A Xunta pedirá "responsabilidades, se hai que pedilas" ás empresas que fixeron o tramo caído da A-6

Rueda di que aínda está agardando polas explicacións da secretaria de Estado de Transportes tras a última chamada de hai unha semana. "Se non as dan a Xunta non quedará cos brazos cruzados", dixo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/06/2022 | Actualizada ás 15:15

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi prudente este xoves á hora de pedir responsabilidades ás concesionarias do tramo que caíu entre O Castro e Pedrafita do Cebreiro, na A-6, ata coñecer as explicacións que sobre o acontecido teña que dar a secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera. Con todo, matizou, "as responsabilidades, se as hai, haberá que pedilas".

Parte da ponte que se desprendeu na A-6. Carlos Castro - Europa Press
Parte da ponte que se desprendeu na A-6. Carlos Castro - Europa Press

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Rueda lembrou que este mesmo xoves estaba previsto que a titular de Infraestruturas da Xunta, Ethel Vázquez, mantivera unha conversa telefónica con Pardo de Vera. "Polo momento non sabemos nada, nin das causas do derrubo, nin das alternativas para o tráfico", dixo.

"Agardo que a información que nos trasladen sexa exhaustiva porque levamos unha semana sen ningún tipo de información", insistiu e lembrou que a Xunta xa trasladou a pasada semana un informe realizado por técnicos da consellería sobre tres posibles alternativas de desvío do tráfico.

ALTERNATIVAS

Así, destacou que a Xunta xa deu propostas. "Non creo que eles non nos dean alternativas porque tiveron tempo abondo para estudalas", apuntou ao tempo que advertiu que, "se non as dan, a Xunta non vai quedar cos brazos curazados porque sería moi complicado de aceptar".

Preguntado por GC sobre a "chapuza" --como así definiu o rexedor de Pedrafita, José Luis Raposo-- do tramo da A-6 derrubado e se hai que pedir responsabilidades ás empresas que realizaron a obra, Rueda amosouse cauto. "Se as hai, habería que pedilas", dixo. Con todo, aproveitou para criticar ao Goberno central. "Non sei que fixeron cos 25 millóns que utilizaron en arranxar ese tramo, igual con iso xa podían facer un viaducto novo", chanceou.

OBRAS

As obras licitaronse nos anos 1996 e 1997, comezando a execución dos cinco tramos dun traxecto de 53,5km,  no verán de 1997 e finalizou o último subtramo de 8,7km ( Pereje-Ambasmestas ) no verán de 2002. A maioría dos tramos puxéronse en servizo ao longo do ano 2001.  Para a excecución das obras foi necesaria un investimento de 542,267 millóns da época cofinanciados con fondos europeos. Isto significa que cada quilómetro dese tramo custou unha media de dez millóns de euros.

Da súa construción encargouse a U.T.E. Piedrafita integrada por FCC Fomento de Construcciones y Contratas y Contratas, FCC Construcción, SA. e ACS Proyectos Obras y Construcciones, sendo a asistencia técnica de INOCSA e o proxectista outra U.T.E conformada por Euroestudios, SA, Fernández Casado, SL, Geoconsult España e Ingenieros Consultores, SA.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta