Por Europa Press / Redacción | Galicia | 16/02/2023 | Actualizada ás 18:09
O Correlingua voltará encher as rúas das principais vilas e cidades galegas o vindeiro mes de maio coa recuperación das carreiras pola lingua e que irán acompañadas dunha morea de actividades que reclaman unha celebración para o galego.
A programación foi presentada no Concello de Pontevedra, destacando a recuperación das carreiras nas rúas despois de dous anos de pandemia. Na presentación participaron representantes das entidades organizadoras, que sinalaron o éxito que supón vinte e tres anos dunha manifestación lúdica que implica a toda a comunidade educativa, tanto profesorado como alumnado."
"Correlingua é moito máis que unha carreira, é unha festa e tamén unha reivindicación das persoas a vivir no seu idioma", afirmou Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino. Tamén se referiu á situación que se vivía cando comezou a celebrarse, no 2000. "A situación do galego no ensino e na sociedade era un devalo claro, agora estamos peor que hai vinte e tres anos", engadiu.
Os participantes na presentación en Pontevedra fixeron fincapé na participación do alumnado. No último ano sen restricción, en 2019, participaron 19.000 alumnos en todas as actividades.
CALENDARIO DE CARREIRAS E FESTAS
A programación comeza o xoves 4 de maio en Vigo e segue o luns 8 en A Coruña, o martes 9 en Ponteareas, o mércores 10 en Ourense, o xoves 11 en Lugo, o luns 15 en A Mariña, o luns 22 en Monforte. Continúa o mércores 24 en Pontevedra, o xoves 25 en Moaña, o venres 26 en Compostela e o mércores 31 en A Estrada.
Outras das actividades desta edición serán unha gran regueifa colectiva, no que se edita un vídeo de todos os grupos participantes. Tamén haberá obradoiros de escritura creativa e concursos de libre creación artística en galego e de música en galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.