Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2022 | Actualizada ás 16:45
Uns 12.000 titulares de explotacións gandeiras repártense os 11,5 millóns de euros en axudas procedentes de fondos estatais e europeos orientadas a compensar os efectos da guerra de Ucraína na economía.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes a resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), dependente da Consellería do medio Rural, que recolle os beneficiarios destas subvencións.
Por sectores, resultaron beneficiarias destas axudas 10.630 persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras de vacún de carne, 631 de ovino-caprino, 490 de aves e 103 de coellos.
Todos os beneficiarios recibiron un pago único por animal, no caso das explotacións de vacún, ovino e cabrún, e un pago único segundo a capacidade da explotación, no caso de aves e coellos, segundo detalla Medio Rural.
Os límites financiables por persoa beneficiaria foron de 125 vacas nutrices en explotacións de vacún, 520 xatos de ceba en cebadeiros vacúns e de ata 800 ovellas ou cabras, mentres que nos de aves e coellos houbo un mínimo de 251 e 50 prazas, respectivamente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.