Os sindicatos agrarios urxen axudas económicas para os gandeiros afectados pola enfermidade hemorráxica epizoótica

Advirten que a situación derivada desta enfermidade súmase aos "moi elevados" gastos de produción aos que deben facer fronte as granxas debido á alza dos prezos nas forraxes e os combustibles, así como as rebaixas "impostas" pola industria láctea e o "estancamento" do prezo da carne.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2023 | Actualizada ás 13:52

Comparte esta noticia

Unións Agrarias (UU.AA.) e o Sindicato Labrego Galego demandaron axudas económicas por parte da Xunta para os gandeiros afectados pola incidencia da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE). En senllos comunicados, as organizacións agrarias instaron á Consellería do Medio Rural a non restar importancia á enfermidade e a que active unha rolda de contactos para articular unha resposta que inclúa un paquete de medidas con dotación económica suficiente.

Tanto SLG como Unións Agrarias lembraron que comunidades como Euskadi xa concretaron liñas de axudas para as explotacións afectadas por esta doenza, polo que reclaman á Administración galega que active de forma "inmediata" unha partida que cubra o pago dos animais mortos a prezo de mercado, os tratamentos dos enfermos e o lucro cesante nas granxas pola caída de produción.

Advirte que a situación derivada desta enfermidade súmase aos "moi elevados" gastos de produción aos que deben facer fronte as granxas debido á alza dos prezos nas forraxes e os combustibles, así como as rebaixas "impostas" pola industria láctea e o "estancamento" do prezo da carne.

Por iso, cren que deben cubrirse desde a administración os gastos que deriven do tratamento das reses enfermas, polo que subliña a importancia de que a Xunta actúe con celeridade ante a expansión por "a práctica totalidade do territorio estatal" da enfermidade un ano despois de que se detectase o primeiro caso.

Pola súa banda, o Sindicato Labrego Galego tamén demanda a creación destas axudas e censura que Medio Rural "reste gravidade" á doenza alegando unha "baixa incidencia". Así, pide o cesamento nesta actitude e a apertura dunha canle de interlocución co Ministerio de Agricultura que articule medidas económicas para compensar o sector.

Así as cousas, apela ao conselleiro do Medio Rural, José González, a que "non xogue a enganar ao sector dando a entender nos medios de comunicación públicos que se vai a activar unha axuda para paliar as mortes de animais pola EHE" cando, segundo o SLG, trátase dun programa xa existente de carácter xeral e que non é específico desta enfermidade do gando. Por último, reclamou melloras no traslado de información aos gandeiros e que se aposte desde a Xunta por captar fondos para proxectos de investigación que permitan desenvolver medidas preventivas ante esta e outras novas enfermidades que afectan as reses.

Vacas dunha gandaría de lácteo en Sabadelle, a 7 de agosto de 2023, en Chantada, Lugo
Vacas dunha gandaría de lácteo en Sabadelle, a 7 de agosto de 2023, en Chantada, Lugo | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta