Pontevedra quenta motores para tres días de concertos co Río Verbena Fest, que arrincará Leiva e Iván Ferreiro

A música comezará a soar no Recinto Feiral de Pontevedra este mércores, 23 de agosto, cos concertos de Leiva e Iván Ferreiro, espectáculos que conformarán o preludio do Río Verbena Fest, que programa as actuacións de Trueno, Vetusta Morla, SFDK, Xoel López ou Dellafuente.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 22/08/2023 | Actualizada ás 16:25

Comparte esta noticia

A música comezará a soar no Recinto Feiral de Pontevedra este mércores, 23 de agosto, cos concertos de Leiva e Iván Ferreiro, espectáculos que conformarán o preludio do Río Verbena Fest, que programa as actuacións de Trueno, Vetusta Morla, SFDK, Xoel López ou Dellafuente.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu este martes no concello aos promotores da iniciativa, Kin Martínez, director da empresa pontevedresa EsmerArte Industrias Creativas, e a Marta González e Álvaro Ibaibarriaga, hostaleiros pontevedreses propietarios de locais como A Gramola, o Carallo29 e o Pintxo Viño.

No segundo ano de vida deste evento programaron os concertos dalgúns dos maiores grupos do pop estatal, como é o caso de Vetusta Morla ou Xoel López, así como referentes en estilos máis urbanos, como Trueno ou SFDK. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que o Río Verbena Fest "é unha maneira de continuar coa programación dun verán no que Pontevedra está a botar por fóra".

Lores incidiu en que no Goberno local busca "que os concertos sexan para todos e para todas, que haxa para todas as idades e gustos" e, neste sentido, dixo que "o Río Verbena Fest vén complementar esa idea, cunha programación de altísimo nivel que amplía o Pontevedra Verán Fest".

O rexedor mostrouse satisfeito coa presenza non só de artistas consagrados no panorama estatal, senón tamén de bandas locais e emerxentes, que con frecuencia tocan na cidade e nas súas prazas, e agradeceu o esforzo organizativo que fai o festival posible. O alcalde tamén lembrou que "hai unha porcentaxe altísima de entradas vendidas", o que suporá a chegada de milleiros de persoas a Pontevedra.

Pola súa banda, Kin Martínez comentou a "ilusión" que lle facía poder realizar este evento na súa casa, na cidade onde reside. "Eu son o primeiro en gozar co Surfing the Lérez, o Galegote e outras moitas propostas; simplemente nós vimos ampliar esa oferta con artistas que teñen como estratexia comercial, normalmente, non participar en concertos gratuítos e si noutro tipo de eventos", dixo.

Neste aspecto, Marta González subliñou que "é importante que estes grupos que tocan" nas rúas da cidade, nas sesións vermú, teñan "a posibilidade de ter un espazo deste tipo, que poidan crecer e vivir da música".

O cantante Leiva durante un concerto no parque de Castrelos de Vigo, a 4 de agosto de 2022
O cantante Leiva durante un concerto no parque de Castrelos de Vigo, a 4 de agosto de 2022 | Fonte: Gustavo de la Paz

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta