Autobuses en Venezuela para ir votar ás eleccións de Galicia

A Hermandad Gallega, visitada por Rueda e o secretario xeral de Emigración, fan un chamamento masivo a votar o vindeiro 18 de febreiro.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/02/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A Hermandad Gallega de Venezuela ofrece transporte gratis a todos os galegos, socios ou non desta entidade, que queiran exercer o seu dereito ao voto nas eleccións galegas do vindeiro 18 de febreiro no Consulado de España en Caracas. Estes traslados terán lugar desde o sábado 10 ao xoves 15 de febreiro.

Alfonso Rueda e Antonio Rodríguez Mirando na Hermandad Gallega de Venezuela
Alfonso Rueda e Antonio Rodríguez Mirando na Hermandad Gallega de Venezuela | Fonte: Xunta

"En el Consulado dispondrás de todo lo necesario para votar. Solamente tendrás que llevar el pasarporte o DNI aún estando vencidos o con tu cédula de identificación en caso de no disponer de ninguno de estos", indica a entidade a través das súas redes sociais. Ademais, e xunto con estes anuncios, a Hermandad Gallega informa tamén dos requisitos para pedir as axudas individuais da Xunta de Galicia do 2024 para os galegos residentes no exterior.

Segundo o último censo son case 27.000 galegos os que aínda viven en Venezuela con dereito a voto. De feito, a axuda aos emigrantes deste país converteuse nun dos principais obxectivos do PP nos últimos meses.

VIAXES DE RUEDA E RODRÍGUEZ MIRANDA

Ata este país viaxou hai tres meses o secretario xeal de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda para, segundo a Xunta, "fortalecer os lazos coa comunidade galega e supervisar a xestión das axudas previstas pola Xunta para os galegos e galegas deste país". Miranda reuniuse con representantes do Centro Galego de Puerto La Cruz, o Centro Galego de Maracaibo e participou no acto de “acendido do Nadal” na Hermandad Gallega de Venezuela.

Chamamento en redes sociais da Hermandad Gallega de Venezuela para votar nas eleccións de Galicia
Chamamento en redes sociais da Hermandad Gallega de Venezuela para votar nas eleccións de Galicia | Fonte: Instagram

Uns meses antes, en maio, foi Alfonso Rueda o que estivo en Venezuela na súa primeira visita como presidente da Xunta. Alí reuniuse tamén con representantes da Hermandad Gallega para informarlles das axudas ao retorno e tamén aproveitou para criticar ao Goberno central ante os "abusivos recortes" á comunidade emigrante. 

Curiosamente, a Hermandad Gallega estivo sempre moi vinculada ao Partido Popular. Un dos seus ex presidentes, Felisindo López, tamén foi presidente do PP en Venezuela, así como presidente da Fundación para la Ayuda a la Ciudadanía Española en Venezuela, que realiza funcións asistenciais na comunidade galega e canaria daquel país. O pasado 27 de maio cambiaba a directiva da entidade para o período 2023-2025 que está agora presidida por Noemí Cendón Tizón, candidata polo Grupo Unión, que gañou con preto do 80% dos votos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Carlos Xunqueira d'Ambía

Viaxe ao país dos ananos