PPdeG e PSdeG lanzan críticas cruzadas a Sánchez e a Feijóo nun pleno no que se coou a dimisión de Rubiales

O primeiro pleno da Cámara galega deste curso non pasou por alto o clima político nacional e a situación incerta sobre a investidura da Presidencia do Goberno, coa data do 26 e 27 de setembro como primeiro termómetro e posta a cero do contador para lograr un novo executivo ou eleccións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/09/2023 | Actualizada ás 19:41

Comparte esta noticia

O primeiro pleno da Cámara galega deste curso non pasou por alto o clima político nacional e a situación incerta sobre a investidura da Presidencia do Goberno, coa data do 26 e 27 de setembro como primeiro termómetro e posta a cero do contador para lograr un novo executivo ou eleccións.

Así, o PPdeG levou unha iniciativa defendida polo deputado Adrián Pardo que busca que o Parlamento exprese o "firme compromiso na defensa da Constitución de 1978 e dos valores democráticos que ven reflectidos no seu artigo primeiro", no que se define ao país como un estado social e democrático de dereito, que propugna como valores superiores do seu ordenamento xurídico a liberdade, xustiza, igualdade e pluralismo político.

Na defensa da iniciativa, que tamén reivindica a independencia do poder xudicial, o deputado Adrián Pardo arremeteu contra o presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, ao que acusou de preparar un "pago" aos independentistas e de levar a cabo "o maior ataque" á institución xudicial.

Pardo dixo que os socialistas "atacaron" ao poder xudicial para "minar a confianza da cidadanía" na independencia xudicial e enumerou os que considerou estes "ataques", entre os que incluíu o nomeamento de Dolores Delgado á fronte da Fiscalía Xeral do Estado ou a "lei máis chafalleira da democracia", a coñecida como Lei do só si é si.

Pardo ironizou con que Pedro Sánchez "non mente, senón que cambia de opinión" e acabou por concluír que ten "unha máxima: onde dixen digo, digo Pedro". Tamén acusou aos socialistas de "triturar opinións" e de denostar á "vella garda socialista", a cal acaba sendo, concluíu, "calquera que quedase no argumentario de PSOE de fai tres meses".

Pleno do Parlamento de Galicia
Pleno do Parlamento de Galicia | Fonte: PARLAMENTO - Arquivo

Todo iso, para acabar preguntado aos socialistas galegos se "están a favor da amnistía" aos políticos do Procès. En fronte, a deputada do PSdeG Paloma Castro ironizou co "bo discípulo" de Feijóo que é o parlamentario popular, ao que acusou de contribuír á "política de cloaca" cun discurso "de estilo trumpista".

RÉPLICAS POR FEIJÓO

Fronte ás críticas a Sánchez, Paloma Castro botoulle en cara que "Feijóo pisou a meseta e quedou ao descuberto". "Ninguén dubida de que é un mentireiro", respecto diso do que enumerou diferentes titulares contrapostos con declaracións de Feijóo sobre temas como a violencia machista, educativa ou a propia "derrogación do Sanchismo" para logo dicir que "non entra" nas súas propostas derrogar a reforma laboral ou o imposto á banca, xunto co "bochorno" de Estremadura.

Pola súa banda, o deputado nacionalista Luís Bará advertiu ao PP que a "única amnistía" que houbo en España foi a "amnistía fiscal" que fixo o PP e que beneficiou "a 30.000 evasores" e censurou que se "atrevan a defender sen rubor a independencia do poder xudicial", despois de mensaxes como o que tracendeu, e que citou, de que con Marchena no Supremo controlaríase "a sala segunda desde detrás".

Pardo aproveitou a súa quenda de peche para censurar que PSdeG e BNG non pedisen "desculpas" pola lei do só si é si e acusou aos nacionalistas de "non importarlle a igualdade dos galegos" ao ter "como socios a Bildu e ERC" e estar, segundo dixo, "ao ditado de Junqueras e Otegi". Pardo tamén acusou os socialistas galegos de "non ser un partido, senón unha sucursal de Sánchez e por iso renegan de históricos como Paco Vázquez". "Un PSdeG que non sabe onde está e están a ver quen é o máis sanchista", sentenciou no debate da iniciativa, que se votará este mércores.

IGUALDADE NO DEPORTE

Na sesión plenaria tamén se coaron as accións de Luís Rubiales a unha xogadora da Selección de Fútbol aproveitando unha iniciativa impulsada polo deputado Julio Torrado sobre a igualdade no deporte, o que motivou que a deputada do PP Lupe Murillo arremetese contra o socialista por incluír esta cuestión porque, segundo ela, desviaba a orixe da iniciativa como tal.

Así, os socialistas, e co apoio expresado tamén polo BNG, queren que a iniciativa condene a actitude de Rubiales e tamén promova a destitución do presidente da federación galega, Rafael Louzán, a quen consideran que o cambio das súas palabras (de dicir que era un "erro" a defender a saída de Rubiales) débense a unha cuestión persoal para manterse no cargo.

A deputada do PP, que presentou inicialmente unha emenda e retirouna antes do debate deste pleno, criticou que os socialistas incluísen este punto, porque desviaba o obxectivo da iniciativa inicial e deu por pechado o caso do "socialista" e "protexido de Sánchez" Luís Rubiales coa súa saída da federación.

Precisamente, Julio Torrado dixo que aí se situaba o núcleo do problema e que o que se necesitaba era remover todo para acabar co "machismo" no deporte e especialmente no fútbol, posto que a saída de Rubiales non acababa coa situación global e denunciada polas xogadoras desde hai anos. É máis, citou unhas palabras da futbolista galega Vero Boquete para advertir do risco do que ela dixo, que estaban a piques de "gañar unha batalla e perder a guerra".

Pola súa banda, o deputado do BNG Daniel Catro denunciou que a Xunta se situase en "salvar ao soldado Louzán" e viu como único aspecto positivo do ocorrido no Mundial feminino que servise para ver que o "machismo o alaga todo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta