A CIG sobre as pensións: "o PSOE e Podemos están facendo políticas máis neoliberais, máis propias do PP"

O sindicato nacionalista lanza unha campaña para desmontar "as mentiras" sobre as pensións ante "os recortes previstos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2022 | Actualizada ás 11:04

Comparte esta noticia

A CIG lanzou unha campaña para desmontar "as mentiras" sobre as pensións ante "os recortes previstos coa ampliación do período de cálculo". A campaña, que leva por título 'As 10 verdades sobre as pensións para acabar xa coas mentiras', expón que nos últimos meses o Goberno de PSOE e Podemos "está a aumentar a intensidade destas reformas facendo que as políticas máis neoliberais, máis propias do PP e a dereita, teñan plena vixencia".

"O PP e o PSOE levan anos reformando de forma brutal o sistema público de pensións e ante o medo á contestación popular, apóianse no diálogo social, en CC.OO. e UGT, para perpetrar este permanente roubo ás clases populares".

Respecto diso, o sindicato expón que "ampliar aos 30 anos o período de cálculo das pensións suporá un novo recorte das contías entre un 6%-8%". "Aprobar máis reformas mantendo todas as anteriores, especialmente a do 2011, está a causar unha caída progresiva das pensións do 25% por causa do impacto que ten a ampliación da idade de xubilación dos 65 aos 67 anos e o aumento do período de cálculo dos 15 aos 25 anos".

Entre outras cuestións, a CIG apunta que a última reforma, de xullo de 2021, "desliga a subida das pensións do IPC real interanual acumulado, creando un novo indicador, o chamado IPC medio, que non garante o poder adquisitivo dos salarios".

Así, avisa de que todas estas reformas "condenan a prolongar a vida laboral en actividades penosas e de gran esforzo físico". Por todo iso, reclama a derrogación das reformas laborais e das "contrarreformas" das pensións, particularmente as de 2011 e 2013. Igualmente, realiza demandas como a fixación por lei da pensión mínima igual ao salario mínimo (1.197 euros, o 60% do salario medio) como recomenda a Carta Social Europea, así como xubilación por lei aos 65 anos e voluntaria con 35 anos cotizados.

Igualmente, lembra que a pensión media en Galicia é de 886,68 euros mensuais, 78,32 euros por baixo do SMI, mentres a media española é de 1.040 euros. Así mesmo, a poboación con máis de 65 anos alcanza de media 29,6 anos cotizados, lonxe dos 37 anos e 6 meses necesarios para acceder ao 100% da base reguladora.

Campaña da CIG sobre as pensións. CIG
Campaña da CIG sobre as pensións. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta