O sector do metal de Ourense irá á folga os días 28 e 29 de setembro por un convenio "digno"

Piden que se garanta o mantemento do poder adquisitivo dos salarios e melloras laborais e sociais "reais".

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 26/09/2022 | Actualizada ás 19:03

Comparte esta noticia

A asemblea de traballadores do siderometal de Ourense acordou convocar folga para os días 28 e 29, deste mes de setembro, para demandar "un convenio colectivo digno que garanta o mantemento do poder adquisitivo dos salarios e recolla melloras laborais e sociais reais".

Convocatoria de folga no metal ourensán
Convocatoria de folga no metal ourensán | Fonte: CIG.

Así o trasladou o secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez, que cualifica de "histórica" esta decisión da asemblea porque sinala que "hai máis de dúas décadas" que non se convocaba folga no sector por parte das tres centrais sindicais, CIG, UGT e Comisións Obreiras. Para Gómez, esta unanimidade reflicte o cansanzo dos traballadores fronte a unha patronal inmobilista, que actúa con chulería e prepotencia".

O representante sindical explicou que a proposta da patronal "está afastada" das reivindicacións dos traballadores, "que tentaron chegar a un acordo para evitar o conflito". Pero a patronal mantén a oferta de subir o salario un 4% para os distintos anos de vixencia do convenio, 2022-2024, unha contía que desde o sindicato non consideran que "garantan nin tan sequera o mantemento do poder adquisitivo e menos tendo en conta o disparatado do IPC que xa en agosto superou o 10%".

As centrais reclaman un incremento do 6,5% para os anos 2022 e 2023 e un 5% para o 2024, así como unha cláusula de revisión salarial e que os atrasos se perciban desde o un de xaneiro. Ademais, solicitan un día máis de libranzas sen consolidar para 2022 e un día a maiores para cada un dos seguintes anos, estes consolidados.

Lembran que a proposta da patronal recibírona "a través do correo electrónico" e que, "a pesar dos intentos de negociacións", non recibiron unha contraoferta. Do mesmo xeito, sinalan que xa se manifestaron no mes de xuño, pero "tivo unha repercusión limitada", por iso neste mes de setembro volveron convocar a mesa de negociación e de aí os tres sindicatos saíron coa proposta conxunta.

"Démoslle un ultimato cun día para que nos contestasen, non o fixeron e os traballadores nunha asemblea aberta decidiron por unanimidade facer estas dúas xornadas de folga", recalca Indalecio Gómez sobre a insistencia á patronal. Ademais engadiu que, se a partir do día 5 de outubro non se producen avances que permitan chegar a un acordo definitivo para o convenio, retomarase a folga con carácter indefinido.

Así, CIG-Industria pide que se "secunde masivamente" a folga e as mobilizacións que se convoquen, para demostrar "a determinación de loitar ata conseguir algo tan básico como manter o poder adquisitivo" porque "empobrecerse para que as empresas enriquézanse non é alternativa".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta