División sindical en educación; así son as dúas formas de ver a situación do profesorado

O once de outubro a Xunta, CC.OO., UGT e ANPE, asinaban un acordo sobre unha serie de puntos que consideran un primeiro paso de cara á recuperación de dereitos e condicións laborais e sindicais de antes de 2009. Pola súa parte, CIG, STEG e CSIF ven un acordo insuficiente, contraproducente nos obxectivos e consideran que se fixo un uso político deste documento en plena época pre-electoral en Galicia.

Por Moncho Mariño | Santiago | 30/10/2023 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

O 24 de outubro CIG, STEG e CSIF, convocaron unha folga no ensino logo de que outros tres sindicatos: CC.OO., UGT e ANPE asinasen un “Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docentes da Comunidade Autónoma de Galicia que imparte as ensinanzas reguladas na Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación”. O documento recollía os principais puntos que os sindicatos da Educación reclamaban ao goberno autonómico: redución de ratios, redución de horario lectivo, melloras retributivas e racionalización da burocracia. Así e todo, unha parte da representación dos e das traballadoras do ensino decidiron pactar unha serie de pasos para, con posterioridade, incrementar os obxectivos acadados coa intención de chegar á situación anterior aos recortes de 2009 aplicados polo primeiro goberno Feijóo. As forzas sindicais non asinantes consideraron esta sinatura coa Xunta un documento que non dá resposta a ningunha das catro reivindicacións principais que presentaban en conxunto. Así, nestes momentos, hai quen fala de man tendida e aberta para o diálogo e hai quen ve unha renuncia a unha serie de dereitos que tiña o profesorado.

Manifestación en Santiago na xornada de folga contra o acordo en educación asinado por Xunta e os sindicatos UXT e CCOO
Manifestación en Santiago na xornada de folga contra o acordo en educación asinado por Xunta e os sindicatos UXT e CCOO

REDUCIÓN DOS RATIOS

Segundo o acordo asinado, definiuse a redución de ratios en Infantil e Primaria, Secundaria e Bacharelato a 20, 25 e 30 alumnos respectivamente. A redución en Infantil comezará no curso 2024/25 de forma progresiva e continuará en Primaria da mesma forma. En Secundaria e Bacharelato adiantouse a negociación do calendario de implantación dos novos ratios á finalización do proceso en Educación Infantil. Non se pecharán unidades nin haberá supresións de persoal en centros de Infantil, Primaria, Secundaria ou Bacharelato, se cos rateos finais a aplicar non correspondese facelo. As aulas que no curso 24/25 estean entre 20 e 25 alumnos non verán incrementado o seu número durante todo o proceso de implantación. Dende o curso 24/25 computará a todos os efectos o alumnado repetidor. O alumnado con discapacidade igual ou superior ao 33%, cun grao 1 de dependencia ou cun trastorno grave de conducta, computará dobre. Aquel que teña un grao de discapacidade superior ou igual ao 65% ou grao de dependencia 2 ou 3, computará triple.

“Centos de supresións (de centros) quedaron suspensas” di Julio Díaz, de ANPE. “Nós asinamos porque a redución de ratios tamén incluía o ensino concertado, aínda que ANPE sempre falou do ensino público”. José Fuentes, de CC.OO., lembra que “nalgúns lugares os ratios si baixaran, mais a Consellería non facía nada” mais agora aplica unha redución que, segundo algúns, viría parella ao descenso de natalidade, “iso ao mellor se verá co tempo”, con todo, CC.OO tamén asinou porque se recollía o ensino concertado. Sandra Montero da UGT, considera que o acordo é un paso para a recuperación de dereitos, mentres que co número de alumnos por aula “hai tempo que puideron ter aplicado unha solución, mais consideramos que canto antes se aplique mellor”.

“O acordo non dá resposta a ningunha das cuestións que se lle presentaron á Consellería” di Suso Bermello da CIG. Sobre os rateos, estes “non poden adaptarse ao que é a simple caída da natalidade”. “Os rateos irían baixando a longo prazo, dez anos, e nese tempo a pirámide da poboación irá caendo e co tempo non farán falta negociacións” di Rosa Silva da CSIF. “Non estamos de acordo en que non se realice de maneira inmediata” di Lois Pérez de STEG. O asinado “é un proxecto a dez anos vista, por tanto, a demografía irá reducindo rateos” de maneira sucesiva.

HORARIO LECTIVO

Con anterioridade a 2009 os horarios eran de 18 e 21 horas lectivas nas etapas de Educación Infantil e Primaria. Desde 2009 o número de horas aumentara e agora redúcese a 23 horas lectivas para Infantil e Primaria segundo o documento asinado. Acordouse tamén unha redución de 37,5 horas laborais por semana a 35, como todos os empregados públicos.

“Reducen a 23 horas mais non hai un incremento de profesorado para restablecer o marco anterior á reforma de 2009” di Lois Pérez. As 23 horas non son abondo para o STEG que ve como quen sae prexudicado é o alumnado que precisa de máis atención con “titorías de apoio” que se perderán se non se reduce o número de horas. “As 23 horas entran en Infantil e Primaria, mais Secundaria quedou fóra” di Rosa Silva. Suso Bermello lembra que en setembro “pediamos a redución entre as 19 e as 23 horas para o curso 24/25 e as 18 e 21 horas para o 25/26, así en dous cursos recuperariamos o que nos corresponde”.

“Pasamos a ter 23 horas, mais a reivindicación de 18 e 25 horas segue en pé, nós entendemos que esta redución debe ser progresiva pois ningunha outra comunidade a aplicou dun curso para outro” apunta Julio Díaz. “Nós insistimos que o acordo é un primeiro paso para chegar até o que buscamos, a recuperación de dereitos laborais” di Sandra Montero. “Non houbo que recorrer ao desgaste da mobilización para asinarmos un acordo que chegou a bo porto” di José Fuentes.

MELLORAS SALARIAIS E REDUCIÓN BUROCRÁTICA

É curioso que na nota de prensa asinada por UGT, ANPE e CC.OO ler que  este apartado “non era prioritario do acordo, aínda que si de suma importancia”. Sinálanse as subas de 60€ para cargos directivos, responsables de centros de menos de tres unidades (maioritariamente escolas unitarias do rural) e outros postos de responsabilidade. Os sexenios terán unha suba do 20% ligado á formación permanente do profesorado e complementos de titorías e outras funcións docentes.

“A aplicación do 20% non é liñal, o 10% será en xaneiro de 2024 e o seguinte 10% en 2025” di Fuentes quen tamén remarca  a necesidade dos 60€ para os equipos directivos, pois a asunción de funcións directivas supón unha carga de responsabilidades que non se vía compensada até o de agora. Porén, este diñeiro parécelle pouco comparado co traballo que se realiza. “Non é doado formar equipos directivos por iso vemos necesario ese incremento de 60€” di Díaz. “Non podemos recuperar de súpeto o perdido en 2012, debemos ir avanzando para chegarmos á mesma solución que buscamos todos” di Sandra Montero. Esa solución é o aumento salarial de cara recuperar poder adquisitivo perdido nos últimos catorce anos.

“Sorprende que cando o sindicato maioritario quere centrar o debate en condicións laborais, o goberno autonómico introduza o tema económico, tanto neste acordo como outros” apunta Bermello. “Se a Consellería quere poñer a masa salarial na negociación? Que poña o diñeiro na mesa e faga unha suba salarial entre os 30.000 docentes galegos e que nos dean o que nos corresponde liñalmente”. O STEG apunta tamén a falta de suba en liña no salario, destacando que “non é unha mellora retributiva, debera aplicarse unha suba sobre o soldo íntegro, para nós é unha miseria”. A CSIF considera que o aumento “é moi baixo”.

Sobre a redución da carga burocrática, o profesorado considera que esta parte aumentou considerablemente durante os últimos anos. Sinalan ademais que moitas destas tarefas son alleas ao estritamente docente e rebaixan a calidade na atención ao alumnado. “É así que o acordo buscará reducir a carga desta parte a partir do curso 24-25”.

Os sindicatos do ensino están divididos, por outra banda, a Xunta fai unha victoria do acordo con UGT, CCOO e ANPE, sinalando que é “histórico” e “senta as bases do ensino para as próximas décadas”. Mais non son poucas as voces que apuntan a unha manobra de Rueda ante a proximidade das eleccións autonómicas e buscar, dalgunha maneira, afianzarse na Xunta grazas a pactos como o de educación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta