Que pensan os pais sobre a nova lei galega que prohíbe o consumo de bebidas enerxéticas aos seus fillos?

Isabel Calvete, presidenta da Confederación de Anpas Galegas, demanda á Xunta que se inclúa nos centros educativos a figura da enfermeira escolar, para concienciar aos rapaces, pois "prohibir que se poñan carteis publicitarios destas substancias a menos de 200 metros dos centros escolares non é suficiente, porque o neno non vai pola rúa mirando os valados publicitarios, vai mirando o móbil, esa é a realidade: vamos ter unha xeración de nenos e nenas con chepa".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 25/11/2023 | Actualizada ás 20:25

Comparte esta noticia

Para elaborar a nova lei sobre a prohibición do consumo de bebidas enerxéticas a menores de idade, así como dos vapeadores, preguntóuselle a expertos en Sanidade e mesmo ao sector do ocio nocturno, pero non se tivo en conta unha opinión moi importante: a das nais e os pais destes menores. Dende Galicia Confidencial quixemos darlles voz nunha problemática que, á fin e ao cabo, afectalles a eles directamente, pois xa levan anos vendo como os seus fillos se volven adictos ao consumo de Red Bull, Monster e outras variedades, e como usan os vapeadores case que coma un xoguete inocuo. Cren que a lei está ben plantexada? Isabel Calvete, a nova presidenta da Confederación de Anpas Galegas, así nolo conta.

Mozos lucenses gozan da festividade de San Froilán nos locais e discotecas da zona, a 5 de outubro de 2023
Mozos lucenses gozan da festividade de San Froilán nos locais e discotecas da zona, a 5 de outubro de 2023 | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

"Desgraciadamente, os menores teñen acceso ao consumo de bebidas enerxéticas moi facilmente, pois poden atopalas en calquera quiosco ou supermercado xunta á Coca-Cola", evidencia esta nai de dúas rapazas adolescentes. Así, o que sucedía ata o momento era que, "os pais, ao ver que esas bebidas enerxéticas estaban á venda, interpretaban que eran inofensivas, pois estaban ao alcance de calquera, polo que, aínda que non había datos para considerar que eran inofensivas, tampouco se amosan outros que dixesen o contrario". "Partimos da idea de que se non eran substancias prohibidas, non había que preocuparse moito máis aló de recomendarlle aos nosos fillos que non tomasen esas porcalladas con azucre, igual que lle diciamos que tampouco tomasen outros refrescos con azucre, porque non lles ían causar máis que problemas a longo prazo", explica Calvete.

Deste xeito, cre que a maioría dos pais non lle daban maior importancia, "pondo o baremo para os refrescos enerxéticos entre un zumo e unha Coca-Cola, pouco máis". Así que considera que a entrada en vigor da nova normativa (veremos se o ano que vén) "é un punto de partida bo", pero non suficiente. "Hai que ir máis aló", pide. Unha parte do anuncio da lei fala de que se vai incluír a formación ás familias e se vai incluír tamén á formación aos menores dentro do currículo educativo en todo o que se refire ás adiccións aos móbiles e ás redes sociais, "pero non fala nada da formación en hábitos de vida saudables". "Os pais botamos de menos medidas concretas, e se falamos de previr e de concienciar, haberá que saber como facelo; se as adiccións ás redes sociais se van incluír no currículo escolar, por que as adiccións ás bebidas enerxéticas ou aos vapeadores non?", plantéxase Calvete.

E é que considera que a reacción por parte da sociedade cando se prohíbe unha cousa, nun primeiro momento, nunca é boa, menos aínda se se trata de adolescentes. "Como lle vas dicir ao teu fillo que non beba unha bebida enerxética se non sabes explicarlle por que é malo? Vaino a facer ás túas costas", evidencia esta nai, que incide na necesidade de que "se traten estes temas dende o ensino, dende a educación social e familiar". Na mesma liña, ve importante ofrecerlle alternativas aos máis mozos, é dicir, "non só se trata de prohibirlle o consumo de bebidas alcohólicas, senón de modificar os seus hábitos e crear hábitos de vida saudables, fomentando o deporte, polo seu ben". Ademais, apunta ao control directo tanto da comercialización como dos anuncios publicitarios ao redor destas bebidas, cada vez máis extendidos (especialmente os de marcas como Red Bull ou Monster) e cun montón de atractivos visuais e cores para atraer a atención destes menores.

"PRECÍSASE UN PROFESIONAL QUE LLES EXPLIQUE, AOS PAIS NON NOS FAN CASO"

Mozo comprando bebidas enerxéticas nun supermercado
Mozo comprando bebidas enerxéticas nun supermercado | Fonte: SOLSTOCK - Arquivo

O mesmo que sucede con estas bebidas faise extensible á moda do vapeo. Hoxe en día pódense atopar vapeadores á venda en calquera centro comercial, cafetería ou mesmo farmacia, sen restricción de idade, pois considérase que se non levan nicotina non son perxudiciais para a saúde (cando sabemos que isto non é certo). Isto supón unha grande alarma para os pais, que vén como os seus fillos teñen estes aparatos ao alcance da man. "Hai que ser coherentes cos produtos que deixamos que cheguen a eles, tanto físicamente, coa facilidade de atopalos nos supermercados, nunha tenda ou en calquera área comercial e mercalos; como a través da publicidade, coas publicacións de influencers", expón Calvete, que se plantexa unha pregunta para facerlle aos menores: "De onde sacas que o vapeador, que é un substituto do tabaco, non é nocivo?". 

Neste senso, tanto polo que se refire ás bebidas enerxéticas como aos vapeadores, a presidenta da Confederación de Anpas Galegas considera que "non só é cuestión, como se recolle na nova norma, de prohibir que se poñan carteis publicitarios destas substancias a menos de 200 metros dos centros escolares, porque o neno non vai pola rúa mirando os valados publicitarios, vai mirando o móbil, esa é a realidade: vamos ter unha xeración de nenos e nenas con chepa". "Si tocamos a publicidade, toquémola toda", pide esta nai, que recorda que dende as asociacións de pais e nais levan anos demandando que se inclúa nos centros escolares a figura da enfermeira escolar, "algo que sería moi beneficioso para os colexios e que podería ocuparse de temas como estes, facendo charlas de concienciación cos rapaces dende un punto de vista profesional, dicíndolles cales son as consecuencias de tomar unha bebida enerxética, ou de mesturala con alcol, facéndolles entender que poden rematar en urxencias tomando semellante bomba".

"Cando esas cousas chas di túa nai non fas caso, sabémolo, todos fumos adolescentes, pero se cho di a enfermeira do colexio, dentro da materia correspondente, e che machaca un día e outro e outro, pódelo ter máis en conta, porque estamos falando dun profesional, non dun profesor do currículo educativo tradicional, senón dunha figura especialista en tratar eses temas e todo o que ten que ver con hábitos de vida saudables", plantexa Calvete, que lembra que dende a Confederación de Anpas Galegas "levamos anos reivindicando esta figura". De feito, na provincia de Lugo, o Colexio de Enfermaría de Lugo traballa da man dos centros educativos para levar a cabo moitas actividades relacionadas con estes e outros temas, algo que, segundo considera esta nai, "enriquece a educación".

"NON PODEMOS ESTAR OS PAIS NA PORTA DA DISCOTECA CONTROLANDO"

Por se estas problemáticas non fosen suficiente quebradeiro de cabeza para os pais, a nova lei abre a porta a permitir a entrada de menores de 16 e 17 anos nas discotecas da comunidade galega, aínda que sen consumir alcol. Pero, como controlalo? Fálase de pulseiras para identificar aos maiores de idade. Pero é tan fácil como que un maior (en moitos grupos de adolescentes hai rapaces de 17 e rapaces que xa cumpriron os 18) compre alcol para todos. Por iso, Calvete demanda "un maior control, porque sabemos que están en idade de divertirse, pero ten que haber un control real sobre as bebidas que se poñen á venda, non podemos estar as nais e os pais na porta da discoteca nin dentro controlando o que beben os nosos fillos". Considera que é tan sinxelo como que, "se deixan entrar a menores, non poden vender alcol alí, porque sería incoherente, xa que estes nin poden mercar alcol nin bebidas enerxéticas". Calvete evidencia que aínda que os pais advirtan aos fillos dende a casa, estes faran finalmente o que lles pete. E é que son rapaces.

Si é certo, como plantexa, que "nun local pode haber certo control, con inspeccións que, segundo a nova norma, serán levadas a cabo por parte da Consellería de Sanidade, e dende logo nun local é moito máis fácil inspeccionar que nun parque". Ademais, considera que tampouco se pode poñer toda a responsabilidade sobre os locais, pois "tamén che poden dicir, e non lles falta razón, que tes que ser ti quen eduques aos teus fillos e lle metas na cabeza que deben ter coidado co que fan e co que beben, e así nos evitamos problemas". "Como pais e nais tampouco podemos trasladar esa responsabilidade ao camareiro", evidencia, asegurando que "cada un ten que asumir a súa responsabilidade no asunto e ser un pouco coherentes".

Outra cuestión relacionada indirectamente coa apertura destas discotecas tamén aos menores está no problema dos horarios. Se ata o de agora había festas light que se facían pola tarde en exclusiva para estes adolescentes, agora estes entrarán pola noite cos maiores, e rara é a discoteca que abre portas antes das once. Como dicirlle entón a un rapaz que ten que estar na casa ás doce se a discoteca abre ás once? "O problema non é da discoteca, se ti como pai lle dis ao rapaz de 17 anos que ten que estar na casa ás dúas e che responde que a discoteca abre ás 11, dislle que non é problema teu", afirma Calvete, que evidencia que "o conflito con adolescentes sempre está servido, porque fagas o que fagas e digas o que digas, nunca van estar de acordo". Neste senso, esta nai cre que "aínda que hoxe en día a sociedade vaia moito máis rápido, seguen sendo rapaces, porque os graos de maduración non van en función da sociedade, van en función da idade". "Un neno de 16 anos de hoxe non é máis maduro que un da miña época, que teño 50 anos, por ter un móbil de 700 euros", conclúe.

Marcas de bebidas enerxéticas altamente coñecidas
Marcas de bebidas enerxéticas altamente coñecidas | Fonte: EFE - Andy Rain
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta