Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2025 | Actualizada ás 20:08
Santiago de Compostela sumouse este venres ás cidades nas que se leron os nomes dos nenos e nenas asasinadas na Franxa de Gaza, que, segundo datos do Ministerio de Saúde de Gaza, ascenden a 19.500 vítimas menores de idade. Desta forma, a capital galega segue a testemuña de cidades do mundo e tamén galegas, como Ourense e A Coruña.
Máis de 70 persoas estaban apuntadas previamente á acción organizada por Galiza por Palestina, que arrincou ás 10 da mañán, estendéndose dez horas atá as 20 da tarde. Durante o transcurso da xornada, máis cidadáns achegáronse á praza do Toural para sumarse á iniciativa. A unha hora do final da acción de protesta, a lectura chegara á páxina 329 das 500 páxinas totais da listaxe e, por tanto, xa se leron máis de 8.300 nomes. "Non seremos cómplices do silencio e non imos parar. Non hai paz sen xustiza nin reparación", destacan desde a organización.
Entidades como Save the Children estiman que máis de 20.000 menores de 16 anos foron asasinadas, mentres que a relatora especial da ONU para os Territorios Palestinos Ocupados, Francesca Albanese, advertiu que a cifra real de vítimas podería ser dez veces superior aos datos oficiais, alcanzando as 680.000 persoas, das cales 380.000 serían nenos e nenas menores de cinco anos.
Neste acto público, ademais de particulares e voluntarios, participaron membros da corporación municipal de Santiago; entre eles, a alcaldesa, Goretti Sanmartín; a portavoz municipal, Míriam Louzao, e a concelleira non adscrita Mercedes Rosón. Tamén estiveron presentes representantes do Movemento Global para Gaza-Galicia, Compostela por Palestina e diversas organizacións veciñais, sociais e sindicais que se suman á homenaxe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.