Sindicatos valoran a evolución do emprego pero piden máis protección para os traballadores

Reivindican a necesidade de "seguir avanzando na mellora dos dereitos para as persoas empregadas".

Por E.P. | VIGO | 28/07/2022 | Actualizada ás 17:48

Comparte esta noticia

Sindicatos valoraron este xoves a evolución do emprego en Galicia, ao coñecerse os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), pero pediron un aumento da protección social e dos dereitos dos traballadores. Así, UGT cualificou de "positivos" os datos de paro coñecidos este xoves, aínda que reivindicou a necesidade de "seguir avanzando na mellora dos dereitos dos traballadores".

Neste sentido, nun comunicado, a organización sindical puxo o foco na importancia de políticas "máis contundentes" para conter a inflación e manter o poder adquisitivo da poboación gaelga, insistindo nunha subida de salarios. Ademais, para o sindicato outro dos retos pendentes é o paro de longa duración, que se mantén en niveis aínda "moi elevados" e, ao seu xuízo, debe de ser tratado a través de políticas activas de emprego eficaces e personalizadas en función de cada parado.

Pola súa banda, Comisións Obreiras valorou o crecemento do emprego e a redución do paro en Galicia, aínda que recoñeceu que os postos de traballo creados non son suficientes para que moitas persoas saian das listas de desemprego e da pobreza. Por iso, lamentou que no segundo trimestre deste ano uns 52.500 fogares aínda continúan con todas as súas persoas sen emprego e 27.500 familias non perciben ningún ingreso. "En ambos os casos en cifras superiores ás do trimestre precedente", indicou o sindicato nun comunicado.

Con todo, a CIG criticou a situación actual do mercado laboral, reflectida nos datos da EPA. Así, criticou que a reforma laboral impulsada polo Goberno "segue impactando de forma negativa", xa que, ao seu xuízo, "provoca un aumento da parcialidade do emprego", o que supón á súa vez unha redución dos ingresos dos traballadores. Neste sentido, a central sindical indicou que máis da metade (50,1%) dos ocupados en Galicia traballa menos de 40 horas á semana, cando no trimestre anterior esta cifra era do 48,3%.

"A parcialización do traballo é xa un feito e está a ter un impacto directo sobre os salarios, o que provoca unha caída dos ingresos da clase traballadores precisamente nun contexto coa maior inflación e subida de prezos dos últimos 40 anos", subliñou o secretario de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío.

Paro, Parados Emprego, Desemprego, Traballo, INEM, Seguridade Social, Autónomo. EUROPA PRESS - Arquivo
Paro, Parados Emprego, Desemprego, Traballo, INEM, Seguridade Social, Autónomo. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta