O PPdeG aproba en solitario unha iniciativa contra a amnistía: "Non hai que ceder ás condicións ilegais dos independentistas"

Os socialistas avalan a aposta de Sánchez por "o diálogo" e os nacionalistas ven a PNL como unha "cortina de fume" ante a "nefasta" xestión de Rueda.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/11/2023 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

Os votos da maioría absoluta do PP bastaron para que o Parlamento de Galicia aprobase unha iniciativa contraria á lei de amnistía para os líderes do 'procés' catalán. Os dous grupos da oposición, BNG e PSdeG, votaron en contra e defenderon a constitucionaldiade da medida. Durante un debate no pleno da Cámara galega no que se coaron asuntos da política estatal, aínda que sen un carácter especialmente bronco, os populares subliñaron que a súa proposición non de lei (PNL) conta co "respaldo maioritario" das sociedades galega e española.

En concreto, a iniciativa aprobada este mércores, que estaba asinada por todos os 42 deputados do Grupo Popular, incluído o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, rexeita "calquera tipo de amnistía ou indulto xeneralizado (estes últimos si están prohibidos expresamente pola Constitución) para calquera grupo de cidadáns, calquera que sexa o seu delito"; así como reafirmar o "imperio da lei".

Ademais, outro dos puntos desta PNL anima aos "dous partidos maioritarios" en España (é dicir, PP e PSOE) a "buscar acordos de Estado que eviten que a sociedade española estea sometida ás condicións ilegais de partidos independentistas". O encargado de defender o texto foi o portavoz parlamentario dos populares, Alberto Pazos, quen afirmou, en base a tres rankings internacionais, que España "experimentou unha importante caída en calidade democrática" desde que en 2018 chegou á Moncloa o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez.

Nesta liña, o portavoz do PPdeG cargou contra unha amnistía que foi "mil veces negada" polo presidente do Goberno e os seus ministros, incluído o extitular de Xustiza Juan Carlos Campo, que agora é membro do Tribunal Constitucional. Pazos tamén se referiu á "interminable" lista de comunicados de diferentes institucións e colectivos contra esta medida de graza, así como as "honrosas excepcións" de voces de dentro do PSOE, como Felipe González e Alfonso Guerra.

PSDEG: "O GOBERNO OPTA POLO DIÁLOGO"

Fronte a estes reproches, o portavoz do PSdeG no Parlamento, Luís Álvarez, evidenciou que a orixe desta PNL está nas "expectativas defraudadas" que tiña o PP nas eleccións municipais e xerais: "Pasaron vostedes da frustración á rabia". Álvarez replicou que o obxectivo do recentemente reelecto presidente do Goberno é "defender os valores de democracia e igualdade" fronte ao modelo de "crispación e imposición" do PP que levou a que houbese en Cataluña "marca de independentistas".

"O Goberno do Estado opta polo diálogo e a convivencia. É necesario e preciso aprobar a lei de amnistía tramitada con luz e taquígrafos na Cámara Baixa", recalcou o portavoz do PSdeG, para cualificar como "plenamente constitucional" esta medida, citando casos similares en países como Reino Unido e Francia. Durante o debate, Álvarez situou ao PP na "onda reaccionaria" e ao lado de Vox, de Marine Le Pen e de Donald Trump coas manifestacións contra a amnistía e os acordos do PSOE, igual que o fixo, rememorou, contra a lei do divorcio en 1981, a do aborto en 1984 e a do matrimonio igualitario do 2004, entre outros exemplos.

Neste sentido, Pazos (PPdeG) replicou que o seu partido "sempre, sen excepción, condena toda violencia" e lamentou que os populares están "a esperar" a condena dos socialistas pola vandalización do coche do alcalde de Oroso, Álex Doval, cun raiazo que puña 'PSOE'; así como por "o escrache" a unha concelleira do PP en Ponteareas.

O BNG VE "UNHA CORTINA DE FUME"

Por parte do BNG, o deputado Luís Bará tirou de ironía para dicir que ve aos populares "enrabietados" cando se reivindican como "a quintaesencia da prudencia". "Anden con coidado, porque como sigan nesta deriva igual son vostedes os que teñen que pedir a amnistía", chanceou o nacionalista. Bará cualificou a medida como un "procedemento legal, normal nas democracias liberais europeas". De feito, apuntou que "en ningún sitio" da súa "amada Constitución" pon que estea prohibida a amnistía. "Por tanto, é interpretable, canto menos", apostilou.

Así, avanzou que o Bloque votaría en contra desta PNL "por reaccionaria, regresiva e porque tenta negar avances democráticos e solucións dialogadas" ao conflito catalán. Tamén apuntou que o que pretende o PPdeG é "desviar a atención" da xestión "nefasta" do Goberno galego: "Unha cortina de fume para que non se fale de sanidade, do desastre industrial e da débeda".

Durante o peche do debate, o portavoz do PPdeG reclamou aos socialistas que "rectifiquen" e voten a favor da súa proposta en contra dunha lei de amnistía que distinguiu da de 1977, antes da Carta Magna. Aquela, explicou Pazos, "si mereceu a pena" porque "buscaba protexer a demócratas que se dedicaban a atacar a ditadura". "Hoxe aproban unha amnistía para protexer a golpistas que ameazaron a nosa democracia. Hai unha diferenza moi notable", aseverou.

Pleno do Parlamento de Galicia presidido pola vicepresidenta primeira, Elena Candia
Pleno do Parlamento de Galicia presidido pola vicepresidenta primeira, Elena Candia | Fonte: PARLAMENTO DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta