O temporal arrasa cunhas 50 toneladas de cría de berberecho e ameixa na ría de Muros-Noia

Para evitar a enchida do encoro do Tambre Naturgy abriu as comportas, vertendo durante a baixa mar litros e litros de auga, baixando así a salinidade dos bancos marisqueiros e ocasionando a morte das crías de marisco. Santiago Cruz, patrón maior da Cofradía de Pescadores de Muros pide á Xunta "que esixa a Naturgy, empresa responsable do encoro do Tambre, que non abra as comportas en baixamar, teñen 16 horas ao día para soltar auga sen ser en baixamar".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 06/11/2023 | Actualizada ás 19:30

Comparte esta noticia

Os fortes temporais destes días están a ocasionar destrozos importantes en todo o territorio galego, pero tamén traen con eles perdas económicas para o sector da acuicultura. Sen ir máis lonxe, este mesmo luns os acuicultores de Noia tiveron que, inesperadamente, poñerse as botas e os chuvasqueiros e saír á ría a recoller miles de toneladas de bivalvos que chegaron ao areal de Testal como consecuencia da apertura das comportas do encoro do Tambre, de onde foi desembalsada unha gran cantidade de auga para evitar reventóns.

Marisco chegado á praia de Testal, en Noia
Marisco chegado á praia de Testal, en Noia | Fonte: Manuel María Candamo

En concreto, o patrón maior da confraría de Pescadores de Muros, Santiago Cruz, asegura que se recolleron ao longo de todo o día unhas 50 toneladas de berberechos e ameixas: "na súa maioría foi berberecho, concretamente houbo uns 3.000 quilos de ameixa xapónica e o resto eran berberechos, pero berberechos sen valor comercial", pois aínda eran crías. E a cousa aínda non acabou, pois mañá sobre as catro da tarde van volver saír á ría a quitar máis porque "hai aínda máis ao que botar a man". Como explica Cruz, "fixemos o que puidemos, collémos o que había, xa algo débil, con embarcacións e tractores, e botámolo na zona onde había máis profundidade, pero a ver se podemos recoller algo máis".

A realidade é que con tantos días sucesivos de choiva e vento, o encoro tiña que ser aberto, e isto é algo que os mariscadores comprenden, pero "non tiñan por que abrir en baixamar", mesmo, como advirte, "o domingo cada comporta estivo aberta metro e medio", e "iso xa perxudicou durante varios días ao berberecho e á ameixa, que morre pola baixa salinidade". Así as cousas, unha vez máis, como xa fixeron en moitas outras ocasións, dende a Confraría de Noia "pedimos á Xunta que esixa a Naturgy, empresa responsable do encoro do Tambre, que non abra as comportas en baixamar, teñen 16 horas ao día para soltar auga sen ser en baixamar". De feito, Cruz recorda que "xa en xaneiro e febreiro deste ano soltaron auga durante a baixamar".

Neste contexto, "sempre pagamos os mesmos, as 1.700 familias que estamos aquí abaixo e ás que nos afectan a campaña de marisco". En concreto, o patrón maior de Noia apunta a que "podemos estar falando de varios millóns de euros en perdas", así que "a ver se non se repite isto, porque o dano nos bancos marisqueiros xa está feito, aínda que mañá iremos para mostrear máis en profundidade". "Queremos un protocolo e que a Xunta esixa a Naturgy que non solte auga en baixamar", reivindica Cruz, asegurando que, do contrario, "esta campaña morrerá o 80 % do marisco, como xa sucedeu o ano pasado e esta campaña só abriremos 8 días". Así, recorda que "xa perdemos 14 millóns nos meses de xaneiro e febreiro, cando tamén se abriron as comportas".

E é que, aínda que con choiva tamén poden morrer os exemplares de berberechos e ameixa, "morrerían un 30 %, pero non un 80%, como sucede coa apertura das comportas". Agora, só queda ver se "ese 20 % que se devolveu ao mar, xunto coa moitísima cría que temos, pode irse recuperando". Pero, desde logo, "se cada vez que chova forte nos abren as comportas van acabar con centos de familias". Así, aínda que hai axudas para estes casos, Cruz critica que "cando veñen as axudas pagan o 70 % e en plan catástrofe, pero nós non queremos que nos dean axudas, queremos previr e traballar, e vemos que non nos respectan, porque se estiveran no noso lugar e tiveran fillos e familias e facturas que pagar fixo que non facían iso".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta