidoras dun discurso sobre a guerra e a súa materializade, que normalmente é construído dende unha ollada masculina.

Algúns destes documentais formaron parte de proxectos de investigación financiados polo programa I2C da Xunta de Galicia, con Blanco-Rotea como investigadora principal, que leva anos analizando o patrimonio común entre Galicia e Portugal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta