Case 2.800 propietarios foron multados no últimos catro anos por non limpar as súas leiras

Durante este período houbo un total de 8.185 apercibimentos a donos de terreos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2023 | Actualizada ás 11:38

Comparte esta noticia

Un total de 2.793 propietarios foron multados en Galicia entre 2019 e 2022 por non limpar as súas leiras ante a obrigación de roza de franxas secundarias de protección de vivendas para a prevención de incendios.

Segundo os datos que traslada a Consellería de Medio Rural a Europa Press, durante este período houbo un total de 8.185 apercibimentos a donos de terreos, avisos que de non cumprirse tradúcense en sancións económicas, como así foi en 2.793 casos.

Sobre a campaña de 2023, este departamento aclara que aínda non conta con datos porque "as revisións comezaron leste mesmo mes". O 1 de xullo iníciase a tempada de alto risco de incendios forestais en Galicia, nun ano con novidades como a posta en marcha por primeira vez dunha unidade especializada en grandes lumes e a ampliación da rede de videovigilancia.

O feito é que as sancións económicas van á alza co paso dos anos: 495 en 2019, 557 en 2020, 756 en 2021 e 985 en 2022. As multas poden ir desde 100 euros nos casos leves ata os 100.000 euros nos moi graves. A provincia da Coruña é a que acumula máis expedientes sancionadores en 2022, cun total de 484. Séguenlle: Lugo (205), Ourense (200) e Pontevedra (96).

Actualmente, un total de 279 municipios (o 89% do total) sumáronse ao convenio entre Xunta, Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga para a limpeza de franxas de seguridade.

INSPECCIÓNS

Así, a Xunta inspeccionou entre 2021 e 2022 un total 84.915 hectáreas de 1,2 millóns de parcelas. O 70% da superficie estaba xestionada en 2022 --polos seus propietarios ou de modo subsidiario por Seaga--, unha cifra que sobe desde o 50% que representaba en 2019.

Os propietarios de parcelas non xestionadas son obxecto da correspondente notificación, advertindo da repercusión do custo e da imposición da correspondente sanción se non se cumpre --paralelamente ábrese expediente con multa en caso de persistencia do incumprimento--. De tal forma, entre 2021 e 2022 remitíronse un total de 250.303 notificacións e 208.635 referencias catastrais para publicación en diarios oficiais --por ser parcelas de descoñecidos--.

Un efectivo da Xunta con base en Becerreá traballan para extinguir as chamas nun incendio forestal en Baleira /  Carlos Castro - Europa Press / Europa Press
Un efectivo da Xunta con base en Becerreá traballan para extinguir as chamas nun incendio forestal en Baleira / Carlos Castro - Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta