Limitada a oito nós a velocidade navegación nos polígonos de bateas na ría de Arousa

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2023 | Actualizada ás 17:14

Comparte esta noticia

A Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa ditou unha resolución segundo a cal se prohibe "a navegación de todas as embarcacións e artefactos, independentemente da súa lista de matrícula", a unha velocidade superior a 8 nós, cando naveguen polo interior dos polígonos de bateas ou a menos de 50 metros do seu perímetro exterior. A resolución, publicada o xoves no Boletín Oficial da Provincia, e que entrou este venres en vigor, vén substituír á norma vixente desde 2002.

Aínda que Capitanía Marítima leva varios meses traballando no documento agora aprobado, dáse a circunstancia de que a súa publicación e entrada en vigor ten lugar a menos dunha semana do accidente provocado por unha zódiac que chocou contra unha batea da ría de Arousa, e que causou a morte a unha veciña de Vilaxoán e feridas de gravidade ao outro ocupante da embarcación.

ZONAS DE BAÑO

O decreto da Capitanía Marítima tamén establece que "a navegación deportiva e de recreo, sexa a vela ou a motor, está prohibida" nas áreas balizadas reservadas para o baño, e que "o seu lanzamento e varada deben realizarse exclusivamente a través de canles autorizadas". No caso de que a zona de baño non estea acoutada, as limitacións estenderanse a unha franxa de douscentos metros contigua ás praias, e de cincuenta metros no resto do litoral. A velocidade máxima no seu interior establécese en tres nós.

ARTEFACTOS DE RECREO

A nova regulación marítima limita o uso de "artefactos de recreo" soamente "en horas de luz diúrna, en condicións de boa visibilidade e con bo tempo". Salvo que o usuario dispoña de titulación, soamente poderá navegar a menos de dúas millas dun porto, mariña ou lugar de abrigo. O resto dos artefactos soamente poderán utilizarse nas zonas de baño cando se trate de artefactos non ríxidos, que en ningún caso poderán estar propulsados a vela ou a motor, e cuxo uso sexa compatible co do bañista e/ou mergullador, como os artefactos de praia inflables.

No caso de artefactos cuxo uso non sexa compatible, como o surf, windsurf, kitesurf, paddle surf ou similares, cando non existan zonas acoutadas nas praias para a práctica destas actividades, soamente poderá realizarse fóra das zonas balizadas de baño. Se estas zonas non existisen, estas actividades deberán realizarse a máis de 200 metros da praia e 50 metros da costa, con excepción do surf e o paddle surf, que poderán practicarse dentro deses límites cun resgardo mínimo de 50 metros de bañistas e mergulladores.

A propia resolución especifica que a denominación de "artefactos" fai referencia a "piraguas, kaiaks, canoas sen motor, patíns con pedais ou provistos de motor con potencia inferior a 3,5 kW, motos náuticas, táboas a vela, táboas deslizantes con ou sen motor e instalacións flotantes fondeadas".

Canoa no Ézaro / Luis Matias Lopez Rivas - Wikimedia. / Europa Press
Canoa no Ézaro / Luis Matias Lopez Rivas - Wikimedia. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta