Este é o calendario laboral de 2024 en Galicia

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2023 | Actualizada ás 11:58

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns o calendario laboral da comunidade para 2024, no que se fixan oficialmente os 12 festivos do próximo ano --a falta dos dous de ámbito local--, entre eles o Día das Letras Galegas (17 de maio) e o Día Nacional de Galicia (25 de xullo).

O acordo publicado no DOG foi aprobado o pasado 29 de xuño en Consello da Xunta. A normativa estatal establece en 14 as festas anuais non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Delas, dous corresponden a cada concello.

Pola súa banda, nove festivos son obrigatorios e non sustituibles a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, venres santo (29 de marzo de 2024), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro.

En 2024 hai un festivo nacional de carácter obrigatorio que coincide en domingo, o 8 de decembro, polo que Galicia propón a súa substitución polo 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Os outros tres festivos de carácter nacional son opcionais, é dicir, poden ser substituídos polas comunidades: o 6 de xaneiro e o Xoves Santo (28 de marzo), que tradicionalmente se manteñen en Galicia, e o 19 de marzo ou o 25 de xullo. Neste último caso, optouse polo Día de Galicia, algo que ocorre habitualmente.

Cartel do  Día das Letras Galegas 1963
Cartel do Día das Letras Galegas 1963 | Fonte: RAG - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta