Rueda critica que o Goberno deixe carne e peixe fóra da baixada de IVE e xere "incerteza" nestes sectores

A Xunta presenta a estratexia de dinamización do sector cárnico e recoñece a Galicia como "rexión produtora de referencia".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2023 | Actualizada ás 17:06

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, desprazouse este luns ata o Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, no Pazo de Fontefiz, no concello ourensán de Coles, para presentar, acompañado polo conselleiro de Medio Rural, José González, a nova estratexia de dinamización do sector cárnico, no que destacou a Galicia como "rexión produtora de referencia".

Neste marco, Rueda subliñou a relevancia que ten para Galicia tanto a industria cárnica como a do peixe, e criticou a decisión do Goberno central de deixar estes dous produtos fóra da baixada do IVE para alimentos básicos.

Así, o presidente galego afirmou que o Goberno central vai en contra da planificación en favor dun "sector fundamental para o desenvolvemento económico" de Galicia e "contribúe a aumentar as incertezas", deixando o peixe e a carne fóra da recente baixada do IVE, "a pesar de ser alimentos de primeira necesidade".

Na dirección oposta, Alfonso Rueda situou á estratexia presentada este luns, unha folla de ruta para o sector da carne que conta con seis eixos a executar ata o ano 2030, incluíndo 64 medidas e 174 accións para lograr "un sector organizado e profesionalizado" co que fomentar unha "industria competitiva, líder en calidade e que ademais mellore o posicionamento nos mercados nacionais e internacionais", Todo iso promovendo unha cadea de valor "transparente e equilibrada".

Así, sostivo que a iniciativa pretende fomentar unha sociedade concienciada coa importancia da produción cárnica galega e o seu valor nutricional, ademais de camiñar cara a un sector sustentable que coide o medio ambiente e garanta o benestar animal.

Para iso, asegurou que a nova estratexia de dinamización ten detrás "un exhaustivo traballo de análise, diagnóstico e diálogo" co obxectivo de reforzar as posibilidades dun sector que, lamentou, "afronta unha situación complexa".

Este sector, dixo, achega máis do 34 % do valor da produción final agraria en Galicia, e suma máis de 43.000 explotacións e 192 industrias, empregando 5.800 traballadores. "Estamos a traballar xuntos e estamos a acertar xuntos", proclamou o presidente da Xunta.

TERCEIRA ESTRATEXIA

Alfonso Rueda lembrou que a do sector cárnico é a terceira estratexia que se desenvolve para potenciar os sectores produtivos agrarios galegos, rememorando que xa está en marcha a estratexia de dinamización do sector lácteo e a de dinamización económica territorial e turística das comarcas vitivinícolas. Ademais, dixo que a Xunta de Galicia investiu o pasado verán 17 millóns de euros en axudas directas para os gandeiros da carne a través de anticipos de entidade bancaria.

"A folla de ruta é un paso máis no apoio do Goberno galego ao sector que se suma a outras iniciativas promovidas en situacións críticas como a pandemia ou a guerra de Ucraína, que afectaron o sector cárnico", expuxo o mandatario autonómico.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Medio Rural, José González, participan na presentación da estratexia de dinamización do sector cárnico
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Medio Rural, José González, participan na presentación da estratexia de dinamización do sector cárnico | Fonte: DAVID CABEZÓN

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta