Sonia González (Educadora social): "Precisamos máis protocolos de prevención do acoso escolar e non tantos de actuación"

Con motivo do 2 de maio, Día contra o acoso escolar, Galicia Confidencial conversa coa presidenta do Colexio de Educadores e Educadoras Sociais de Galicia (Ceesg), Sonia González. Educadora social especializada na intervención de familias, González explica a situación na que se atopan os centros escolares á hora de abordar o acoso escolar e a necesidade de construír espazos seguros e libres de violencia.

Por José Barros Blanco | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/05/2023 | Actualizada ás 22:04

Comparte esta noticia

Actualmente, vostede é a presidenta do Colexio de Educadores e Educadoras Sociais de Galicia. Cales son as principais funcións deste organismo?

Sonia González, presidenta do Ceesg
Sonia González, presidenta do Ceesg | Fonte: Ceesg

No Ceesg encargámonos de representar aos traballadores e traballadoras do sector a nivel autonómico. Basicamente, traballamos para que os profesionais poidan ter voz e forza ante as diferentes institucións e administracións públicas. Tamén formamos parte do Consello Estatal de Educación Social. 

Un dos obxectivos dos colexios profesionais, entre eles o Ceesg, é evitar o intrusismo laboral e que os profesionais desenvolvan o seu traballo dunha maneira correcta e ética, ao tempo que o propio organismo colexiado respalda ese traballo.

Como cada ano, o 2 de maio conmemórase o Día contra o acoso escolar. No caso de Galicia, en que situación nos atopamos con respecto a esta problemática?

Atopámonos nun momento en Galicia no que o acoso escolar precisa unha especial atención. É necesario que abordemos esta situación con estratexias que vaian máis alá dos protocolos que se aplican agora mesmo para poder levar a cabo accións coordinadas.

Levamos tempo reclamando que se debe traballar de forma distinta nas aulas, deseñando e desenvolvendo estratexias socioeducativas nos centros escolares, que sirvan para traballar nun clima de confianza e de seguridade, creando espazos seguros. A nosa pretensión é actuar igual que noutras comunidades autónomas, aplicando esa figura. Reclamamos que aquí tamén se faga, porque somos conscientes de que hai moitas educadoras e educadores sociais realizando labores nos centros educativos a costa do esforzo dos propios centros ou de asociacións de nais e pais.

Existe unha medición estatística de ata que punto está presente o acoso escolar nos centros educativos galegos?

É difícil contar cunhas estatísticas fiables, porque os protocolos de acoso escolar ábrense só cando a situación é denunciada. En todo caso, desde a Educación Social abogamos porque se aposte por máis protocolos de prevención, e non só por protocolos de actuación. Ao final, estase favorecendo que moitos nenos e nenas vítimas deste acoso pasen polo sistema educativo sen que o que están a vivir sexa detectado.

Chegan moitas crianzas aos servizos de saúde mental infantil ou a servizos de educación e apoio familiar que viviron este tipo de situacións e que nunca antes o comunicaran, porque nunca atoparon profesionais que acompañaran ese proceso. Por iso é necesario traballar desde a prevención para crear espazos seguros e que se poida impartir educación emocional nos centros escolares.

Hai denominadores comúns nos casos de acoso escolar detectados? Existen patróns ou perfís neste tipo de comportamentos?

Estas situacións fanse moitas veces visibles na Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), xa que neste punto as condutas son máis 'destacables' a ollos de educadores sociais e docentes. Iso non quere dicir que na Educación Primaria non ocorran casos, senón que moitas veces os nenos e nenas non teñen a capacidade para comunicalos.

Para que os datos sexan fiables, é necesario xuntar os expedientes de acoso escolar abertos nos propios centros educativos e nos servizos de atención que antes comentaba, co obxectivo de evitar que crianzas que nun primeiro momento sufriron acoso na Primaria poidan convertirse en acosadores na Secundaria como mecanismo de defensa.

Estamos nun punto no que os centros escolares teñen que lidiar con múltiples factores que poden afondar nos casos de acoso escolar. Por exemplo, os meses de confinamento vividos ao comezo da pandemia, nos que os nenos e nenas non tiveron as mesmas relacións emocionais que noutros períodos ordinarios. As novas tecnoloxías tamén viñeron a cambiar o panorama, porque incorporaron novas formas de acoso escolar dificilmente detectables e controlables desde os centros educativos.

Existe unha concienciación real desde a Xunta e o Goberno central sobre o acoso escolar. Dedican os suficientes recursos e esforzos para atallar esta situación?

Sabemos que son conscientes porque xa llo trasladamos varias veces. A nova lexislación deu un paso adiante á hora de mellorar o traballo contra o acoso escolar. Pero segue faltando moita concreción na creación de figuras e responsabilidades que permitan avanzar. A Xunta podería actuar neste sentido, pero en moitos casos aposta por cargar de máis responsabilidades aos propios equipos directivos e docentes dos centros escolares.

Se xa temos persoal sobrecargado, levando a cabo accións a costa do seu propio labor educativo, e lle incorporamos aínda máis traballo, o que conseguimos ao final é burocratizar a estes profesionais e perder a oportunidade de levar a cabo unha verdadeira estratexia de educación integral desde múltiples perspectivas que permita mellorar a situación dos espazos educativos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta