O persoal de limpeza en Santiago critica que Bugallo non medie na folga: "Toma partido pola empresa"

Manteñen a folga convocada a partir do 18 de xullo e piden ao alcalde que "deixe de botar máis leña ao lume" e propoña alternativas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2022 | Actualizada ás 18:56

Comparte esta noticia

O comité de empresa de Urbaser en Santiago, que iniciará unha folga indefinida a partir do 18 de xullo, censurou as declaracións do alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, nas que pedía aos traballadores da concesionaria "sentido común e responsabilidade" e aseguraba que non mediaría no conflito posto que considera que empregados e empresa son os que "deben solucionalo".

Ante estas palabras, o comité de empresa criticou nun comunicado que "en ningún momento foi xustificable nin crible" que o alcalde non quixese mediar no conflito e agora, engadiu, "toma partido publicamente por unha das partes: a empresa". "É el mesmo quen se mete ata a medula no conflito", insistiu.

Por iso, o comité cuestiona "cando vai exercer o papel de alcalde mediando no conflito". Ademais, pregunta tamén "cando vai deixar de exercer como xerente na sombra da empresa". Así, os traballadores demándanlle a Bugallo que "deixe de botar máis leña ao lume" e propoña alternativas para solucionar a actual situación.

ESTADO DE EMERXENCIA

Así mesmo, tamén criticaron que o alcalde anunciase que, "se é necesario", decretará o estado de emerxencia ante a folga. Neste sentido, o comité manifestou que teme que ese estado de emerxencia "sexa só para unha parte da cidade" o que, ao seu xuízo, "demostra unha vez máis que o resto de veciños de Compostela lle dan igual".

Nesta mesma liña, afirmou que espera que a veciñanza "lle lembre a Bugallo a categoría que teñen cando empece a campaña electoral". Ante esta situación, o comité pediu "comprensión e solidariedade" aos veciños da cidade e que lle esixan ao alcalde compostelán "solucións para evitar este conflito".

"Que deixe de facer unha campaña de guerra dando a entender que a única solución que temos é a resignación da veciñanza e mesmo ameazando con subir os impostos se este comité consegue mellorar as condicións do colectivo que representamos", insistiu. Os empregados de Urbaser insistiron en que tan só defenden o seu poder adquisitivo e aseguraron que non lles chega cunha subida do 2,5% como fixeron co colectivo de pensionistas e do persoal funcionario. Unha petición que o alcalde tachou de "excesiva".

"Queren aumentar o seu soldo nun 21,5%, mentres os pensionistas ou funcionarios só teñen un incremento do 2,5% e 2%. Déixame perplexo esta demanda", sinalaba Bugallo o xoves pasado.

BNG PIDE "UN SEGUIMENTO ESTREITO" DA CONCESIÓN

Por outra banda, a portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclamou ao concello que realice "un seguimento estreito" das condicións do contrato de Urbaser na cidade. A concelleira nacionalista denunciou que os traballadores "non dispoñen dos medios técnicos e materiais que figuraban no prego", algo que asegurou "repercute na falta de limpeza" en Santiago de Compostela.

Segundo detallou o BNG local nunha nota de prensa, o comité de empresa do servizo de recollida e tratamento de lixo convidou os grupos municipais a realizar un percorrido por Santiago para observar "os problemas fundamentais, de carácter estrutural, de falta de medios, de medios obsoletos" e tamén os derivados da "falta de recursos humanos que dificultan o seu labor no día a día".

Así, Goretti Sanmartín sinalou que nesta visita observaron que "había unha persoa asignada para varrer toda a zona histórica e o Ensanche na noite do venres para o sábado". Ademais, criticou que só houbese unha persoa encargada de manter limpa manualmente toda esa área. "É evidente que desde o punto de vista humano, os recursos son claramente insuficientes", insistiu.

Por iso, o BNG denunciou que hai "numerosos puntos" do contrato que a empresa Urbaser "non cumpre", entre eles, "o número de efectivos, de máquinas varredoras e limpadoras, a frecuencia de lavado de colectores e as deficiencias dos materiais utilizados".

Empregados de Urbaser convocan unha folga indefinida en Santiago desde o 18 de xullo para lograr un convenio 'xusto'
Empregados de Urbaser convocan unha folga indefinida en Santiago desde o 18 de xullo para lograr un convenio 'xusto' | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta