Os londinenses MFC Chicken e os galegos Moura pechan o 'Outono Códax 2022'

Este mércores, 30 de novembro, baixa o telón un dos festivais de referencia da música negra a nivel galego e incluso nacional. E faino cun concerto no que estarán 'Moura', cunha proposta que combina a música tradicional galega coa psicodelia e o rock progresivo, e 'MFC Chicken', un dos grupos cun show máis excitante do garaxe-rock’n´roll do Reino Unido.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/11/2022 | Actualizada ás 22:25

Comparte esta noticia

Todo o bo ten un final, e o Outono Códax 2022 tamén... mal que nos pese. Foi un intenso e excitante mes de novembro no que houbo sete concertos con dez bandas enriba do escenario.

MFC Chicken. Foto cedida pola organización.
MFC Chicken. Foto cedida pola organización.

No que respecta ás actividades paralelas o balance tamén é moi positivo con tres ceas con maridaxe musical, dúas presentacións de libros, un ciclo de cinema, unha noite de monólogos, dúas sesións con disyóqueis e dúas catas con maridaxe. Todo o anterior acredita que o festival no seu conxunto conta cunha programación equilibrada, atractiva e contextualizada á filosofía do evento e á época do ano no que se realiza.

FIN DE FESTA

Este mércores 30 de novembro o Outono Códax 2022 baixa o telón cunha dobre cita por todo o alto na Sala Capitol ás 20:30 h. En palabra dos organizadores "arrincará coa escura e cativadora intensidade de Moura e rematará cunha traca final desbordante de festa, baile e rock and roll a cargo de MCF Chicken".

Hai xa uns anos que o carismático vocaista e saxofonista Spencer Evoy chegou a Londres e xuntou a un grupo de frenéticos e famentos músicos nun restaurante de polo frito de Holloway Road para levar a cabo unha misión sacra: levar os sons do rock’n’roll do Pacific Northest ao público británico.

Alí naceu MFC Chicken, un dos grupos cun show máis excitante do garaxe-rock’n´roll do Reino Unido, cun estilo que chegou a ser definido como "a música que os Sonics escoitaban". "MFC Chicken son considerados como o grupo de rock and roll con mellor directo de Europa. Tamén se di deles que son unha banda de rock and roll das que non quedan". (Ara Info)

O seu último traballo data de 2020, Fast Food And Broken Hearts, e nel desátanse frenéticos, como polo sen cabeza, a ritmo vetusto rock’n’roll dos anos 50, garaxe-punk, rhythm and blues e frat-rock canalla.

Antes dos londinenses estará no escenario 'Moura', unha banda formada por Diego Veiga, Hugo Santeiro, Fernando Vilaboy, Luis Casanova, Pedro Aguado e Belém Tajes.

A formación galega vén de presentar neste 2022 o seu agardado segundo traballo de estudio, Axexan, espreitan, no que profundizan aínda máis na tradición galega, tanto a nivel lírico coma instrumental. En palabras da organización "a súa proposta transita a medio camiño entre a neo-psychedelia, o rock progresivo e o kraut-rock, xunto á tradición musical galega".

Entradas á venda en: A Reixa-Matrioska (Compostela) e tamén en www.ataquilla.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta