Os viños de Valdeorras, presentes en FITUR

Referencias vinícolas da comarca, maridadas con pratos elaborados a partir de produtos gastrónomicos autóctonos de Valdeorras como o botelo ou a cachucha, centraron a presentación impulsada dende a Ruta do Viño de Valdeorras no recinto feiral do IFEMA a cargo do chef José Manuel Mallón.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 30/01/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O espazo gastronómico impulsado pola Xunta, a través de Turismo de Galicia, en Fitur 2024 converteuse estes días nun magnífico escaparate promocional para os viños de Valdeorras. 

Elaboracións maridadas con viños de Valdeorras. Foto: CRDO Valdeorras.
Elaboracións maridadas con viños de Valdeorras. Foto: CRDO Valdeorras.

Responsable de cociña no Espazo Remollo, local emprazado no municipio coruñés de Ames, Mallón conduciu unha cata o pasado 25 de xaneiro na que os godellos da comarca cobraron especial protagonismo acompañando á degustación de pratos especificamente realizados para a ocasión como arroz con botelo ou croquetas de cachucha.

Os produtos cos que se elaboraron os pratos proceden da Serra da Enciña da Lastra e poden mercarse na Tenda da Rita, no Barco de Valdeorras. Este foi o establecemento encargado de subministrar a materia prima coa que Mallón elaborou as súas propostas.

Tanto o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez, como o máximo responsable da D.O. Valdeorras, José Ramón Rodríguez Castellanos, valoraron conxuntamente o programa gastronómico impulsado por Turismo de Galicia en Fitur como un “espazo orixinal, cheo de vida e dinamismo, ideal para dar a coñecer os viños da comarca entre os diferentes tipos de público que visitan esta relevante feira anual”.

No pavillón de Galicia da feira, no stand C07-09) tivo tamén unha interesante actividade, a proxección do tráiler do documental “Covas de Valdeorras”, impulsado pola Ruta do Viño para poñer en valor estas construcións típicas da comarca nas que antigamente se gardaba o viño para conservalo a unha temperatura axeitada e que, hoxe, forman parte do patrimonio etnográfico da zona converténdose incluso, algunhas delas, en exitosos locais de restauración. O pase completo do documental fíxose despois na Casa de Galicia en Madrid, nunha sesión especial na que se degustaron, tras a proxección, viños do territorio protexido valdeorrés.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta