O desafío Prerrafaelita. Are you ready, Inglaterra?

A Irmandade Prerrafaelita revolucionou a Inglaterra Vitoriana, con detractores tan relevantes como o mesmo Charles Dickens.

Por O faro de Hopper - Leticia Pérez-Lafuente | Madrid | 19/02/2015

Comparte esta noticia

Faro de Hopper
Faro de Hopper

- Repugnante! -exclama Rosetti tras servirse o té-
- Excuse me... Como dis? -reacciona William-
- "Repugnante", é o que pon The Times
- Jesus Christ! Certamente o cadro de John impactoulles!

Non é unha licenza literaria deste Faro de Hopper, "Repugnante" foi o primeiro cualificativo que recibiu "Cristo na casa dos seus pais" de John Everett Millais. Por que? preguntámonos hoxe. Pois porque tras o xuramento que deu arranque á Irmandade Prerrafaelita, os seus membros empezaron a pintar cunha linguaxe nova, e ninguén parecía estar disposto a comprendelo.

Imos percorrer neste artigo a revolución Prerrafaelita a través das súas principais obras, exploraremos os cambios radicais que introduciron na pintura e que dixeron deles as voces máis relevantes da Inglaterra Vitoriana. Sabes que se adiantaron aos Impresionistas en temáticas? Entón... Úneste á Irmandade?

552139_396151673825712_999837618_n

Millais amosa o fogar onde medrou Xesús. Non é isto máis crible que unha escena con ánxeles con trompetas e cortinaxes?

Volvemos á obra de Millais que desatou o escándalo. A Sagrada Familia aparece nun momento cotián no taller de San Xosé. O mozo Xesús feriu a man cunha estela de madeira e o seu primo (San Xoán) lévalle auga. Efectivamente, o sangue é un presaxio da crucifixión, ao igual que a escaleira do fondo, pero para representar esta escena, Millais non inclúe rompementos de gloria, nin atmosferas sobrenaturais. No chan hai labras de madeira e ninguén ostenta luxos nin está en éxtase. A todos se lles ve a pel arrubiar polo sol e sucia polo po de madeira. Pero o que máis indignou á opinión pública inglesa foi a imaxe da Virxe. O artista represéntaa como unha muller coa pel envellecida, delgada e humilde pero con gran xesto de tenrura humana cara ao seu fillo. (Charles Dickens cualificou a esta Virxe de John Everett Millais "ofensiva na súa fealdade". "Unha obra sucia e desagradable", publicou Dickens.)

Se comparamos a obra anterior con "A Virxe de colo longo" pintada por Parmiggianino vemos como Millais elimina dunha brochada aquela concepción irreal e idealizada que marcou o estilo de xeracións de artistas dende o Renacemento. Parmiggianino mostra un retrato solemne e distante, mentres que Millais presenta unha escena real e acorde á historia que o cadro narra, sen buscar a beleza no idealizado, senón no natural.

552139_396151673825712_999837618_n

É esta a Virxen que deu a luz nun pesebre ou é unha fada?

Os Prerrafaelistas estaban fartos dunha pintura que só continuaba “la maniera” (o estilo) da pintura posterior a Rafael e Miguel Ángel, que respectaban tecnicamente, pero encontraban baleira de emotividade. Os Prerrafaelistas consideraban a Rafael un grande artista, pero para eles o inadmisible era que a súa forma de abordar unha pintura (en composición, cor e simboloxía) se convertera nun dogma que estaba a desembocar en que a arte, e sobre todo a inglesa, fose completamente predicible e "aburrida”.

Por que a composición dos personaxes tiña que ser piramidal?, Por que a luz debía incidir sempre na figura principal do cadro?, preguntábanse os Prerrafaelistas.

Millais, contradixo as normas clásicas de composición pictórica e plasmou na súa obra os cinco principios que defendía o grupo:

1) Buscar unha sincera emotividade.
2) Traballar o detalle ao estilo naturalista coidando a perfección técnica.
3) Mostrar a escena pictórica con naturalidade.
4) Esquematizar as referencias simbólicas.
5) Eliminar a "idealización" que impoñía a Academia e que tanto lles aburría.

E de que academia falamos? Pois de The Royal Academy of Arts, que contou con membros do calibre artístico de Sir Joshua Reynolds ou Turner, e xa nos nosos tempos con Peter Blake ou David Hockney. De feito, John Everett Millais, foi o membro máis novo que aceptou a Academy (11 anos) mesmo chegou a ser Presidente da Academia en 1896, aínda que no tempo que exploramos neste artigo el nin o sospeitaba.

Outro Prerrafaeita convencido da necesidade daquela renovación estética é Dante Gabriel Rosetti (cuxo autorretrato ocupa o número 5 no "Top 10 dos cabaleiros da arte").  Rosseti, poeta e pintor, era fillo dun refuxiado político italiano. Como os seus compañeiros de Irmandade, Rosetti era bohemio e vehemente. Efectivamente, eran "nenos ben" pero con iniciativa e talento para triunfar por se mesmos. Rosetti deixa a Academia e empeza a traballar en talleres de pintores a pé de rúa, máis lonxe dos salóns e máis preto da vida. Para Dante, a pintura debía reflectir as reaccións e sentimentos dos personaxes sen ridiculizalos con elementos arrogantes. Na súa "Anunciación" representa unha moza asustada pola presenza dun anxo, unha escena íntima e sinxela na que María recibe a noticia na quietude do seu cuarto. Non hai elementos de gloria, non hai alusións ao seu destino, senón a sinxeleza daquel encontro cun anxo que case parece un ser humanos máis (sen ás).

552139_396151673825712_999837618_n

A Virxen é sorprendida na súa habitación, sen luces dramáticas nin nubes, está asustada e aínda descoñece o seu destino

552139_396151673825712_999837618_n

A Virxen recibe a noticia nun  ambiente case místico, María semella saber exactamente cal é o seu papel

Outra das súas fontes de inspiración foi a literatura. En "Ophelia", Millais mostra a desdita do seu accidente no río, a súa vida vaise, a natureza segue o seu curso sen alterarse, tal como sucedeu no texto de Shakespeare e como sucedería se a escena fose real. A modelo que posou para John Everett foi Elizabeth Siddal e para inspirar ao esixente John, tivo que mollarse durante horas.

552139_396151673825712_999837618_n

Outra obra que sacou fume ás máquinas de imprenta foi esta escena pintada por William Holman Hunt que reflicte o labor duns misioneiros. Nela móstrase non só a parte mística senón a humana.

Así o artista describe situacións de perigo e tensión. Non é tan idílico predicar en terra allea. Esta obra zumega a dificultade da vida daqueles homes de fe e aventura.

552139_396151673825712_999837618_n

Outra das reivindicacións estéticas da Irmandade Prerrafaelista centrou o tiro na renovación da paisaxe. Non esquezamos que buscaban a naturalidade, aínda que esta implicase desorde e contradicións.

O escritor, sociólogo e crítico de arte John Ruskin falaba así da pintura que imperaba naquela Inglaterra: "Esas vacas marróns pastando nun campo sempre idílico, antes ou despois dunha tormenta. Esas caras, que parecen ás veces unha burla de si mesmas, petrificadas ou en éxtase."

Como se ve en "Ophelia" a natureza xa non é un decorado senón que toma o que é seu e segue o seu curso á marxe do home, pero sen drama exacerbado, só con naturalidade.

Cando a Irmandade xa revolvera as entrañas da pintura relixiosa empezaron a retratar escenas e situacións da vida urbana de Londres. Visionarios! Pois nisto adiántanse unha década ao que logo farían os pintores impresionistas en París. Pero os Prerrafaelistas, ademais de pintar esas escenas, pretendían realizar unha potente crítica de certos costumes da súa sociedade.

O curioso da repugnancia que o noso admirado Charles Dickens sentía pola súa pintura é que no fondo o propio Dickens estaba a realizar a mesma transformación coa literatura. Facíao coas súas novelas de temática realista e social, que levaban a primeiro plano a nenos da rúa (Oliver Twist) e poñían de manifesto as carencias de espírito do home moderno (Conto de Nadal).

Nas súas obras de temas sociais os Prerrafaelistas exploraron o papel da muller na súa sociedade. Dous exemplos cargados de lirismo pero que escoden unha crítica bestial son "Mariana" de John Everett Millais e "O espertar da Conciencia" de William Holman Hunt.

552139_396151673825712_999837618_n

Mariana, hai vida ao outro lado do cristal?

Millais explora a dependencia da muller do matrimonio. A postura, a mirada e a mente que se queren evadir, cruzar esa ventá cara á liberdade, pero onde? Pero como? Mariana parece levar o peso das súas costas e da súa alma nas mans. Dende a vidreira que contempla, o anxo Gabriel e a Virxe mírana… É unha pintura dun tema histórico para reflectir unha situación social común na época do pintor.

Mentres, William Holman Hunt na súa obra "O espertar da conciencia" mostra unha escena que parece de celebración pero que esconde precisamente iso, o espertar. A moza do lenzo asume de pronto a realidade da situación que vive. O cabaleiro co que está mímaa e protéxea pero non a ama tanto como para dignificala socialmente. Holman Hunt non recorre á pintura ambientada no medievo, como fai Millais, senón que retrata unha relación da súa propia época. Ela estaba sentada no seu regazo e de pronto álzase, cae a luva, ela eleva a mirada e decátase de que non quere seguir sendo só "unha acompañante". No lenzo vemos á rapaza por diante e por detrás, ten un pasado e xa é consciente de que quere deixalo atrás, Permitirao a sociedade na que vive?

552139_396151673825712_999837618_n

O mesmo Hunt prometeu matrimonio á modelo que posou para este cadro e nunca cumpriu a súa promesa

Os Prerrafaelistas tiveron predilección polas mulleres de clase traballadora, moitas dos seus modelos foron as súas amantes (Elizabeth Sidall, Annie Miller ou Fanny Cornforth).

E agora recapitulemos; temos un grupo de virtuosos pintores que cambian de golpe o xeito de reflectir os temas na pintura e tanto os círculos artísticos como culturais os lapidan, É que ninguén se sentiu conmovido pola súa sensibilidade? Si, tras dous anos observando, un home influente, John Ruskin, eleva a súa voz para sumarse á súa causa. Na súa carta ao Times para apoiar a rebeldía da Hermandad Ruskin escribe:

"Estes Prerrafaelistas cambiaron as regras do que significa a creación pictórica, eles supoñen unha renovación da arte como non se vira dende hai máis de tres séculos."

Naquela Inglaterra, unha palabra de John Ruskin podía alzar ou derrubar un artista e as reaccións a esta carta non se fixeron esperar. A partir de aquí a Irmandade Prerrafaelista puido continuar a súa carreira sabendo que a arte inglesa nunca volvería ser a mesma.

Hoxe pode parecernos unha arte clásica ou literaria pero establecendo comparacións cos seus contemporáneos causa impacto comprobar como os Prerrafaelistas fixeron a súa revolución tomando as armas dunha perfecta execución artística e dunha ousada e nova forma de mirar. Cando pises Inglaterra, búscaos! As súas mellores obras encóntranse na Tate Gallery, Manchester Art Gallery, en Birmingham Museum & Art Gallery, Lady Lever Art Gallery (Ah, e ao outro lado do charco no Museo de Arte Ponce de Puerto Rico!)


Leticia Pérez-Lafuente

'El faro de Hopper' é un espazo para gozar da arte e explorar a comunicación das marcas que forman parte da nosa vida. Leticia Pérez-Lafuente Suárez anímavos a descubrir que hai detrás dun cadro ou dun logo. Natural de Vilagarcía, realizou os seus estudos de xornalismo entre Madrid e Italia. Traballou no Faro de Vigo e as emisoras COPE e SER en Vigo. Actualmente reside en Madrid onde, tras especializarse en Consultoría de Comunicación, traballa para Heineken España e Leroy Merlin entre outras marcas. Publica habitualmente na revista Madrid Histórico e continúa a súa formación en estratexia de comunicación e arte.

Visita el blog www.elfarodehopper.com / Facebook: El faro de Hopper / Twitter: @FaroHopper

Máis artigos de Leticia Pérez-Lafuente aquí.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Leticia Pérez-Lafuente O faro de Hopper é un espazo para gozar da arte e explorar a comunicación das marcas que forman parte da nosa vida. Leticia Pérez-Lafuente Suárez anímavos a descubrir que hai detrás dun cadro ou dun logo. Natural de Vilagarcía, realizou os seus estudos de xornalismo entre Madrid e Italia. Traballou no Faro de Vigo e as emisoras COPE e SER en Vigo. Actualmente reside en Madrid onde, tras especializarse en Consultoría de Comunicació, traballa para Heineken España e Leroy Merlin entre outras marcas. Publica habitualmente na revista Madrid Histórico e continúa a súa formación en estratexia de comunicación e arte. Faro de Hopper