O BNG de Santiago non ve ético que Bugallo "oculte información" a preguntas orais en pleno sobre Desproi

A portavoz municipal do BNG de Santiago, Goretti Sanmartín, insistiu en que "a verdade é outra" e a nave de Desproi "nunca chegou a tramitar a licenza de actividade despois de que se solicitase no ano 2012".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2023 | Actualizada ás 12:27

Comparte esta noticia

A portavoz municipal do BNG de Santiago, Goretti Sanmartín, criticou que "ocultar información cando se fan preguntas orais" no pleno sobre o expediente de Desproi que, asegurou, "o alcalde coñece", "non é eticamente bo nin positivo".

Así respondeu a portavoz nacionalista despois de que o alcalde da capital galega, Xosé Sánchez Bugallo, tras as críticas do BNG que o acusaba de "ocultar" información por non mencionar a débeda tributaria da empresa no pleno no que ela formulou unha interpelación que non incluía esta pregunta por escrito, aínda que si de viva voz, sinalase que as interpelacións no pleno deben contar coas preguntas a realizar por escrito.

Para Sanmartín, esta resposta do rexedor compostelán non é "eticamente bo nin positivo" e recalcou que había outras cuestións que non aparecían por escrito como, por exemplo, "a referencia a que non había licenza de actividade desa nave", algo que, engadiu, "contestouse en pleno por diversos concelleiros facendo xestos dicindo que si había licenza".

Nesta liña, Goretti Sanmartín insistiu en que "a verdade é outra" e a nave "nunca chegou a tramitar a licenza de actividade despois de que se solicitase no ano 2012", pero "quedou gardada nun caixón e agora resulta que está concedida por silencio administrativo".

Con todo, a portavoz municipal do BNG si se mostrou satisfeita co anuncio de Bugallo de que estuda trasladar este expediente á Fiscalía. "É do único do que nos temos que alegrar", aseverou antes de afirmar que "é evidente que (a Fiscalía) é quen ten que pór os puntos sobre as íes e dicir que pasou ao redor deste caso, desta licitación desta nave, e saber que responsabilidades hai".

A pesar disto, "independentemente do que diga a Fiscalía", Sanmartín valorou que "existen responsabilidades políticas", entre elas, "o silencio cómplice de quen ten información e non a ofrece". "Pregúntese por escrito ou oralmente", reprochou. Neste sentido, lembrou que o alcalde introduce "moitas veces" cuestións que non están por escrito ou "que non veñen a conto" como argumentación nos debates.

"Unha vez máis vemos como o goberno socialista non di a verdade cando non conta respecto da licenza de actividade o que ocorrese. Non existía esa licenza e agora buscan como sempre algunha maneira de xustificar como se moven nesas irregularidades administrativas claras; resulta que agora por silencio administrativo xa se pode dar por feito que existe esa licenza de actividade", censurou Sanmartín.

Así mesmo, a nacionalista insistiu en que se trata de "un verdadeiro escándalo", "un erro tras outro" que agora Bugallo "non ten máis que recoñecer despois de levar semanas ocultándollo ao conxunto da poboación".

A portavoz local do BNG en Santiago, Goretti Sanmartín, durante a rolda de prensa.
A portavoz local do BNG en Santiago, Goretti Sanmartín, durante a rolda de prensa. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta