Comesaña: "Hai un aumento nas listas de espera que non queremos, pero é así en todos os sistemas sanitarios"

O BNG di que o Sergas exclúe pacientes das listas de espera e Comesaña négao e rétao a ir aos tribunais a "demostralo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2023 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acusou ao BNG de mentir ao afirmar que se exclúe a pacientes das listas de espera do Sergas e animou aos nacionalistas a acudir aos tribunais.

O responsable de Sanidade respondía así a unha interpelación solicitada polo BNG no Pleno do Parlamento de Galicia, onde a deputada Montserrat Prado fixo referencia á multitudinaria manifestación celebrada hai dúas semanas en Santiago de Compostela en defensa da sanidade pública. "Ningunha desas persoas foi enganada ou crendo bulos; reclamaban unha sanidade pública de calidade e para vostedes tivo que ser un baño de realidade", comentou.

Sobre isto, afeou que a resposta do PP sexa "desacreditar aos galegos" e impulsar "máis medidas para pór unha alfombra vermella á sanidade privada", como a posibilidade de compatibilizar o servizo público e o privado.

En canto ás listas de espera, destacou que deberían publicarse o 31 de decembro. "A transparencia non vai con vostedes", apostilou. En base aos últimos datos do verán pasado, Prado indicou, entre outras cifras, que hai 43.000 persoas esperando unha intervención, 198.000 por consultas e 119.000 por probas diagnósticas.

Ademais, afirmou que o Sergas pon o contador a cero na espera daqueles pacientes que son derivados a un centro concertado e rexeitan ser atendidos alí. Pola súa banda, Comesaña negou tajantemente esta afirmación. O conselleiro explicou que dentro da espera non estrutural, atópanse aqueles pacientes non operables por motivos médicos, aqueles que deciden non ser intervidos nese momento por decisión persoal e aqueles en espera tras rexeitar unha derivación. "En ningún caso se lles pasa ao final de ningunha cola ou se lles fai esperar máis. É mentira. Mente cando di que os pacientes que rexeitan un centro concertado, que non privado, volven empezar. E rétolle a que vaia aos tribunais e o demostre", defendeu.

No que respecta ás listas de espera, o responsable de sanidade da Xunta reivindicou a eficacia do servizo, sobre todo durante a pandemia. Precisamente a crise de Covid-19, xustificou, obrigou a aprazar probas e intervencións.

"Hai un aumento nas listas de espera que non queremos e pedimos perdón á sociedade por esa demora, pero é así en todos os sistemas sanitarios. A Xunta traballa por diminuír eses datos e, aínda sen volver aos datos de 2019, temos os mellores de toda a serie histórica do Sergas", explicou.

LISTAS DE ESPERA

Así, detallou que Galicia se sitúa entre as comunidades con menos listas de espera, con 55 días de espera media para consultas fronte aos 42 de 2019 e "fronte aos 65 de 2009 co BNG e os 69 deste ano de media española".

En cirurxía, comentou, a galega é a cuarta rexión co mellor dato. "Segundo os datos de xuño de 2022, mes do que son os últimos datos de todas as comunidades, Galicia tiña unha espera media de 75 días fronte aos 54 de 19 e 38 por baixo da espera media española, de 113 días", indicou.

Por último, Comesaña apuntou que "a prioridade da Xunta sempre son as patoloxías máis graves", cunha espera de 19 días de media, cando a estatal é de 40 días. "Nin un só paciente grave foi derivado a centros concertados", aseverou.

Prado cualificou de "inaceptable e indecente" a actitude do Goberno galego, que "non fai nada por acabar coa incerteza permanente dos galegos que non saben cal é a súa situación". "Non quere falar das imaxes da manifestación porque son incontestables", engadiu.

O conselleiro pechou a interpelación preguntando a Prado que, "se tan malo é derivar ao concertado, por que o Goberno do BNG facíao?". "Galicia é a comunidade que menos deriva", asegurou, tras o que insistiu en que os nacionalistas utilizan "a demagoxia e a mentira". "Traspasa certos límites cando insinúa que quitamos pacientes das listas de espera", afeou.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na rolda de prensa posterior á Consello presidido por Alfonso Rueda
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na rolda de prensa posterior á Consello presidido por Alfonso Rueda | Fonte: DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta