Denuncian "danos irreparables" a petróglifos polos eólicos no monte Acibal

O último informe do Consello da Cultura Galega di que non se levou a cabo o proceso de recoñecemento e salvagarda dos elementos patrimoniais, naturais e culturais previo á tramitación do parque.

Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 07/08/2023 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

A creación dun parque eólico pode chegar a ser unha auténtica catástrofe para o territorio no que se levanta: ecosistemas alterados, contaminación paisaxística, ruido... Mais tamén para o patrimonio natural e cultural da zona. Mámoas, petroglifos, castros... Unha gran cantidade de elementos conservados ao longo da historia e que nos fan recordar o noso pasado poden resultar esnaquizados se non se ten coidado á hora de instalar estas enormes aspas.

Estado actual do Coto do Mouro, onde os veciños atoparon varios petroglifos
Estado actual do Coto do Mouro, onde os veciños atoparon varios petroglifos | Fonte: CCG

Segundo o último informe do Consello da Cultura Galega (CCG), parece que eso foi precisamente o que sucedeu co polígono eólico Acibal, moi preto da área arqueolóxica de Campo Lameiro (e situado en terreos do Monte Acibal, o humedal Brañas de Amil e Curro de Amil). Durante o seu levantamento foi "insuficiente", tal e como recoñece o organismo, o recoñecemento e a salvagarda que se deu aos elementos patrimoniais, naturais e culturais. A tramitación seguiu o seu curso sen preocuparse do asunto.

O parque eólico de Acibal sitúase no concello de Moraña (aínda que se extende máis aló do mesmo, chegando aos concellos de Barro, Pontevedra e Campo Lameiro), promovido por Norvento S.L., e conta con autorización administrativa e de construción por acordo da Xunta do 17 de marzo de 2022. Con todo, foi durante a fase de execución das obras cando se terían identificado bens de patrimonio arqueolóxico afectados polas obras.

Así, o CCG asegura que foi precisamente esta "falta de identificación precisa do patrimonio cultural, incluíndo elementos arqueolóxicos e inmateriais", a que tivo como resultado "danos irreparables". O máis evidente: a deslocalización de petroglifos, que como sabemos son importantes manifestacións da arte rupestre galega.

Ademais, o estudo destaca a carencia dunha avaliación completa do impacto sobre a paisaxe cultural na Declaración de Impacto Ambiental (DIA) de 2021. Deste xeito, segundo o Consello da Cultura Galega (cuxo acceso á información relativa ao polígono de Acibal foi moi difícil debido á falta de colaboración da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural), os valores históricos, culturais e naturais da área non foron debidamente considerados.

A mobilización social das comunidades locais, que traballaron arduamente para documentar e preservar este patrimonio afectado polo parque eólico tampouco tería recibido o recoñecemento axeitado por parte da Administración. De feito, o CCG asegura que a participación das comunidades locais na toma de decisións foi desatendida, prexudicando a transparencia e o seu acceso á información relevante.

NECESIDADE URXENTE DUNHA AVALIACIÓN CUALITATIVA DAS POLÍTICAS PÚBLICAS DE DESENVOLVEMENTO EÓLICO

Diante disto, o Consello da Cultura Galega sinala a necesidade urxente dunha avaliación cualitativa das políticas públicas relacionadas co desenvolvemento eólico en Galicia. E é que non todo vale. "É crucial revisar os conceptos e criterios de protección do patrimonio cultural, considerando todas as dimensións espaciais, materiais e inmateriais dos bens patrimoniais", expón, recomendando que as avaliacións de impacto ambiental futuras "teñan plenamente en conta os valores culturais, naturais e da paisaxe, garantindo unha abordaxe holística e sostible".

Neste contexto, o CCG destaca a importancia dun maior envolvemento e participación das comunidades locais nas decisións que afectan directamente aos seus territorios e historia. "A colaboración entre os expertos e as comunidades é fundamental para protexer axeitadamente o patrimonio cultural e preservar a identidade histórica e cultural da rexión", sentenza, animando á Administración e demais partes implicadas a adoptar unha abordaxe "máis coidadosa e integrada no desenvolvemento eólico, respectando a riqueza patrimonial e cultural de Galicia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta