A creación de empresas cae un 4% en agosto en Galicia

Amplían capital 87 sociedades, por case 91,74 millóns e redúceno 24, por 21,66 millóns.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 11/10/2022 | Actualizada ás 11:07

Comparte esta noticia

O número de novas sociedades mercantís diminuíu un 4% en agosto en Galicia en relación ao mesmo mes de 2021, ata sumar un total de 238 empresas, mentres as disolucións subiron un 3,8%, ata 81, segundo os datos que publica este martes o Instituto Nacional de Estatística (INE).

En Galicia, unicamente unha sociedade optou por constituírse como sociedade anónima, coa subscrición e o desembolso de 100.000 euros. Os 237 restantes foron sociedades limitadas, por case 2,92 millóns. Mentres, as disolucións repartíronse entre 70 voluntarias, seis por fusión e cinco doutro tipo. Ampliaron capital 87 empresas, por case 91,74 millóns, e reducírono 24, por 21,66 millóns.

No conxunto estatal, o número de novas sociedades mercantís diminuíu un 6,4% en agosto respecto ao mesmo mes de 2021, ata sumar un total de 5.907 empresas, a súa cifra máis baixa desde agosto de 2020, en plena pandemia, cando se crearon algo máis de 5.700 sociedades.

DATOS ESTATAIS

Coa caída de agosto, a creación de empresas encadea cinco meses consecutivos de retrocesos interanuais despois de que diminuíse un 8,2% en abril, un 4,6% en maio, un 6,8% en xuño e un 14,4% en xullo. Para a constitución das 5.907 empresas creadas en agosto subscribíronse máis de 276 millóns de euros, o que supón un 24,4% menos que en igual mes de 2021, mentres que o capital medio subscrito, que se situou en 46.761 euros, caeu un 19,3% interanual.

Á vez que diminuíu a creación de sociedades, en agosto aumentou a disolución de empresas, un 22,2% respecto ao mesmo mes do ano pasado, ata un total de 1.558. Nos oito primeiros meses do ano constituíronse un 3,6% menos de empresas que no igual período de 2021 e desapareceron un 8,9% máis de sociedades. Das 1.558 empresas que pecharon as súas portas en agosto, o 78,2% fixérono voluntariamente, o 13,4% por fusión con outras sociedades e o 8,4% restante por outras causas.

O 18,2% das sociedades mercantís que se crearon no oitavo mes do ano dedicábase a actividades inmobiliarias, financeiras e seguros e o 18,1% ao comercio. En canto ás sociedades disoltas por actividade económica principal, as maiores porcentaxes danse en comercio (18,6%) e en construción (15,5%).

Pola súa banda, o número de sociedades mercantís que ampliaron capital subiu un 1,2% en agosto, ata as 2.060 empresas. O capital subscrito nas devanditas ampliacións superou os 1.244 millóns de euros, cifra un 35,2% inferior á de agosto de 2021, mentres que o capital medio foi de 604.326 euros, un 36% menos.

Creación de empresas en Galicia. EPDATA
Creación de empresas en Galicia. EPDATA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta