Máis de 300 galegos loitaron nas forzas dos EE.UU. durante a Segunda Guerra Mundial

A provincia con máis alistados foi A Coruña, con 192, e tamén foi a que tivo o maior número de recrutados. Seguíronlle Pontevedra, Lugo e Ourense.

Por Europa Press / Redacción | Santiago | 13/10/2023 | Actualizada ás 20:14

Comparte esta noticia

Os galegos eran os máis numerosos entre os cidadáns de nacionalidade española que foron recrutados por Estados Unidos para as súas forzas armadas durante a Segunda Guerra Mundial. En concreto, unha investigación desenvolvida polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Javier Fernández Castroagudín determinou que o 30,8 por cento --case un terzo-- dos soldados españois que prestaron servizo ao país norteamericano viñan de Galicia.

Así o conclúe este estudo realizado en colaboración con Óscar Galansky López, Jesús González Beade e Rubén Traveso Díaz, da Asociación GRH Big Rede One 'Manuel Otero'. Os resultados foron presentados recentemente no décimo sexto Congreso da Asociación de Historia Contemporánea, celebrado en Logroño.

O obxectivo foi analizar de forma sistemática o perfil e a traxectoria dos emigrantes galegos que formaron parte do exército de EEUU durante este gran conflito. Para logralo, realizouse un proceso de procura nos rexistros militares da National Arquives and Records Administration (NARA), con sedes en Maryland e Saint Louis.

Tras o estalido da Segunda Guerra Mundial en 1939, os Estados Unidos mantiveron unha postura inicial de neutralidade que durou ata o ataque xaponés a Pearl Harbor, Hawai. Así, coa entrada do país no conflito a finais de 1941, ampliouse o rexistro militar a todos os homes, estadounidenses ou estranxeiros, con idades entre 18 e 64 anos, e declaráronse seleccionables todos os homes capaces entre 20 e 44 anos.

"Estímase que máis de 19.000 homes españois residentes nos Estados Unidos, naturalizados ou non, foron rexistrados baixo a Selective Training and Service Act, dos cales unha porcentaxe significativa foi recrutada e serviu nas diferentes ramas das forzas armadas estadounidenses", afirman os investigadores.

Tras a análise dun total de 1.227 rexistros de españois recrutados polo US Army, comprobaron que a comunidade máis afectada foi Galicia, con 345 alistados, seguida por Andalucía, a cornixa cantábrica (Asturias, Euskadi e Cantabria) e Castela e León. Entre todas elas, sumaban case o 80 por cento.

Máis concretamente, a provincia con máis alistados foi A Coruña, con 192, e tamén foi a que tivo o maior número de recrutados. Seguíronlle Pontevedra, Lugo e Ourense.

"Daqueles nos que se coñece o municipio ou parroquia de orixe, pode observarse a existencia dunha especialización xeográfica, cun agrupamento nas zonas costeiras atlánticas, sobre todo na Mariña coruñesa, con Sada como o municipio máis frecuentemente inscrito, e a zona das Rías Baixas", explican os investigadores.

O lugar de destino dos emigrantes galegos máis frecuente foi Nova York, seguido de Nova Jersey, Pennsylvania, California e Florida. Aínda que o estado civil era similar entre todos os españois, os emigrantes galegos "presentaban maior taxa de dependentes ao seu cargo diferentes do cónxuxe".

Tamén tiñan un maior cociente de estudos básicos e menor de estudos secundarios ou superiores. Ademais, a poboación galega tendeu a presentar maiores taxas de ocupación no sector servizos e na industria e construción, mentres que o resto de España contaban con máis operadores de maquinaria fixa e móbil.

Identificáronse ata a data 30 emigrantes nados en Galicia que serviron en ultramar. Deles, reportáronse nove falecidos en combate --dous deles desaparecidos-- e 19 feridos.

Obelisco memorial da 1ª División de Infantaría localizado en Colleville-sur-Mer, próximo ao actual cemiterio militar estadounidense. Entre os caídos, o galego Manuel Otero.. ÓSCAR GALANSKY
Obelisco memorial da 1ª División de Infantaría localizado en Colleville-sur-Mer, próximo ao actual cemiterio militar estadounidense. Entre os caídos, o galego Manuel Otero.. ÓSCAR GALANSKY | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta