O BNG urxe a posta en marcha de medidas de prevención do suicidio ante o "alarmante" número de casos en Galicia: case un cada día

A deputada do BNG Montse Prado pide a creación de unidades hospitalarias de atención infanto-xuvenil en todas as áreas sanitarias, campañas de concienciación e prevención de condutas suicidas e de autolesión ou a creación de equipos multidisciplinares para prestar unha atención integran desde a Atención Primaria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2023 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

A deputada do BNG Montse Prado rexistrou no Parlamento unha iniciativa na que propón ao Goberno do PP a posta en marcha dun conxunto de medidas para a prevención do suicidio en Galicia, "ante o alarmante número de casos rexistrados, especialmente entre os mozos". Tal e como recollen nun comunicado, a nacionalista pide a creación de unidades hospitalarias de atención infanto-xuvenil en todas as áreas sanitarias, campañas de concienciación e prevención de condutas suicidas e de autolesión ou a creación de equipos multidisciplinares para prestar unha atención integran desde a Atención Primaria.

Segundo as últimas cifras publicadas polo Imelga, que recompilan no comunicado, en 2022 quitáronse a vida en Galicia 340 persoas, nove máis que o ano anterior, "practicamente una ao día". Desde o 2010, a cifra elévase a 4.501. "O suicidio segue tendo unha altísima prevalencia. Galicia segue encabezando as taxas de suicidios no Estado", sinalou Prado, que tachou de "alarmantes" os datos, ao colocarse esta causa de morte entre as primeiras por causas externas, non naturais.

Para Prado, a saúde mental converteuse na "gran pandemia post covid polo seu impacto na saúde". Advertiu ademais de que o Plan de Prevención do Suicidio aprobado no 2017 quedou "en papel mollado", argumentando que a súa concreción en medidas e a dotación de recursos é "máis que insuficiente", "como demostra o feito de que Galicia siga á cola do Estado e da Unión Europea en taxa de profesionais".

"Os tempos de espera para consulta son de meses, hai máis de 8.000 persoas esperando por unha consulta de psiquiatría, e Galicia lidera o consumo de psicofármacos, especialmente entre as mulleres", lamentou, remarcando ademais que, a pesar de que o 30 % das consultas teñen que ver cun problema de saúde mental, non hai persoal especializado en Atención Primaria.

Aínda que é coñecida a dimensión do problema, tampouco existe unha unidade de prevención do suicidio por área sanitaria nin unidade infanto xuvenil, dúas das medidas que o Bloque reclama na súa iniciativa parlamentaria. "É urxente que a Consellería de Sanidade teña como obxectivo prioritario a prevención do suicidio e poña en marcha medidas acordes a dimensión do problema", apunta Prado.

Depresión, suicidio, fenómenos moi relacionados coas enfermidades mentais
Depresión, suicidio, fenómenos moi relacionados coas enfermidades mentais | Fonte: Pixabay - Daniel Reche - Arquivo

Por iso, o Bloque reclama tamén un aumento do orzamento para a prevención "acorde co problema e a posta en marcha de programas de intervención intensiva da conduta suicida en cada área sanitaria". Demandan tamén que se incremente o persoal especialista en saúde mental "ata polo menos a media do Estado" e un aumento das prazas de formación tanto para profesionais de psiquiatría como de psicoloxía e enfermaría especialista en saúde mental.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta