Margarita Ledo, premio Porteiro Garea polo seu "incuestionable compromiso coa lingua e a literatura galega"

É a primeira muller en recoller este recoñecemento. Unha muller "das que fai historia e constrúe historia, que non ten volta a atrás, entre outras cousas, grazas ao valor, á 'afouteza' e ao exemplo contaxioso de persoas como ela", destacou o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2023 | Actualizada ás 15:49

Comparte esta noticia

A profesora emérita da USC e académica Margarita Ledo Andión recolleu este venres o V Premio Luís Porteiro Garea polo seu "incuestionable compromiso coa lingua e a literatura galega" na Universidade de Santiago de Compostela. O acto de entrega celebrouse no Paraninfo da Universidade, onde o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, destacou o currículo "tan extenso e intenso na súa especialidade".

Ademais, Freixanes puxo en valor o papel de Margarita Ledo como unha muller "das que fai historia e constrúe historia, que non ten volta a atrás, entre outras cousas, grazas ao valor, á 'afouteza' e ao exemplo contaxioso de persoas como ela". Tras o discurso do presidente da RAG, procedeuse á entrega do premio á galardoada, que iniciou a súa intervención con palabras de Luisa Villalta, autora homenaxeada nas Letras Galegas 2024.

PRIMEIRA MULLER

Así comezou o seu discurso a primeira muller en recoller este premio Porteiro Garea, que lembrou tamén os inicios do seu vínculo coa lingua galega. "Digo sempre que a lingua foi o modo-punki de rebelarme, anos de estudante de xornalismo en Barcelona, 1969 en diante, co que tiña máis a man: escribir poemas, para facelo en galego", explicou.

Para finalizar, Margarita Ledo recitou ante os presentes o poema 'En Pé', de Ramón Cabanillas, dedicado, precisamente, a Luís Porteiro Garea: "E nunha man a fouce e noutra man a oliva, arredor da bandeira azul e branca, arredor da bandeira de Galicia, cantémolo dereito á libre nova vida!".

Pola súa banda, a alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín, definiu a Margarita Ledo como "poeta, acádemica, directora de cinema ou docente", así como a persoa que vemos en "actividades culturais, directora de 'Nación'" ou "a defensora dos dereitos do audiovisual e do cinema en galego". "Santiago non sería o mesmo sen Margarita Ledo e o compromiso coa lingua non sería o mesmo sen Margarita Ledo", enunciou a rexedora compostelá.

Antes de que o acto concluíse co 'Gaudeamus igitur', tomou a palabra o reitor, Antonio López, que sinalou que este premio "segue sendo necesario" porque é "a mínima xustiza" que se pode facer para "recoñecer traxectorias de quen estivo comprometida coa lingua e a cultura, mesmo nos momentos en que non era gratis comprometerse coa lingua e a cultura".

PREMIO

O premio Luís Porteiro Garea leva o nome do profesor da cátedra de dereito civil e membro das Irmandades da Fala que o día 16 de setembro de 1915 pronunciou a primeira lección en galego na Universidade da que se ten constancia.

Con este premio, a USC quere distinguir a iniciativa, o traballo ou a traxectoria daquelas persoas, entidades ou colectivos, tanto actuais como pasadas da institución (alumnado, persoal de administración e servizos ou persoal docente e investigador), que contribuísen á normalización da lingua galega no ámbito da institución.

A través deste galardón, o nome de Margarita Ledo únese ao de figuras tan destacadas na defensa do idioma desde diversas áreas de coñecemento, como é o caso dos profesores Manuel Bermejo, Xosé Antonio Gómez Segade, Antón Costa Rico, Antonio Rigueiro e Xosé Manuel Beiras.

TRAXECTORIA

Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, 1951) estudou xornalismo na Escola Oficial de Xornalismo de Barcelona entre 1969 e 1973. Durante os anos 1974 a 1976 foi lectora de galego na Universidade de Letras do Porto. Doctorouse en Ciencias da Información na Universitat Autónoma de Barcelona en 1986 e foi profesora da Facultade de Ciencias da Información da UAB de 1983 a 1991.

Xa de volta en Galicia, puxo en marcha a actual Facultade de Ciencias da Comunicación, da que foi a súa primeira decana no período de 1992 a 1996. Como xornalista, ademais de traballar no Ideal Galego, fundou e dirixiu o semanario A Nosa Terra. Foi tamén a artífice da revista Escrita, da Asociación de Escritores en Lingua Galega; da revista galega feminista 'Festa da palabra silenciada' e da publicación 'Europa de lles nacions', do Moviment Nacionalitari Europeu.

Poesía, relatos, novela, ou ensaio integran tamén a traxectoria interdisciplinaria de Margarita Ledo, que nas últimas décadas dedica gran parte da súa actividade á dirección cinematográfica pola que foi galardoada con múltiples premios como o Nacional de Cinema e audiovisual, correspondente aos Premios Nacionais da Cultura Galega, outorgados pola Xunta de Galicia (2008); ou o Otero Pedrayo (2017) polo conxunto da súa dilatada traxectoria, converténdose novamente na primeira muller galardoada desde os inicios do premio en 1977.

O mesmo ocorreu en 2020, cando a Asociación Española de Investigación da Comunicación (AE-IC) rendeulle tributo converténdoa na primeira muller, de ámbito estatal, en recibir o recoñecemento a toda unha vida de investigación en comunicación. Desde o ano 2008 é tamén membro da Real Academia Galega.

Entrega do Premio Porteiro Garea a Margarita Ledo Andión no Paraninfo da USC
Entrega do Premio Porteiro Garea a Margarita Ledo Andión no Paraninfo da USC | Fonte: CONCELLO DE SANTIAGO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta