Os pacientes de ELA recibirán 1.000 euros ao mes para facer fronte aos gastos desta enfermidade

Serán "compatibles con calquera outra axuda, pública ou privada"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2022 | Actualizada ás 16:50

Comparte esta noticia

O Goberno galego deu este xoves luz verde a unhas axudas directas de 1.000 euros ao mes --12.000 ao ano-- a partir do 2023 para as familias que teñan persoas diagnosticadas de esclerose lateral amiotrófica (ELA), co obxectivo de apoiarlles nos gastos extra que leva a enfermidade.

Así o avanzou tras a reunión semanal do Consello o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen destacou que Galicia se converterá en "a primeira comunidade en pór a disposición dos pacientes con ELA unha axuda directa e inmediata".

E é que, tal e como explicou, o diagnóstico desta enfermidade leva grandes "esforzos" de carácter económico que teñen que facer as familias non só nos asuntos "máis básicos" como a alimentación e a hixiene, senón tamén na adaptación e a accesibilidade das súas vivendas con cadeiras de rodas, camas articuladas e guindastres, entre outros.

A través desta liña, que nos orzamentos de 2023 ten reservados 3,2 millóns, a Xunta dará aos pacientes 12.000 euros ao ano que serán "compatibles con calquera outra axuda, pública ou privada", garantiu Rueda.

Aínda que é consciente de que hai outras doenzas cuxos pacientes tamén poderían reclamar este apoio, o presidente galego argumentou que "neste caso (polo ELA) é especialmente necesario". Galicia conta con 250 persoas con ELA e cada ano diagnostícanse 30 novos casos, segundo datos da Xunta.

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, preside a reunión do Consello da Xunta. Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela, 27/10/22.. XUNTA / Europa Press
O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, preside a reunión do Consello da Xunta. Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela, 27/10/22.. XUNTA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta