Que hai detrás da polémica entre Goberno e Xunta a conta dunha grande empresa marisqueira?

O conflicto está na decisión da empresa A Ostreira de ampliar as súas instalacións en terreo público, cando dispón de terreos privados ao carón das súas instalacións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2023 | Actualizada ás 12:44

Comparte esta noticia

A Delegación do Goberno en Galicia negou que a Dirección Xeral de Costas revogase a licenza de ocupación de espazo costeiro á empresa A Ostreira do Grove e afirma que unicamente lle foi denegada a ampliación das piscinas en terreo público porque a compañía "ten dispoñible" unha parcela privada nas proximidades.

Nunha resposta facilitada aos medios este venres, a Delegación do Goberno responde así á Xunta, que acusou o pasado luns a través da visita de dúas das súas conselleiros --a titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o de Mar, Alfonso Villares-- de pór trabas á renovación da concesión da empresa, da que depende a subministración de semente de moluscos ao sector marisqueiro.

Así, a representación do Executivo central en Galicia acusa á Xunta de xerar "ruído" porque o informe de ocupación dos terreos "foi favorable, cun prazo máximo de 75 anos" e que a única negativa foi á ampliación das piscinas en terreo público ao existir unha leira privada "á beira" cara á que, di, "poderían ampliar as instalacións".

Sostén que Costas estivo en contacto coa empresa, que "a día de hoxe" non presentou un recurso ante esta decisión, á vez que recela do momento elixido para "facer ruído" con este asunto, xa que a petición foi cursada o 10 de xaneiro de 2023.

A OSTREIRA

Esta empresa é o único produtor de semente de ameixa fina, babosa, xaponesa e tamén ostra de Galicia que controla a totalidade do ciclo produtivo. O proceso comeza nas súas instalacións de Barizo (Malpica) onde se obteñen as larvas de reprodutores seleccionados para o seu posterior traslado á planta do Grove, operativa desde 1984. Alí completan a fase de preengorde alimentándose do fitoplancto que se produce nas piscinas exteriores e pasan ao proceso de engorde en batea, previo a que a semente xa estea lista para enviar aos parques de cultivo ou bancos marisqueiros para facer as repoboacións.

A Ostreira produce ao ano uns 150 millóns de unidades de semente de moluscos bivalvos converténdose na principal subministradora de Galicia.

A empresa A Ostreira, no Grove, que comercializa semente de moluscos
A empresa A Ostreira, no Grove, que comercializa semente de moluscos | Fonte: canal Rías Baixas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta