Por Ángela Precedo | VIGO | 26/03/2024 | Actualizada ás 14:00
A cidade de Vigo, co seu estilo tan industrial e portuario, cheo do gris do formigón e das medianeiras insípidas, está dende o ano 2015 gañando cor. Hoxe chegar a Vigo é sinónimo de atoparse con centos de murais que adornan e tinguen de fantasía as rúas, noutrora apagadas, dunha cidade que apoia a arte urbana na súa máxima expresión. A día de hoxe, e despois de oito anos dende que se iniciou o proxecto 'Vigo, cidade de cor', xa non queda case recuncho da grande urbe que non estea coloreado, debuxado ou, alo menos, esbozado. Máis de 170 murais son os que realizaron ao longo destes anos diversos muralistas de talle autonómico, nacional e internacional. E o seu éxito é tal que mesmo hai rutas guiadas por estas creacións para que os visitantes poidan coñecer mellor o seu significado. Dende o Galicia Confidencial saímos a coñecer estes murais, precisamente, da man do guía Borja Concheiro, que realiza rutas de todo tipo pola urbe olívica, incluída esta.
DOA OA E A SÚA 'PHYTOLACCA DIOICA' PARA REFORESTAR O CASTRO
Aínda que xa nos anticipa que é practicamente imposible escoller entre os múltiples murais que tinguen a cidade, lévanos por algúns dos que el considera máis bonitos e especiais. Comezamos a nosa aventura no mural que realizou a artista galega Doa Oa no ano 2020 na rúa José Gómez Posada Curros, titulado 'Phytolacca dioica', incluído na súa acción 'Reforestando'. Podemos ver o lateral dun instituto (o IES do Castro, na zona do monte do Castro) pintado con múltiples motivos vexetais, plantas e follas con flores de diversas cores. Como nos explica Borja, "a idea da artista é rexenerar e encher de verde, de natureza, eses recunchos urbáns aos que tanta falta lles fai". E é que as cidades, a día de hoxe, caracterízanse por ter cada vez menos árbores, menos verde, e construír e construír edificios aproveitando cada recuncho. "Doa Oa sempre traballa con estes motivos naturais e as plantas e árbores que acostuma meter sempre teñen algo que ver co lugar no que traballa", para non rachar coa harmonía da paisaxe.
Doa Oa conta nas súas redes que "nos xardíns do instituto crece dende fai ao redor de 100 anos un Ombú, unha árbore orixinaria de América do Sur, de 15 metros e cunha copa de 30 metros cadrados, do que se di que foi un indiano quen o trouxo de Arxentina (onde se lle coñece como a árbore da bela sombra) a finais do século XIX". Polo tanto, refírese a esta árbore como "unha viaxeira que se integra na súa nova contorna, querida e coidada polo lugar que a acolle". Como asegura Doa Oa, "esta árbore é todo un símbolo para o instituto e son moitas as actividades realizadas ao redor da figura do Ombú, aproveitando a súa sombre ou desfrutando da súa compañía". No 2017 foi incluído no catálogo de árbores singulares (árbores senlleiras) de Galicia, polo que se considera que merece medidas especiais de protección, recoñecendo as súas excepcionais características de porte, significado cultural e interese científico e educativo. "Ogallá todas as migracións de todas as especies foran tan ben coidadas coma esta", desexa a artista.
ANA TARATIEL E A INNOVACIÓN DE PINTAR SOBRE O CHAN DUNHA CANCHA
Continuamos a nosa ruta cunha obra moi especial, por estar situada no chan dunha cancha de baloncesto con pista de fútbol, xusto enfronte, precisamente, do instituto vigués IES do Castro, con moita actividade entre os nenos do barrio. A obra foi feita pola artista catalana Ana Taratiel, moi cotizada hai uns anos e altamente demandada nos festivais de arte urbano de España, que traballaba nas rúas co pseudónimo de Ovni. Como nos explica Borja, "no momento en que se fixo, no ano 2021, foi bastante nova, porque tratábase de encher tamén unha superficie plana". Para admirar a obra en todo o seu esplendor o ideal sería poder facelo a vista de paxaro ou cun dron, aínda que dende a ladeira que hai nun dos laterais tampouco se ve nada mal. Para o guía, este "é outro xeito de alegrar, de darlle cor ás cidades" que "se está a facer bastante".
O seu estilo é pura abstracción, e artículase ao redor de 3 elementos: a cor, a xeometría e unha composición de tipo 'construtivo'. O seu traballo supón unha exploración constante de formas, materiais e soportes. Utiliza unha enorme variedade de técnicas. Destaca o seu interese pola arquitectura: os mosaicos árabes, as construcións de madeira, os quebracabezas...
PELUCAS E A SÚA COLABORACIÓN CON COREN ENCHE DE COR E FANTASÍA A RÚA
O seguinte mural que visitamos é toda unha explosión de cor e de fantasía. "O arte urbán, o arte na rúa, ten varios estilos, formatos e xeitos de facelo e, neste caso temos unha peza aquí moi interesante dun artista vigués máis interesante aínda que se chama Pelucas", explícanos Borja. Neste caso en concreto, "trátase dunha colaboración dun mural con permiso, pagado, pola tenda que está xusto ao lado, Coren, a marca de polos". Pelucas é un artista, como conta o noso guía, que "traballa moi ben as cores e, sobre todo, crea unha atmósfera, uns personaxes e un universo que só pode entender el mesmo, pero que participa moito co cidadán, porque eu paso por aquí todos os días coa miña bebé e sempre paramos aquí, falamos cos bonequiños, co señor ovo...".
Deste xeito, Pelucas "non só rehabilitou dalgún xeito esta esquina que era fea, gris, e estaba chea de sinaturas sen ningún control", senón que tamén conseguiu que a súa obra fose moi respectada, porque "cando algún artista fai unha obra pagada, se é recoñecido e respectado, respéctase a súa obra tamén". E neste caso o mural está conformado, como non podía ser doutro xeito estando encargado por Coren, dunha galiña e máis animais de granxa e de dous obxectos do mobiliario urbán, un pivote e unha boca de incendios, que tamén están decorados como personaxes do propio mural. "Para min é unha obra xenial dun artista galego e vigués que todos os días apreciamos moito no barrio", afirma Borja.
UNHA RAPAZA INDÍXENA CREADA POLA ARTISTA GLEO ADMIRA AO FREIXEIRO
Desprazándonos ata a rúa de Ramón y Cajal, no barrio de Freixeiro, atopámonos cun mural que xa nos saúda dende o lonxe: unha rapaza saída dun conto de tradición nativa latinoamericana coas súas flores no pelo, os seus grandes pendentes e a mirada no horizonte plasmada sobre a fachada lateral dun alto edificio. É unha obra de Gleo, unha artista colombiana que deixou a súa pegada en Vigo no ano 2019. Como nos conta Borja, "ela traballa sempre con mulleres" e "sempre indagando ou buscando un pouco as orixes, as raíces dos lugares" e "tendo moi presente a cultura indíxena". No caso desta obra na cidade olívica, tamén "integrou o tema vexetal, a fauna e a flora no lugar, conectando moi ben e en sintonía coas cores que o rodean", de tal maneira que, como asegura o guía, "a obra queda perfectamente integrada neste recuncho da cidade".
A Gleo, como explicou en varias ocasións, interésalle o proceso mediante o cal os símbolos e as culturas evolucionan e se adaptan para manterse no tempo. Pinta seres místicos que invaden estruturas de cemento, invitándonos a lembrar que somos seres vivos e parte dun todo que está fóra das cidades, non dentro delas. Gleo imaxina retratos surrealistas, cuxos rostros semellan tatuados, enmascarados e rodeados de grandes ollos amarelos, símbolos do poder e a sabiduría. O seu universo único trascende ás culturas como unha linguaxe universal.
DISNEYLEXYA, NON SÓ UN MURAL, SENÓN TAMÉN UN AGASALLO PARA A CIDADE
E non lonxe do mural de Gleo, na rúa Regueiro, aparece outro mural que rexenerou o muro dun colexio vigués. Neste caso é de Disneylexya, un artista que, como nos explica Borja, "encheu as rúas de Valencia coa súa arte, tivo alí moita repercusión e, finalmente, deu o salto a lugares como Vigo grazas ao proxecto 'Vigo, cidade de cor'". O seu nome fai referencia á idea de mutación gráfica baseada na reinterpretación e mestura de mitos da antigüidade coa súa propia simboloxía. No caso deste mural, atopámonos ante unhas cores, unha iconografía e personaxes moi recoñecibles, pois, como precisa o guía, "a súa obra é sempre moi recoñecible".
"Neste caso integrouse moi ben coa idiosincrasia da cidade, os peixes, o mar...", explica Borja. Pero o guía cóntanos unha anécdota: "Neste caso o artista non só deixou a súa pegada no mural para o que lle pagaron, tamén o fixo nas rúas, pois é algo normal que os artistas cando viaxan e van aos festivais de arte salan pola noite e deixen algún agasallo, algún presente para a cidade que non está no circuito 'on', por así dicilo". E Disneylexya así o fixo, pero foi borrado polos branqueamentos que se foron facendo dos muros da cidade para tapar a arte urbana. "Aquí en Vigo existe agora unha polémica, porque por unha banda temos os murais dentro dese proxecto, pero pola outra estase a borrar outro tipo de arte na rúa que non está tan dentro da legalidade", conta Borja.
Para seguir coñecendo máis murais da urbe olívica, invitámosvos a ler a nosa segunda parte desta ruta a partires desta noite!
Ver esta publicación en Instagram
Una publicación compartida de Galicia Confidencial (@galicia_confidencial)
Mural de Gleo en Vigo | Fonte: @gleo_coMural de Pelucas en Vigo | Fonte: @pelucaspilasbubblesMural de Ana Taratiel en Vigo | Fonte: @annaovniMural de Doa Oa en Vigo | Fonte: @doa_oa¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- O Consello da Cultura Galega creará un foro participativo tras unha reunión sobre lingua coa Xunta
- A Comisión de Cultura do Parlamento aproba o ditame de Lei de cultura inclusiva de Galicia
- A Xunta di que se compromete a fomentar o ensino do portugués en Galicia
- A Deputación da Coruña promove 'Arte no Camiño', un conxunto de murais artísticos no Camiño Inglés e Fisterra
- A Diocese Mondoñedo-Ferrol farase cargo da biblioteca da poeta Julia Uceda
- Volve o Culturgal con máis de 200 propostas entre o venres 29 de novembro e o 1 de decembro