A exposición ao fume de tabaco durante os primeiros anos de vida aumenta un 75% o risco de sobrepeso

Así o conclúe un estudo que acaba de publicarse na revista Obesity e que é froito do traballo dun equipo investigador da USC e da universidade estadounidense de Brown

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2022 | Actualizada ás 16:59

Comparte esta noticia

A exposición ao fume ambiental de tabaco durante os primeiros anos de vida aumenta nun 75% o risco de sobrepeso ou de obesidade aos doce anos. Así o conclúe un estudo que acaba de publicarse na revista Obesity e que é froito do traballo dun equipo investigador da USC e da universidade estadounidense de Brown. O estudo evidencia como a exposición posnatal asóciase con maior peso, masa graxa, circunferencia de cintura, graxa visceral, graxa androide e, particularmente, con maior índice de masa corporal e masa magra aos 12 anos.

Tabaco
Tabaco | Fonte: Scientificamerican.com.

“A exposición ao fume ambiental de tabaco durante o período posnatal podería ter unha maior influencia na composición corporal dos adolescentes, en comparación co período prenatal”, explica a investigadora Nerea Mouriño Castro, primeira asinante do artigo e cuxa tese de doutoramento, con mención internacional e que será defendida proximamente na USC, fornece os resultados da investigación que acaba de ver a luz.

DIFERENZAS POR SEXO

O obxectivo do estudo foi examinar a influencia da exposición a este tipo de fume durante o embarazo e ao longo dos primeiros catro anos de vida, respectivamente, na composición corporal aos doce anos de idade, valorando ao mesmo tempo posibles modificacións do efecto segundo o período de exposición e o sexo dos adolescentes.

O equipo botou man de modelos de informantes múltiples axustados por características sociodemográficas, antropométricas e estilos de vida das nais e fillos. “A exposición posnatal ao fume de tabaco podería alterar a composición corporal dos adolescentes de forma específica para cada sexo”, apunta a investigadora. De feito, ao considerar o sexo dos adolescentes, a exposición posnatal asóciase, de acordo co estudo, cun maior aumento de masa graxa e graxa visceral entre as nenas, en comparación cos nenos.

PROBLEMA DE SAÚDE PÚBLICA

“Futuros estudos de cohortes deberían determinar se a exposición ao fume de tabaco durante as primeiras etapas da vida asóciase con outros marcadores de risco cardiometabólico e co risco de padecer enfermidades cardiovasculares máis adiante na adultez”, matiza a investigadora. “Este estudo reforza a necesidade de intervencións de saúde pública encamiñadas a diminuír a exposición ao fume de tabaco entre os nenos, tanto durante o embarazo como despois do nacemento”, conclúe.

O traballo foi dirixido pola profesora Mónica Pérez Ríos da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e coordinadora do grupo de Tabaco da Sociedade Española de Epidemioloxía, e polo profesor Joseph M. Braun do departamento de Epidemioloxía da Universidade de Brown. O traballo enmárcase na liña de traballo da profesora Pérez Ríos sobre os efectos do tabaco na saúde.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta