Nace Ollo, un novo colectivo para retratar Galicia a través da imaxe

O obxectivo é "xerar reflexión na poboación ante as diversas problemáticas sociais e mediambientais ás que se enfronta a actual sociedade".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2022 | Actualizada ás 11:51

Comparte esta noticia

Ollo é un colectivo fotográfico que vén de nacer en Galicia. Dende unha óptica multidisciplinar, o proxecto agroma "vencellado á creación, divulgación e difusión de historias relevantes para a sociedade a través da linguaxe da imaxe e da narrativa audiovisual", tal e como explican na súa presentación.

Fotografía Óscar Pinal
Fotografía Óscar Pinal

As figuras vinculadas ao fotoxornalismo que integran Ollo son Vanessa Casteleiro, Óscar Corral, Agostiño Iglesias, Brais Lorenzo, Óscar Pinal, Adra Pallón e Paula Quiroga; e completan o equipo Sara García e Daniel Lázare no referente ao apartado de xestión cultural e Sabela Eiriz como colaboradora nas tarefas de edición e curadoría.

O fin principal do colectivo, segundo explican nun comunicado, é "xerar reflexión na poboación ante as diversas problemáticas sociais e mediambientais ás que se enfronta a actual sociedade". "Para acadar este fin unímonos persoas pertencentes a diversos eidos tales como o fotoxornalismo, o documentalismo gráfico e videográfico e a xestión cultural", proseguen.

O proxecto colaborativo apóiase na creación de proxectos culturais, na oferta formativa e no desenvolvemento de proxectos editoriais e comerciais. Ollo inicia agora a súa andaina en redes botando man da colaboración coa revista 5W a través do proxecto Lumes, un traballo fotográfico en progreso de máis de quince anos de imaxes e experiencias arredor dunha problemática ben coñecida pola sociedade galega: o desastre ambiental e social provocado polos incendios que asolagan o territorio ano tras ano.

A través das súas propias redes, anuncian, desvelarase proximamente unha presentación pública do colectivo, ademais doutros proxectos nos que xa están inmersos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta