Incluír por lei cláusulas de igualdade nos contratos públicos e pide unha auditoría de concesións, novas propostas do BNG

Presenta a campaña 'Tempo de avanzar' para o 8M e chama a "non conformarse" con non retroceder en materia de igualdade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2024 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

O BNG presentará a próxima semana unha iniciativa lexislativa para propor unha lei galega que obrigue a incluír cláusulas de igualdade nos contratos públicos e o acceso a subvencións, á vez que anunciou que reclamará que se faga unha auditoría das condicións laborais nas que traballan as mulleres das concesións da Xunta.

Así o avanzou este xoves a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que participou na presentación da campaña dos nacionalistas galegos con motivo do 8M, 'Tempo de Avanzar', un acto no que estivo acompañada da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e mulleres integrantes do grupo parlamentario do BNG.

Na presentación, Pontón instou á sociedade a "non conformarse" cos avances en materia de igualdade, xa que "as desigualdades seguen sendo enormes" en aspectos como a asunción dos coidados a fillos e dependentes, "maioritaria por parte das mulleres", ou a renda media dos empregos, inferior no caso das traballadoras. A portavoz nacional do BNG lembrou que o 76 % dos traballos a tempo parcial son desempeñados por mulleres e que a fenda salarial supera os 4.500 euros anuais. 

Presentación da campaña do 8M do BNG
Presentación da campaña do 8M do BNG | Fonte: Europa Press

Por iso, instou á Xunta a "pór o foco" na situación laboral das mulleres, especialmente naqueles sectores nos que hai máis precariedade e, de forma específica, nas contratacións realizadas desde a Administración galega, como é o caso dos servizos de limpeza. "A administración é responsable da desigualdade", dixo Pontón, lembrando, por exemplo, que as limpadoras de Lugo estiveron 4 meses en folga reclamando melloras laborais.

"Queremos que todas as administracións públicas velen pola igualdade laboral das mulleres", apostilou. Para avanzar nesta cuestión, Ana Pontón propuxo que se realice unha auditoría das contratacións públicas financiadas pola Xunta con respecto á situación laboral das traballadoras, en ámbitos como o nivel salarial ou o cumprimento da lexislación. A maiores, pediu "blindar por lei que existan cláusulas de igualdade na contratación pública", algo que promoverá o BNG a través dunha iniciativa lexislativa.

'TEMPO DE AVANZAR'

Para este 8M, o BNG lanzou unha campaña baixo o lema 'Tempo de avanzar', na que chama a "non conformarse coa realidade actual" e os avances en materia de igualdade e "ser máis ambiciosos á hora de reclamar máis dereitos para todas". "Non é que chegásemos demasiado lonxe, é que aínda non somos iguais", dixo Pontón, que incidiu na necesidade de medidas para "erradicar a discriminación que seguen sufrindo as mulleres polo feito de ser mulleres".

Detrás do feminismo está o traballo de mulleres que "abriron o camiño", apuntou Pontón, que instou tamén a sentirse "orgullosas do que representa o feminismo galego" e da súa capacidade de mobilización en contra do "discurso da dereita e a extrema dereita, que quere levarnos cara atrás". No mesmo acto, a deputada Noa Presas fixo un chamamento á mobilización o 8M para "seguir demandando avances en materia feminista" e para que esta non se converta "nunha data ritual" e "edulcorada".

"Na última década as mobilizacións conseguiron grandes avances en termos de feminismo dos que estamos orgullosas", dixo Noa Presas, que alertou sobre o "renacer do patriarcado" a través de "forzas políticas profundamente machistas" e animando a non caer no "conformismo". A rexedora compostelá, pola súa banda, retomou unhas palabras de Begoña Caamaño para advertir que "é tempo de feminismo" nun momento social no que se di que "non teñen sentido as políticas feministas", pero no que "as desigualdades e a discriminación" seguen existindo. "Non é suficiente con que non haxa nin un paso atrás, queremos que siga habendo moitos pasos adiante", dixo Goretti Sanmartín.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta