O crack, a nova forma de consumir cocaína que aumenta entre os mozos galegos

A Asociación de Loita Cidadá contra a Droga Alborada de Vigo asegura que "é certo que pode haber un aumento dos decomisos de heroína", pero "ese problema aínda non se está a trasladar, polo momento, aos centros asistencias, nos que non se veu un aumento expoñencial dos comezos de tratamento de heroína".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 21/02/2024 | Actualizada ás 21:02

Comparte esta noticia

Fai pouco máis de un mes, o xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Fernando J. Alonso, alertábanos de que "estamos nun momento complicado, porque vemos que non deixan de aumentar os envíos de droga con destino a Galicia", pois o ano 2023 foi o ano das grandes incautacións (do narcosubmarino atopado no interior da ría de Arousa ao barco pesqueiro de Vigo con máis de 2.000 quilos de cocaína no seu interior). E máis aló da mítica cocaína, tamén nos falaba da heroína, da que "Galicia sempre foi un punto de paso", mais o que lle preocupaba era que "agora se está a converter tamén nun punto de destino" (a finais de ano incautouse un tráiler de heroína con 30 quilos a bordo con destino á comarca do Salnés). Pero, sabendo que a chegada é maior, cal é a percepción dos centros asistencias de persoas drogodependentes?

Crack
Crack | Fonte: Arquivo

Dende Galicia Confidencial puxémonos en contacto coa Asociación de Loita Cidadá contra a Droga Alborada de Vigo, e o seu director xerente, Jesús Cancelo, asegurounos que, hoxe por hoxe, "estamos ao redor dos 13.000 pacientes ao ano e non subimos de aí en toda Galicia". Cabe lembrar que nos centros o que se recibe é a pacientes que comezaran o tratamento, é dicir, é o momento no que unha persoa toma contacto por primeira vez coa rede asistencial. En Galicia hai sete unidades de asistencia, algo así como un centro de saúde ou un centro ambulatorio ou de atención primaria, pero para persoas drogodependentes. Por iso hai que ter en conta que "os datos son algo testarudos", como explica Cancelo, pois só se poden rexistrar as persoas que piden axuda, non aquelas que teñen un consumo recreativo ou ocasional que aínda non lles xerou adicción como para darse conta de que teñen un problema. 

Así as cousas, Cancelo plantexa que "é certo que pode haber un aumento dos decomisos, e se se incautan 45 quilos de heroína, por exemplo, a algunha parte irían, algúns irían para Portugal pero de seguro que algúns se quedarían aquí en España". E estes decomisos "son a proba de que hai un problema, que está a ocorrer". Con todo, o profesional asegura que "ese problema aínda non se está a trasladar, polo momento, aos centros asistencias, nos que non se veu un aumento expoñencial dos comezos de tratamento de heroína", a pesares de que moitas veces é o que se escoita en medios de comunicación e na rúa, cando a xente di cousas como que "a xuventude cada día está peor, non para de drogarse". "A xente pode dicir moitas cousas, pero hai que demostralas dalgunha maneira, e os datos nos centros non din o mesmo, a pesares de que non podemos saber que é o que se fai coa droga que pasa por Galicia", afirma Cancelo. 

Neste senso, insiste no feito de que "se a xente consume pero ese consumo non lles xera un problema, non acudirán ao centro de asistencia nin pedirán axuda, porque serían o que denominamos consumidores recreativos, ocasionais". Cando acuden ao centro? "Cando teñen un problema máis serio, problemas familiares, económicos, sociais... Aí é cando piden axuda", explica dende a Asociación Alborada Vigo. E os danos non confirman que haxa un aumento expoñencial de persoas demandantes de axuda por enganche á heroína. En concreto, dos 13.000 pacientes que atenden estes centros ao ano en Galicia, unha porcentaxe ao redor do 40 % chegan polos inicios na cocaína e ao redor do 28 % polo comezo na heroína. Por tanto, a problemática que xera o consumo da cocaína segue a ser maior que o xerado pola heroína, que afectou á xeración perdida nos anos 80.

Cancelo indica que en Pontevedra hai uns 3.000 pacientes tratados con metadona e, no conxunto de Galicia, uns 6.000, pero "estes pacientes non son novos, que é o que nos debería preocupar, non se trata de xente moza que se está a iniciar no consumo (que a hai, pero son casos raros, aillados), senón dunha poboación enorme de xente maior, consumidores de heroína de 50, 60 e ata 70 anos, pertencentes ao que foi a xeración perdida dos anos 80 e 90 en Galicia". Estas persoas "están en programas de metadona, son consumidores de heroína e moitos toman a metadona porque non conseguen a súa rehabilitación, para reducir o risco e o dano de que cometan delitos ou de que se contaxien de enfermidades a través das xeringas e tamén para que poidan traballar e levar unha vida o máis normal posible".

Crack
Crack | Fonte: Arquivo

Así, o profesional insiste en que "se trata de consumidores antigos, segundo nos amosan os datos". "O grave realmente sería que agora se estivese dando ese tratamento de metadona entre o que eles chaman 'chavalada', algo que non está a acontecer", asegura Cancelo, que se amosa prudente ao respecto tamén, pois "pode ser que eso estea a ocorrer nas rúas e que aínda non lles xere unha adicción como para ter que vir a pedir axuda". Polo momento, con todo, amósase moito máis preocupado dende a Asociación Alborada Vigo pola cocaína, e "especialmente a cocaína fumada en forma de crack en narcopisos como os que se poden atopar en Vigo ou A Coruña". Aínda que os que a consumen "tampouco son precisamente menores, é xente xa adulta". Deste xeito, só queda agardar a ver o que ocorrera nun futuro e por as medidas de vixilancia e seguridade precisas para evitar que poida haber outra xeración perdida, non repetindo os erros do pasado.

QUE SON A COCAÍNA E O CRACK E CALES SON AS SÚAS DIFERENZAS

A cocaína é un pó branco que procede das follas secas da planta da coca, que crece en América do Sur. A cocaína en froma de crack é un tipo de droga que dá un 'subidón' moi intenso e case inmediato. O crack fabrícase cociñando pó de cocaína con bicarbonato, e rompéndoo despois en cachos chamados pedras ou rochas. Recibe ese nome porque crepita (ou fai 'crack') cando se quenta e se fuma. A cocaína na modalidade de crack véndese en forma de boliñas brancas ou tostadas (coma se se tratase de penso para gatos). Tanto a cocaína como o crack son moi aditivos e combinados son aínda máis perigosos.

A cocaína é un estimulante, o que significa que xera unha intensa sensación de poder e enerxía. Logo deixa de facer efecto (co crack ese 'baixón' acontece moi rápido) e o consumidor síntese nervioso e deprimido, cun forte desexo de consumir máis droga para volver a sentirse ben. De feito, a cocaína é tan aditiva que unha persoa pódese 'enganchar' a esta droga despois de tela tomado unha soa vez. Xeralmente, a cocaína inhálase ou esnífase a través do nariz ou inyéctase nunha vea (o crack fúmase en pipa).

Esnifar cocaína pode lesionar o tabique que separa as fosas nasais, poidendo crear un buraco no centro do nariz. A cocaína fai que o corazón lata máis rápido e que soban a tensión arterial e a temperatura corporal. Tamén pode facer que o corazón lata ou bombee dun xeito anormal. A cocaína é tan perigosa que, só con consumila unha vez, pode causar un accidente cerebro-vascular, un infarto ao corazón e mesmo a morte.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta