O Goberno galego aborda co sector retos como o novo fondo europeo e a repartición de cotas para 2024

O conselleiro do Mar critica ao Goberno por invasión de competencias no litoral.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2023 | Actualizada ás 17:55

Comparte esta noticia

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, presidiu, este venres en Santiago, o pleno do Consello Galego de Pesca, no que abordou co sector retos como o novo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa), así como a repartición de cotas para 2024. Nesta liña, explicou que se pretende pór en marcha en 2024 unha rede de oficinas na costa galega que asesore e facilite a tramitación das axudas europeas.

No tocante á repartición da TAC e repartición das cotas de pesca en augas da UE para 2024, que culminará en decembro en Bruxelas e que abrirá a porta a fixar posibilidades de capturas plurianuais, a Consellería do Mar pon o foco sobre as propostas da Comisión Europea nas especies con maior incidencia para a frota galega: xurelo, sardiña, caballa, pescada, rape e lagostino.

Neste sentido, Alfonso Villares reitera que os obxectivos fundamentais pasan pola defensa da dimensión socioeconómica do sector galego en equilibrio coa protección do medio ambiente e a sustentabilidade futura da actividade. Igualmente, o conselleiro defendeu manter un contacto continuo e un diálogo fluído co sector para reforzar a cogobernanza na xestión da actividade.

VETO A PESCA DE FONDO

No tocante á ameaza de aumentar as zonas pechadas á pesca de fondo, o titular de Mar asegura que se esforzarán para acabar cuns límites marcados de forma "arbitraria", sen medir as consecuencias socieconómicas e sen o aval de informes científicos. Tamén se actuará contra o plan de acción da UE para protexer e restaurar os ecosistemas mariños, que inclúe a pretensión de Bruxelas de limitar a pesca de arrastre co risco de que se estenda a determinadas artes menores e destrúa milleiros de empregos. Ademais, explica que en próximos meses lanzaranse iniciativas como a Axenda da Economía Azul Sustentable e a presentación do Plan da Cultura Marítima de Galicia.

CRÍTICAS AO GOBERNO

Por outra banda, o conselleiro critica que, agora que Galicia conta coa lei de litoral para executar as súas competencias sobre o dominio público marítimo-terrestre, a Dirección Xeral de Costas "insista en continuar invadíndoas". O último episodio é o recurso ante o Tribunal Constitucional por parte do Executivo central contra varios artigos da lei de acompañamento dos orzamentos galegos que se refiren á xestión do litoral.

Outras cuestións abordadas no pleno do Consello Galego de Pesca foron a negativa do Executivo estatal a rebaixar o IVE dos produtos da pesca e a conserva, ademais de que siga sen activar un Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) dotado de axudas europeas para a industria do mar. Tamén reproba Villares o feito de que o Goberno central non contase co sector pesqueiro á hora de definir os plans de ordenación do espazo marítimo (POEM) e a inclusión da eólica mariña nos mesmos.

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, presidirá o pleno do Consello Galego de Pesca no que se abordarán as previsións e liñas xerais do departamento
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, presidirá o pleno do Consello Galego de Pesca no que se abordarán as previsións e liñas xerais do departamento | Fonte: XOÁN CRESPO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta