Nove galerías galegas reunirán a artistas noveis e consagrados baixo o paraugas de 'Aberto Galicia'

Nove galerías galegas da Coruña, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo participan conxuntamente para inaugurar a nova tempada expositiva, que arrincará o xoves 21 de setembro con novas exposicións que poderán visitar ese día en horarios especiais e a partir desa data en horario habitual.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/09/2023 | Actualizada ás 18:45

Comparte esta noticia

Arrinca 'Aberto Galicia', o evento artístico no que nove galerías galegas participan conxuntamente para inaugurar a súa tempada expositiva. O modelo, con iniciativas similares en Madrid, Barcelona, Valencia ou Sevilla, reúne a artistas noveis e consagrados de todos os puntos da comunidade.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou este xoves na presentación, onde reiterou o compromiso do Goberno galego coa actividade destes profesionais, aos que tamén apoia a través do Plan Xeración Cultura, tanto para a súa progamación expositiva como para a súa internacionalización. A este respecto lembrou que na última convocatoria de axudas para participación en feiras e certames beneficiáronse unha decena de galerías.

Galería de arte
Galería de arte | Fonte: XUNTA - Arquivo

Baixo o paraugas deste evento, nove galerías galegas da Coruña, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo participan conxuntamente para inaugurar a nova tempada expositiva, que arrincará o xoves 21 de setembro con novas exposicións que poderán visitar ese día en horarios especiais e a partir desa data en horario habitual. Organizado por Contemporánea, a Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia coa colaboración da Xunta, as participantes son Dupla, Luisa Pita, Marisa Marimón, Metro, Moret Art, Nordés, PM8-Francisco Salgas, Trinta e Vilaseco.

PROPOSTAS

Na cidade herculina, a galería Vilaseco porá o foco na delicadeza, o concepto principal da instalación de Rodríguez-Méndez con 'Antes, a fatiga', mentres que Moret Art achegará a singular pintura de Xurxo Gómez-Chao. En Ourense, Marisa Marimón contará coa fotografía de José Quintanilla.

En Santiago de Compostela, Luisa Pita presentará ao surafricano Pierre Louis Geldenhuys, un clásico do seu repertorio que sorprenderá con 12 obras intervidas con fibra de fío. Pola súa banda, a Galería Metro contará coa pintura do artista multidisciplinar Pablo Orza, mentres que a Galería Trinta aposta por Antoni Miralda, "un nome xigante da arte contemporáneo do país".

Completan a programación en Compostela a Galería Nordés, coa proposta de Rubén Ramos Balsa, cuxo discurso trata sobre a tecnoloxía e a súa integración na arte, e a Galería Dupla, que reúne a Yolanda Dorda e Roberto González Fernández na mostra Eros e Tánatos. Finalmente, a Galería PM8-Francisco Salgas de Vigo ofrecerá ao público a colectiva de Martha Araùjo, Gabriel Borba Filho e Rosalind Nashashibi titulada 'Remove Walls'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta