Pacientes do CHUS denuncian que a xerencia está "manipulando" os datos oficiais sobre a ocupación de camas

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS conta que "o día 12 de xaneiro, ás 14.58 horas, 11 pacientes graves estaban aparcados nos corredores de acceso do servizo en padiolas e cadeiras de rodas e 41 co ingreso asinado en planta estaban ocupando as zonas de atención mentres agardaban por unha cama".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 14/01/2024 | Actualizada ás 13:26

Comparte esta noticia

A Asociación de Pacientes e Usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) denunciou este sábado a "manipulación" de datos oficiais sobre a ocupación de camas que está a facer a xerencia do hospital co obxectivo, segundo apuntan, de "banalizar o colapso das urxencias". Nun tempo no que a gripe está a provocar serios colapsos en moitos hospitais galegos, semella que aos pacientes non lle cadran as cifras aportadas polo Sergas, pois nos corredores dos centros de saúde vívese unha realidade ben distinta.

Novo corredor de urxencias para pacientes
Novo corredor de urxencias para pacientes | Fonte: Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS

"A pesares do relato oficial que nega o colapso dos servizos de urxencias do CHUS e da manipulación evidente das cifras publicadas no 'Pulso do CHUS' en relación coas camas ocupadas, moi a noso pesar, a túzara realidade imponse", aseguran dende a asociación nun comunicado remitido aos medios. Contan que "o día 12 de xaneiro, ás 14.58 horas, 11 pacientes graves estaban aparcados nos corredores de acceso do servizo en padiolas e cadeiras de rodas e 41 co ingreso asinado en planta estaban ocupando as zonas de atención mentres agardaban por unha cama".

"O grao de banalización do problema humano que se produce no servizo cando un paciente é colocado nos corredores, chega a tal nivel que o coordinador do servizo e a supervisión de enfermería habilitaron un corredor cunha mesa de control para que as persoas agarden, moitos deles en camisón, a ser trasladadas en ambulancia ou acceder a unha cama en planta", expoñen dende a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, que engaden que, "segundo fontes fiables nas redes sociais varias traballadoras de enfermería, negáronse, con bo criterio deontolóxico, a desenvolver as súas funcións nese entorno".

Con todo, lamentan que "agora non só se oculta a realidade cun relato construído a medida, senón que, ademais, e de acordo cas fotos que se acompañan a esta nota, manipúlase a información oficial publicada diariamente na páxina web do CHUS". "Segundo esta fonte oficial, os días 9 e 11 de xaneiro o número de persoas hospitalizadas no complexo hospitalario eran, respectivamente, de 931 e 928", apuntan, e desminten que, "non entanto, a porcentaxe de ocupación en médica era para os mesmos días do 57 % e o 93 %". "Con practicamente o mesmo número de pacientes en planta a ocupación da área de medicina interna en 48 horas aumentou, por arte de maxia, nun 36 %", denuncia a asociación.

"Parece evidente que os responsables sanitarios desta área poñen mais empeño en ocultar a realidade que en resolver o problema humanitario que se produce no ámbito asistencial da súa responsabilidade", critican. Os datos que aportan, finalmente, son os seguintes: "O número de camas existentes no CHUS é de 1.511 polo que nas últimas 24 horas o nivel de ocupación era de 804 camas (53 %), o que significa que un total de 707 camas están pechadas sen asignación de persoal facultativo e de enfermería, e isto sen contar as 73 camas do hospital Gil Casares que levan meses pechadas debido a paralización das obras de restauración". 

Pulso do CHUS do 9 de xaneiro
Pulso do CHUS do 9 de xaneiro | Fonte: Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS

Pulso do CHUS do 11 de xaneiro
Pulso do CHUS do 11 de xaneiro | Fonte: Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta