Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/07/2022 | Actualizada ás 14:27
A vaga de incendios que afecta estes días Galicia, especialmente o interior de Ourense e Lugo, arrasou xa case 13.800 hectáreas de terreo, segundo o parte facilitado pola Consellería do Medio Rural, con datos ata as 19,15 horas deste luns. Destes incendios, dous, os máis grandes, continuaban activos e avanzan a gran velocidade alimentados polos terreos secos, o vento e as temperaturas elevadas, xa que se sitúan nas únicas zonas de Galicia que aínda permanecen en alerta por altas temperaturas: o interior e montaña de Ourense e o interior e montaña de Lugo.
En concreto, o lume orixinado en Carballeda de Valdeorras, na parroquia de Riodolas, calcinou xa 4.600 hectáreas, segundo a información da Xunta. Tras aproximarse o domingo ao núcleo do Barco, avanza agora en dirección a Sobradelo, Rubiá e Biobra, nas proximidades do parque da Serra da Enciña da Lastra. Nos labores de control e extinción deste lume participaban sete técnicos, 34 axentes, 69 brigadas, 35 motobombas, tres pas, 11 avións, 10 helicópteros e persoal da UME. Ademais, foi activada a situación 2 pola proximidade das chamas ao núcleo de Candeda, en Carballeda.
Por outra banda, arderon xa unhas 4.500 hectáreas de terreo noutro incendio de grandes dimensións resultado da unión de varios lumes rexistrados no Courel (Lugo), concretamente en Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón. Na extinción deste lume, que continuaba tamén activo, participaban 16 técnicos, 88 axentes, 130 brigadas, 84 motobombas, tres pas, unha Unidade Técnica de Apoio, 17 avións, 18 helicópteros e membros da UME. Tamén aquí segue activa a situación 2 pola proximidade aos núcleos de Parada dous Montes e Carballal, en Folgoso, e Busto, na Pobra.
En Vilariño de Conso, tamén en Ourense, outro incendio activo deixa xa 1.800 hectáreas queimadas no Parque Natural do Invernadoiro, mentres que o lume orixinado na parroquia de Seceda, en Folgoso do Courel (Lugo) alcanzaba xa as 1.100 hectáreas queimadas e mantiá activada a situación 2 pola proximidade das chamas ao núcleo de Gamiz.
Na provincia de Lugo tamén permanecen activos un incendio iniciado na parroquia de Ramil, en Palas de Rei, que afecta a 375 hectáreas; e outro en Cervantes --parroquia de Cereixedo-- que queimou 20 hectáreas.
Na provincia de Ourense, tres lumes afectan o concello de Oímbra, un na parroquia de Videferre --activo-- que queimou 350 hectáreas e que entrou a Galicia desde Portugal; outro en San Cibrao, estabilizado desde o mediodía tras afectar a 20 hectáreas; e un terceiro, tamén activo, en Rabal. Os dous últimos lumes tamén teñen activada a situación 2 pola proximidade aos núcleos de Rabal, en Oímbra, e Mandín, en Verín.
ESTABILIZADOS E CONTROLADOS
No parte de Medio Rural figuran como estabilizados, na provincia de Lugo, un incendio en Cervantes --parroquia de Donís--, que afectou 75 hectáreas; e outro en Quiroga --parroquia de Nocedo--, que queimou 15. Así mesmo, están controlados os lumes de Outeiro, en Quiroga, con 250 hectáreas, e o de Santa Mariña do Castro, en Antas de Ulla, con 40. En Ourense, está controlado o lume de Ribadavia, que afectou a 65 hectáreas e, en Pontevedra, o da parroquia de Guillar, en Rodeiro, que queimou 200 hectáreas.
A esta superficie habería que sumar a calcinada por cinco lumes, que afectaron a máis de 250 hectáreas: Cualedro (31 hectáreas), Baiona (46 hectáreas), Melón (dous lumes que suman 98 hectáreas) e Quiroga (83 hectáreas).
DESALOXOS E CORTES DE ESTRADA
Os lumes na montaña de Lugo e Ourense provocaron o desaloxo preventivo de varios núcleos de poboación, así como cortes nalgunhas estradas. En concreto, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informaba esta mañá que, durante a noite, foran dessaloxados 30 núcleos de poboación cuns 500 evacuados en Lugo e entre 200 e 250 en Ourense.
Rueda fixo estas declaracións no posto de mando avanzado da Pobra do Brollón, onde se desprazou tras anular a súa axenda oficial para interesarse pola evolución dos labores de extinción. Ao longo do día, o presidente galego visitou O Barco e a veciños desaloxados en Triacastela e Folgoso, e regresou a última hora ao posto de mando avanzado da Pobra.
En canto a zonas afectadas, na parroquia de Alixo, a 'zona cero' dos lumes no concello do Barco (Ourense), arderon 15 casas, segundo confirmou o seu alcalde. Entre outros, tamén se queimaron un par de casas no núcleo deshabitado de Río de Bois, na Pobra do Brollón, e na aldea de Vilar, en Folgoso do Courel.
As chamas, o fume e os labores de extinción tamén causaron ao longo da xornada varios cortes de estrada e circulación condicionada nas provincias de Ourense e Lugo. Así, ás 17,10 horas produciu un corte total en ambos os sentidos da estrada A-75, á altura de Verín, entre os quilómetros 0 ao 10 por un incendio forestal procedente de Portugal. Pola súa banda, a N-532, á altura de Verín, é transitable con precaución en ambos os sentidos entre os quilómetros 8 ao 12 debido á presenza de fume, segundo a DGT.
Desde as 13,00 horas deste luns estaba cortada a estrada OU-0853, en Candeda, en Carballeda de Valdeorras, entre o quilómetro 5 e 9 --en sentido crecente da kilometración--. E tamén se produciu un corte na OU-121, desde o quilómetro 8, en Santigoso, municipio do Barco, ata o quilómetro 26, en Prada. Ademais, prodúcense cortes intermitentes na estrada N-536 á altura do Barco, en ambos os sentidos entre os quilómetros 43 e 47, pola presenza de fume e po, e cortouse a N-120 en Rubiá para intervir no incendio que avanza cara a León.
Xa desde o domingo tamén se producen problemas de circulación na provincia de Lugo debido ao lume, en concreto na LU-651 e na LU-P-4710.
Así mesmo, o incendio iniciado en Losacio (Zamora) obrigou a suspender "ata novo aviso" a circulación da liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia, en concreto no tramo comprendido entre o municipio zamorano de Otero de Bodas e a capital da provincia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.