Vítimas dunha obsesión II: depresión, ansiedade, ingresos hospitalarios, insomnio... Anos de sufrimento e ocultacións

Lotarías do Estado non foi transparente coa custodia do boleto premiado na Coruña no 2013 con 4,7 millóns de euros, o que deu lugar a moitas dudas que a Policía Nacional tivo que ir sorteando para poder chegar ao fondo dun asunto que se complicaba a cada momento que pasaba.

Por Galicia Confidencial | A CORUÑA | 20/08/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Pasados xa tres meses dende que o boleto de lotaría perdido na Coruña, alá polo ano 2012, resultara premiado, o loteiro da administración onde foi comprobado, Manuel Reija, irmán ademais do delegado de Lotarías na Coruña, Miguel Reija, tenta cobrar o premio, asegurando que a súa vontade é boa, que é para que non se perdan os cartos pasado tanto tempo, como se a súa intención fose custodialos ata dar co verdadeiro propietario. Pero canto tentou atopar ao dono realmente?

Certificación pericial aportada por Juan
Certificación pericial aportada por Juan | Fonte: Arquivo

Reija asegura, para comezar, que a súa administración no mercado de San Agustín carecía de cámaras de seguridade, mais un dos reclamantes do premio solicita á empresa de seguridade das cámaras os contratos e resulta que si que as tiña. Tal e como se especifica no documental de HBO, 'Se busca millonario', cabe ter en conta que o loteiro levaríase reclamando o premio naquel momento, sen aparecer propietario algún pasados dous anos, a contía íntegra, porque ademais no 2012 Facenda aínda non se levaba unha parte das ganancias, como si acontece na actualidade.

Mais non lle foi tan fácil, pois varios dos reclamantes do premio levaron a súa demanda aos xulgados, unha delas admitida polo Xulgado da Coruña, de maneira que ata que o xuíz revisase o caso e acordase o seu peche ou a súa investigación, o loteiro aínda non se podía declarar a si mesmo como propietario 'de rebote' do boleto premiado. Mala sorte!

Eran xa un total de 220 as persoas reclamantes chegados a este punto. Cantas delas creíbles? Segundo o por entón alcalde da Coruña, Carlos Negreira, "de todas as persoas que se presentaron quedámonos só con tres historias creíbles". Aínda así, como admite no documental o xornalista de 'La Voz de Galicia' Alberto Maía, a maioría da xente cre que non se vai a chegar a resolver o tema. E é nese intre cando aparece en escena Germán Lago González, inspector xefe da Policía Nacional da Coruña, que toma as rendas do caso. 

Entrevistado pola plataforma de vídeo, afirma que non foi doado meterse de cheo neste tema. "Tiñamos ante nós un reto diferente, o de analizar a documentación, comprobar como son os sorteos de lotarías e investigar dúas cousas: unha, quenes eran os autores do delito e, dúas, quen era o verdadeiro propietario entre esos case 300 participantes", recorda. Ademais, o tempo transcurrido dende o suceso ata que este axente se pon a investigalo xoga en contra: había cámaras tanto no Carrefour (onde se sella o boleto) como no mercado de San Agustín (onde se comproba), pero as grabacións xa foran borradas de maneira automática.

Miguel Reija, delegado de Lotarías na Coruña
Miguel Reija, delegado de Lotarías na Coruña | Fonte: Arquivo

MOVEMENTOS RAROS DENDE LOTARÍAS E LECTURA DAS PEGADAS DACTILARES

Tamén se comezan a detectar movementos estranos por parte da administración de lotarías: cando Lotarías do Estado recibe o boleto premiado que lle envía Miguel Reija, o delegado da Coruña, méteo baixo custodia nunha caixa forte, e non o envían á policía a analizar ata meses despois. Por que ese retraso? A viaxe do boleto comezou, tal e como narran os protagonistas da historia en HBO, o 3 de xullo de 2012, ao día seguinte de que o loteiro o atopase na súa administración. O seu irmán, o delegado da Coruña, ponse en contacto ao día seguinte coa sede en Madrid. E pasa unha semana ata que se puido contactar co responsable de Lotarías. A pregunta, chegados a este punto é: quen aguanta unha semana cun boleto de 4,7 millóns de euros? Para todos os participantes neste documental a cousa é para sospeitar.

Unha semana despois, tras contactar co responsable de Lotarías en Madrid, o delegado da Coruña viaxa hasta Madrid para atoparse con el, e ao día seguinte un funcionario da sede central viaxa ata a Coruña para recoller o boleto e trasladalo a Madrid, onde permanece custodiado por Lotarías do Estado. Alí se queda nada menos que tres meses ata que por fin se lle entrega á Policía Científica para analizalo. O 24 de setembro de 2012 chega ao exame visual e pormenorizado con luces brancas e forenses, facéndolle un revelado de pegadas para facelas visibles e logo poder cotexalas con posibles demandantes do boleto premiado.

O revelado achega 11 pegadas, das que se desbotan cinco e seis permanecen no anonimato. Os demandantes son chamados para tomar pegadas dactilares e contrastar. "É moi difícil identificar pegadas nun papel cando pasou por tantas mans", din os avogados. O de Manuel, o demandante máis creíble ata o momento, chega a contar á plataforma de vídeo que "o propio delegado da Coruña leva a Manuel á comisaría a tomarse as pegadas e logo invítalle a almorzar". O resultado das pegadas sae negativo, mais "Manuel é unha persoa de 80 anos e as pegadas dactilares poden desaparecer ca idade". Esta última é unha posibilidade que tamén recoñece a propia Policía Científica.

NOVOS DEMANDANTES E UNHA DESESPERACIÓN QUE OS LEVA AO HOSPITAL

Fose como fose, Manuel morreu antes de saber se era o agraciado. O avogado nunca deixou de loitar, máis tras o falecemento, a familia, herdeira, decidiu cambiar de avogado. Mentres tanto, novos demandantes comezaban a súa denuncia dende cero. Semellaba o conto de nunca acabar. "Chámome Juan Carlos, vexo a noticia na televisión e pego un chimpo do sofá porque recordo que si me deixei un boleto de lotaría na Coruña nunha administración de Carrefour; intento apartar o caso da miña mente pero sempre estou cavilando e unha mañá na que volven falar do caso nas noticias decido volver á Coruña, ao mercado de San Agustín, a revivir os feitos", conta un dos novos demandantes a HBO.

"Recordo que arriba do mercado había unha charcutería na que compro uns chourizos e o señor dime que son de Lalín, logo vexo un queixo verde claro por fóra e decido probalo... Acórdome de todo, pero cando volvo ao sitio vexo que a administración de lotaría xa non está, habendo no seu lugar unha panadería", di. Tal foi o 'shock' para Juan Carlos que, a pesares de ser unha persoa que precisaba cada céntimo para sacar adiante á súa familia, decide gastar os cartos nun avogado que leve o seu caso, "e non chegamos a fin de mes".

Centos de avogados xa no asunto... E é que, como di un no documental, "a persoa premiada precisaba dun avogado, pero para os avogados tamén era algo apetecible dende o punto de vista económico e mediático". Así que todos xogaban nun inicio coas mesmas cartas: ninguén tiña o boleto, eran moitos os reclamantes e cada un no seu interior pensaba e estaba convencido de que el era o dono. Calquera cousa podía suceder. "Todo o mundo o facía de boa fe, tendo a convicción de ser o propietario do boleto, non contaba ninguén ningunha trapallada gravísima e todos reflexaban un sufrimento persoal, como se o tema lles estivese danando mental e físicamente", conta Carlos Negreira.

"O sufrimento prolongado remata con calquera"; "tiven problemas na pel, nervios, non durmía"; "pouco me queda"; "creo que o tema do boleto ten algo que ver porque cada vez que abro os ollos pola mañá venme o boleto á cabeza e repítense todas as imaxes daquel día"; "tiven ingresos hospitalarios con frecuencia"; "tomo moita medicación"; "rómpenche a ilusión, que é o peor que lle podes romper a unha persoa"; "teño chorado moito polo inxusto que me parece", todos estes son os testimonios dos demandantes entrevistados.

LOTARÍAS RESÍSTESE A MANDAR DOCUMENTACIÓN Á POLICÍA

Antonio, un dos demandantes máis mediáticos, volve saltar á palestra dicindo que recorda algo máis: "Iba nervioso co boleto na man e funo dobrando dunha forma peculiar, fíxenlle 20 pregas". O seu avogado conta que esa é unha proba significativa: "o boleto está dobrado en forma de acordeón ou abanico e mesmo lle sacou unha foto que está nun móbil que conserva, pero que está roto". Para demostralo gástase non poucos cartos nun perito, e, efectivamente, no informe pericial recupera as fotos e acredítase que foron tomadas no día en que se selou o boleto e que non foron manipuladas posteriormente.

"Un perito de parte certifica que as imaxes non están manipuladas, pero eso non quere dicir que a imaxe se corresponda co boleto, e cotexadas, de feito, presentan discrepancias, pois non se corresponden co boleto depositado na Sociedade Estatal de Lotarías", di o responsable xefe da Policía Nacional. Polo tanto, conclúe que "as imaxes non están manipuladas pero non son as do boleto premiado". Esto fai que automáticamente Antonio quede descartado da ampla lista de demandantes. Mentres, o seu avogado non queda conforme: "Pode haber discrepancias entre os boletos, pero cal é o verdadeiro? O de Lotarías ou o de Antonio?".

E é que o comportamento por parte de Lotarías deixaba moito que desexar. "Non é habitual que unha comisaría de distrito como a da Coruña pida documentación á Sociedade Estatal de Lotarías, e cando un se sinte investigado automáticamente se pon á defensiva", xustifica a actitude o xefe da Policía Nacional, Germán Lago, que recoñece que "efectivamente costounos moito traballo que nos remitisen toda a documentación".

PASE A COBRO DO BOLETO CANDO XA ESTABA CUSTODIADO EN MADRID

Unha vez cos papeis sobre a mesa, os axentes descubren outra bomba: "houbo un pase a cobro dese boleto cando xa este estaba depositado en Madrid". Estaba, supostamente, custodiado nunha caixa forte, e aínda así intentou cobrarse? Aínda a día de hoxe non se sabe quen foi a persoa que intentou cobralo, e Lotarías do Estado xustificouse dicindo que fora un funcionario, porque o seu procedemento era pasalo polas máquinas de cobro e logo deixalo parado para que figurase como que o boleto estaba depositado en Madrid, comprobado en Madrid e que non se podía pasar a cobro en ningún outro sitio. 

Os avogados comezan a reclamar ver o billete e Lotarías manda unha copia autenticada, que na súa parte dianteira parecía un boleto normal, pero que na traseira conta con tres caixas: unha numeración que é o número do expediente da Policía Científica, é dicir, que Lotarías certifica o boleto cando non é posible porque estaba en dependencias da policía, o que sucede tres meses despois, non cando chega ás súas mans. Como é posible? E do orixinal olvídanse de fotografiar a cara de atrás, como demostrar entón que o que din os demandantes de que escribiron algo é falso ou verdadeiro? Todo se complica.

Así as cousas, chegado o turno da Policía Nacional, atópase diante de si cun folio en braco, como ter que empezar de cero de novo seis anos despois do suceso e a pesares de todas as probas solicitadas, inservibles. "A complicación do caso foi enorme", recoñecen, "ata un momento de estar parados ou bloqueados pola investigación ata que aparece a persoa que modificou as liñas de investigación aportando moitos datos consecuentes co que a Policía xa sabía", engade o xefe de mandos. Quen foi esa persoa? Juan.

Manuel Reija, loteiro do mercado de San Agustín na Coruña
Manuel Reija, loteiro do mercado de San Agustín na Coruña | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta