Gandeiros reclaman que se manteñan os prezos do leite "ou suban" ante a revisión de contratos

Piden aos produtores que non se deixen influenciar "pola estratexia premeditada" das industrias

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 20/02/2023 | Actualizada ás 12:59

Comparte esta noticia

A asociación de gandeiros Agromuralla pide aos produtores de leite que "non se deixen influenciar pola estratexia premeditada" que asegura que levan a cabo as industrias para "tentar revisar á baixa os contratos que finalizan o próximo 31 de marzo".

Por iso, defenden que os prezos para este ano teñen que "manterse ou subir", xa que os custos de produción "continúan aumentando". "O gasóleo, a luz, os pensos e os fertilizantes continúan polas nubes", exemplifica.

Neste contexto, a asociación engade o "incremento nos custos laborais, como consecuencia da subida do salario mínimo". "Os produtores non estamos a cobrar o IVE pola venda do noso leite; temos que seguir pagando o 10% ou 21% de IVE polos insumos e servizos que consumimos, o que provocará un desaxuste contable nas explotacións", denuncia.

Ademais, argumenta Agromuralla, "a produción segue sendo similar á de 2022, que finalizou cun descenso do 2% no conxunto de España", polo que "a actual conxuntura de mercado non xustifica unha baixada de prezos, senón o seu mantemento ou revalorización en consonancia coas actuais taxas de inflación.

AMEAZAS INTOLERABLES

O presidente de Agromuralla, José Luís Pérez Barreiro, na súa explotación do Concello da Pastoriza
O presidente de Agromuralla, José Luís Pérez Barreiro, na súa explotación do Concello da Pastoriza | Fonte: Europa Press

Nesta mesma liña, Agromuralla ve "intolerables" as "ameazas" das empresas que recollen o leite cara aos gandeiros que a producen e advirten ás industrias que "están a tirar pedras sobre o seu propio tellado".

"Segue habendo falta de leite e se os prezos baixasen a produción volvería caer en picado", afirma, polo que, na súa opinión, desencadearíase unha situación de "desabastecemento do mercado" no que habería empresas que quedarían sen subministración.

"CALMA PARA ESTUDAR AS OFERTAS"

Ante esta situación, a asociación tamén pide "calma" aos gandeiros á hora de estudar as distintas ofertas. Neste sentido, explica o produtor non ten obriga de rexeitar a oferta da industria. É dicir, se o gandeiro non se pronuncia a oferta enténdese como non aceptada. Móstrase partidaria tamén de que os seus socios asinen contratos a curto prazo para "maior competencia entre as industrias".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta