Víctimas do accidente de Angrois: "Se se analizaran os riscos antes non estariamos aquí"

Prosegue o xuízo polo accidente ferroviario ocorrido en Angrois o 24 de xullo de 2013 tras o anuncio da incorporación do sistema de seguridade `ERTMS´ no Eixo Atlántico.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/04/2023 | Actualizada ás 11:53

Comparte esta noticia

A plataforma de vítimas do accidente do tren Alvia ocorrido fai xa case 10 anos na curva da Grandeira, en Angrois (Santiago), alégrase de que Adif vaia pór en servizo nas próximas semanas o sistema de seguridade 'ERTMS' no eixo atlántico e tamén na contorna da estación compostelá, o que inclúe o tramo no que se produciu o descarrilamento. Pero "que non o desconecten", avisa Jesús Domínguez, portavoz da plataforma.

Diante dos medios de comunicación, antes de declarar ante a xuíza, pediu ao administrador de infraestruturas ferroviarias, cuxo ex xefe de seguridade está sendo procesado neste xuízo, "que antes de desconectalo fagan as análises de riscos pertinentes e tomen as medidas preventivas". E é que, segundo evidencia, "pode estar --o 'ERTMS'-- ata Santiago, ata A Coruña ou ata Moscova, pero se o desconectas por atrasos, que foi o que se fixo no noso caso, pois de pouco vai servir".

"UN MOMENTO DURO"

En febreiro, o proceso iniciou a parte civil, na que ás vítimas tócalles " expor o dano físico, moral e psicolóxico" que sufriron. "É un momento duro, pero máis aínda cando sabes que a traxedia era evitable", subliña Jesús Domínguez, que este martes declara xunto á súa parella. "Ao longo de todo o xuízo oral quedou demostrado que se Adif, tal e como di o escrito do fiscal, fixese o seu traballo e analizase os riscos, tanto na posta en servizo da liña, como cando se desconectou o sistema de seguridade, non estariamos aquí", advirte.

O estatuto da vítima "é claro", segundo resalta o portavoz da plataforma de vítimas, "e hai un dano moral, e non tanto por que teña unha compensación económica". "Ao final as vítimas e familiares tivemos que dedicar moito tempo, porque non o digo eu, dino os autos dos xuíces: Adif non colaboraba, non entregaba papeis; houbo papeis que apareceron tres e catro anos despois", denuncia. "Toda esa loita, ese traballo, foi un dano engadido, porque había institucións que non estaban a colaborar", reitera

RECLAMAN XUSTIZA

Consciente de que "reparar todo o dano é imposible", Jesús Domínguez incide en que "o que si que pode facer a sentenza é reparar en parte" para iso piden catro anos de cárcere ao ex director de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, "por non facer as análises de riscos ao inaugurar a liña e ao desconectar o sistema de seguridade". Isto, conclue, "sería unha satisfacción evidente".

O portavoz da plataforma de vítimas do accidente do Alvia, Jesús Domínguez
O portavoz da plataforma de vítimas do accidente do Alvia, Jesús Domínguez | Fonte: Europa Press

AVANCES

A posta en servizo do sistema de protección do tren 'ERTMS' no seu nivel 1 levará a Adif a interromper a circulación os días 22, 23 e 24 de abril, segundo informou a propia empresa pública.

Esta posta en servizo chega 10 anos despois do sinistro ferroviario no que morreron 80 persoas e 140 resultaron feridas. Desde o pasado outubro e ata o próximo xullo, a titular do xulgado do penal número 2 de Santiago, Elena Fernández Currás, trata de determinar as responsabilidades penais polo ocorrido, co ex alto cargo de Adif e o maquinista como acusados.

COMPARECENCIA

Jesús Domínguez, interrogado polo defensor do maquinista preguntoulle se estima que o proceso pode reparar "ou consolar algo", momento no que interveu a xuíza ao ver a cuestión "impertinente". O portavoz da plataforma de vítimas expresou: "Creo que que che pidan perdón e recoñezan os feitos repara a calquera, na vida cotiá tamén".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta